Adiante con Monterroso Devesa!
O meu amigo Monterroso Devesa leva uns vinte anos sen pasar o inverno na Coruña, a súa cidade de nacemento, xa que prefire gozar do solleiro verán na capital da República Oriental do Uruguai. En Montevideo e perto do Parque Rodó e da praia Ramírez, ten un apartamento desde o que toma mate (sempre sen azucre) mirando ao do Río da Prata. As voltas da vida levaron a Xosé, collido da man de María Teresa Devesa Juega, ata un afastado lugar no norte uruguaio (Tacuarembó) onde naceran unha parte dos seus avós maternos. Alí cursou primaria e secundaria e logo en Montevideo fixo o bacharelato e comezou os estudos de Dereito que foron interrompidos polo seu retorno a Galicia. Aprobadas unhas oposicións ao ministerio da Facenda estivo traballando en Madrid, Cáceres, Xixón e A Coruña.
Eu coñecino no Patronato da Cultura Galega, na súa primeira viaxe ao Uruguai despois de instalarse definitivamente na Coruña. Foi no ano 1973 e desde aquela fixemos unha moi boa amistade xa que Xosé é unha persoa comprometida coa defensa da cultura galega e tamén coa promoción e recuperación dos galegos que deixaron pegada na xenerosa terra de Artigas. O labor de Monterroso Devesa é moi meritorio e ten unha dobre importancia pois mentras loitaba pola memoria histórica na recuperación democrática do noménclator coruñés tamén investigaba e publicaba sobre familias e apelidos galegos no Uruguai. Hai que dicir que o seu ingreso en actividades reivindicativas foi unha consecuencia do seu contacto coa xente do Patronato da Cultura Galega (en especial con Fernando Pereira Caamaño que era o secretario) pois en 1975 foi nomeado como delegado para as xestións que diante das autoridades franquistas permitisen a instalación dun busto, doazón do Patronato, a Castelao en Rianxo. Foi nesta iniciativa onde o meu amigo Xosé coñece ao doutor Sixto Seco, a quen se lle debe o maior recoñecemento xa que foi quen conseguiu a autorización para a primeira celebración pública en homenaxe a Castelao.
En 1986 e con motivo do Centenario de Castelao, o Patronato da Cultura Galega convoca o Concurso “Xesús Canabal Fuentes” (Castelao: onte, hoxe e sempre) sendo o traballo premiado é A emigración en Castelao (O tema da emigración no Castelao gráfico) da autoría de Monterroso Devesa. Estiven presente cando o xurado (Filgueira Valverde, Xaquín Lorenzo, Ramón Martínez López e Avelino Pousa Antelo) na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela, abre o sobre pechado que identifica ao autor do traballo premiado. Foi unha sorpresa xa que o meu amigo Xosé non me dixo nada sobre a súa participación no concurso. O libro foi editado no ano 1987 polo Patronato cun limiar de Fernández del Riego.
O meu amigo toca o piano (é titulado en Piano e Solfeo) e tamén escribe poemas (Cara o lonxe, noite adiante; Nau enfeitizada,) e ten impartido infinidade de conferencias (aló no sur e acó no norte) pero nos últimos vinte anos está centrado na investigación, divulgación e publicación de temas relacionados coa Xenealoxía e a Onomatoloxía. O seu rigoroso traballo sobre as raíces galegas de familias uruguaias e os apelidos galaico-portugueses é moi valioso e formativo xa que corrixe erros e inexactitudes e alumea en aspectos pouco claros da historia da emigración galega no Uruguai. Acabo de recibir, por correo electrónico, un texto que me enviou desde Montevideo. O seu título é Los gallegos de Tacuarembó e leva a seguinte dedicatoria: En los 70 años de nuestro arribo a Tacuarembó. Al Dr. Carlos Arezo Posada, amigo desde la infancia, por todo lo que me ha estado dando a lo largo de más de medio siglo. Coñezo ao moi cordial doutor Arezo e tiven o pracer de presentalo na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela nunha charla sobre o berce de Carlos Gardel (Carlos Escayola Oliva) o Tacuaremboense Inmortal que cada día que pasa canta mellor. O texto vai ser incluído na vindeira publicación de Monterroso Devesa que sigue engandindo documentación sobre os galegos no Uruguai. Neste texto, de só catro páxinas, fainos saber que o galego Manuel Vásquez de España tiña en 1808 unha estancia no Rincón de Tres Cerros con máis de 3000 vacas e 500 égoas e 60 cabalos. Foi o primeiro galego en asentarse nunhas terras do norte uruguaio que logo serán parte do departamento de Tacuarembó. Era nativo do concello coruñés de Carral. O labor investigador de Monterroso Devesa (consultou en todos os arquivos montevideanos) é moi importante xa que fixo moitas correccións de apelidos, datas, nomes e lugar de orixe de emigrantes galegos que deixaron descendencia no Uruguai.
Quero recomendar a lectura da súa publicación Mil e pico de nomes galegos do Uruguai (Galicia para uruguayos/Uruguai para galegos) pois considero que é de obrigada consulta para quen queira aprender e coñecer sobre a nosa emigración e os seus protagonistas. Son dous tomos (o primeiro do 2009 e o segundo do 2011) con varios apartados: Repertorio de nomes; Relación de apelidos; Relación de municipios, parroquias e provincias; Algunhas familias de orixe galega (1720-1840; Apéndice para lectores uruguaios; Apéndice para lectores galegos; Miscelánea emigrante; O apelido galego de hoxe. O autor expresa que os apéndices “dan a pauta da filosofía que encerra o presente traballo, xa indicada no subtítulo. Poisque vai dirixido, por unha banda, aos galegos de Galiza ---é por qué non, aos galegos do Uruguai---, para que coñezan un pouco máis a tradición glaica do Uruguai. E pola outra, e diríamos que con preferencia, quixemos descobrir ou exhumar esa mesma realidade para os uruguaios que tanta frecuencia a ignoran e, en consecuencia, non a valoran como ella merece”.
No vindeiro mes de setembro a audición radial Sempre en Galicia de Montevideo cumpre 75 anos e coido que Monterroso Devesa merece un recoñecemento pois nestes últimos vinte mantivo unha estreita colaboración co programa de radio, en galego, máis antigo do mundo. Eu sei que o meu prezado Toni de Seárez, o director de Sempre en Galicia, quere moito a Xosé e agradece a súa xenerosa achega. A miña suxestión vai encamiñada a que se teña en conta a todos aqueles que puxeron a súa voz e o seu agarimo para encher de saudosa alegría as mañás dos domingos montevideanos. Supoño que os membros da comisión que nomeu o Patronato da Cultura Galega para a elaboración dun programa de actividades conmemorativas, está analizando e considerando varias opcións de festexo para que o histórico aniversario sexa unha FESTA MAIOR da nosa cultura na capital da República Oriental do Uruguai.
- Manuel Suárez Suárez, Dende Lonxe de Montevideo.
ESPECIAIS TANGO
- Un inmenso creador chamado Carlos Gardel
- A realidade riopratense nas letras do tango
- As primeiras letras do tango.
- A Linguaxe do tango.
- O tango no sainete crioulo de Bos Aires e Montevideo.
- Os primeiros lugares de baile do tango: O Boliche de Pérez Gundín
- O alborecer do tango riopratense
- Os primeiros tantos e milongas (A emigración galega no tango riopratense).
- Os negros (A emigración galega no tango riopratense)
- Os gauchos (A emigración galega no tango riopratense)
- Os galegos no tango riopratense: Os barrios dos emigrantes
OUTROS ARTIGOS DENDE LONXE DE MONTEVIDEO
- En Montevideo desde 1950: Sempre en Galicia
- Imos a Montevideo para o cumpreanos de SEMPRE EN GALICIA
- Sempre en Montevideo desde 1950!
- O camiño de Montevideo
- Unha ducia de galeguismos na linguaxe popular riopratense
- “Nací en Galicia para ser un cantor del campo uruguayo”
- Viva Sempre en Galiza de Montevideo.
- Un día moi especial en Tines.
- A emigración galega no tango riopratense: Bos Aires e Montevideo
- Conversa con Carlos Penelas en Compostela
- Os galegos no tango riopratense
- O meu primeiro entroido montevideano.
- E que viva Montevideo!.
- Os galegos no berce do tango.
- Viva “Sempre en Galicia” de Montevideo!.
- Adiante coa CASA DE GALICIA de Montevideo!
- Carta do Apóstolo Santiago aos benqueridos irmáns da Casa de Galicia de Montevideo.
- Unha conversa no “Bar Facal” de Montevideo.
- A aterraxe dos voitres de Ribera Salud en Montevideo.
- Eu berro forte que a Casa de Galicia de Montevideo non se pecha!.
- O desexo de querer continuar existindo
- Eu defendo a Casa de Galicia de Montevideo!.
- Montevideo in Love.
- Quero estar en Ribadeo o 28 de xullo do 2024.
- Montevideo, 3 de setembro de 1950.
- Un moi xenial enxeñeiro: Eladio Dieste Saint Martin.
- Imos volver!.
- Pobre o meu Uruguai querido!.
- ¡Vos tenés que hacer siempre los deberes!.
- O entruido máis occidental de Europa.
- Montevideo, un lugar cheo de alegría.
- Bo camiño, Tabaré!.
- Vou a Montevideo.
- Moitas grazas, don Xosé.
- O polisón que casou coa miña curmá da Valiña.
- Aquel primeiro domingo en Montevideo.
- Imos volver!.
- Maracanaço.
- Un ferreiro de Tines en Montevideo.
- Aproveitemos o verán frenteamplista antes de que se nuble o sol!.
- Imos coa ola da esperanza.
- Un pequeno paseo por un recuncho do paraíso atlántico galego.
- O futuro da Casa de Galicia de Montevideo.
- As portas do Centro Galego de Bos Aires.