xoves. 23.01.2025
El tiempo

Sempre en Montevideo desde 1950!

Sempre en Montevideo desde 1950!

Neste ano 2025 o programa de radio Sempre en Galicia que se leva emitindo ininterrompidamente en Montevideo desde o 3 de setembro de 1950, cumpre pois 75 anos de meritoria sementeira de identidade cultural diferenciada. Foi na capital da miña benquerida República Oriental do Uruguai onde, despois do falecemento de Castelao en Bos Aires, os seus amigos e compañeiros de loita comezan a falar sobre a necesidade de non esquecer o seu legado ético na defensa dos valores identitarios da nación galega.

Coñecín e tiven moita relación con catro dos galeguistas (Xesús Canabal, Pedro Couceiro, Antón Crestar e Manuel Meilán) que estiveron no enterro do noso egrexio rianxeiro. Tamén viaxou a capital arxentina o ex deputado e ex presidente da Deputación da Coruña e tamén parente de Castelao, Alfredo Somoza Gutiérrez, pero por desgracia faleceu en 1951. Houbo varias reunións e propostas de homenaxe a Castelao ata que deciden a fundación dun programa radial, de periodicidade semanal, que só utilizará a lingua galega e que se chamará Sempre en Galicia. O nome do programa foi motivo de debate xa había quen defendía fose nomeado exactamente igual que Sempre en Galiza (o moi valioso e formativo ensaio de Castelao) pero acabouse decidindo, por unanimidade, que era máis axeitado o de Sempre en Galicia para non afastar a unha colectividade que o franquismo buscaba, desde a embaixada, ter da súa parte.  

Logo do acordo de fundar unha audición ou programa radial, o encargado de buscar unha emisora foi o meu inesquecible amigo lucense, Manuel Meilán Martínez, xa que polo seu traballo tiña unha relación comercial con Radio Carve. Don Manuel era o xerente da delegación dos laboratorios do doutor Andreu que elaboraban as famosas pastillas na contra da tos. Quero engadir que Meilán emigrara a Bos Aires e alí fíxose moi amigo dun emigrante dos Peares, Rodolfo Prada Chamocín, que era o director da delegación dos laboratorios do doutor Andreu. Cando os laboratorios cataláns falan de abrir un delegación en Montevideo, Prada faille o ofrecemento a Meilán que acepta moi compracido xa que aínda era un mozo solteiro. 

O meu amigo Meilán contoume que en Radio Carve tiña unha relación que ía un pouco máis aló do aspecto comercial xa que a familia propietaria da radio descendía dun galego emigrante apelidado Fontaina que evidentemente foi deturpado xa que o orixinal é Fontaíña. O certo é que Meilán puido obter un bo prezo polo espazo que se contratou de media hora semanal nos domingos e tamén o pedido do director apelidado De Feo de que fixesen unha programa que espallase sentimento para que poida manterse activo durante moitos anos. Eu coñecín en 1990 ao moi cordial Pablo Fontaina Minelli quen agradeceu mediante a entrega a Meilán dunha praca de bronce polos 40 anos de emisión pois era o espazo contratado máis antigo en CX 16 Radio Carve. 

Os anos foron pasando pero non houbo celebración que se poida comparar coa do 40º Aniversario xa que non se volveu a repetir a serie de actividades culturais que encheron Montevideo de aplausos de agradecemento a Meilán Martínez que era único dos fundadores con vida e aínda activo ao pé do micrófono e tamén aos esforzados herdeiros que agora mesmo, en cada mañá domingueira, manteñen o seu firme compromiso de informar en galego para formar aos netos que celebrarán o centenario de Sempre en Galicia no ano 2050. O 3 de setembro de 1990 actuou Milladoiro no Teatro Solís e foi emocionante  xa que os asistentes (máis de 1200) sentiron formar parte dunha irmandade que os unía coa vella terra atlántica de Rosalía de Castro. As miñas bágoas escorregaron xunto coas do meu benquerido Meilán cando se ergue do seu asento para saúdar e recibe un forte e longo aplauso de recoñecemento do seu moi valioso labor. 

A celebración de 1990 foi posible porque na Xunta de Galicia houbo sensibilidade para escoitar a miña proposta de homenaxe a Sempre en Galicia e por iso quero expresar a miña gratitude a Victorino Núñez, Daniel Barata, Paz Lamela e Xabier Senín. Coido que algo empeorou e non quero ser moi crítico coas autoridades pero a realidade é que non tivemos máis celebracións e tampouco recoñecementos de carácter oficial (distincións ou premios) agás de entidades privadas. Poida sexa o tempo de considerar que temos unha débeda coa emigración en Montevideo e intentar unha amortización no ano no que se cumpre o 75º aniversario do pasamento do noso inesquecible rianxeiro. Lembro que o busto en bronce de Castelao, instalado no rianxeiro paseo da Ribeira, foi unha doazón do Patronato da Cultura Galega de Montevideo. Coido que abondan as xustificacións para que desde Galicia se recoñeza a achega de aqueles emigrantes singulares que viviron lonxe dos nosos mananciais pero sen esquecer que o seu corazón quedou na súa aldea ao carón da fonte de auga fresca da que bebía na infancia. Espero que a capital uruguaia, o vindeiro 3 de setembro, estea de festa e ateigada da alegría dos emigrantes e descendentes que non esquecen aos loitadores devanceiros que ergueron un niño de solidaridade na moi acolledora terra do nobre Xosé Artigas, na beira do Río da Prata.

 

ESPECIAIS TANGO

OUTROS ARTIGOS DENDE LONXE DE MONTEVIDEO

Comentarios