mércores. 11.12.2024
El tiempo

O camiño de Montevideo

Manuel Suarez Camino de Montevideo aos 3 anos
Manuel Suárez, camiño de Montevideo con 5 anos
O camiño de Montevideo

A singradura do “Cabo de Hornos” desde o porto da Coruña ata o porto de Montevideo foi de vinte días [do 7 ao 27 de novembro de 1958] nos que eu, un neno da aldea de cinco anos, ía moi contento xa que despois de varios retrasos ía o lugar no que estaba o meu pai. A man de Valentina, a miña nai, coido que non me soltou ata que chegamos ao porto brasileiro de Santos. Alí recibín o agarimo do tío Xosé de Borneiro (casado na miña aldea con Fina que era unha das irmás de meu pai) e o saboroso agasallo dun fermoso acio de bananas (alí chámanlle “cacho”) que foron a miña comida ata chegar a terras uruguaias. Os anos pasan pero non esquezo que despois de dúas semanas de mareos e sen achegarme ao comedor para evitar os vómitos puiden gozar dunha froita que me gustou moito e foi o limiar da felicidade que axiña atoparía na capital da República Oriental do Uruguai.

O certo é que eu non tiven morriña xa que no novo espazo montevideano era feliz. Aquela cidade no outro lado do mar estaba chea de luz e de cores e de sons e de moitas letras en carteis anunciadores de comercios que eu nunca vira e preguntaba sobre o seu significado. O que lembraba da aldea eran os folladiños que a avoa Concepción me facía na tixola para merendar e tamén o chocolate que mercaba na feira de Baio. O meu barrio de Aires Puros tiña unha chea de árbores (chamados paraísos) nas beirarrúas que abeiraban dun sol que quentaba moito máis que o da aldea. O meu primeiro verán na capital uruguaia foi marabilloso e segue ben gardadiño no meu corazón pois en cadanseu día dos que pasaron ata o comezo da escola (o 15 de marzo de 1959) recibín os aloumiños de amables cidadáns que aínda que non me coñecían eran conscientes de que debían de trasmitirme ánimo e a esperanza dun futuro ventureiro nesta beira do Río da Prata.

O tempo vai pasando pero o meu agradecemento para quen me acolleu cunha aperta de irmandade, mentras viva, non perderá forza. Estou pensando que desembarquei tres días antes do domingo 30 que foi cando se celebraron unhas históricas eleccións nacionais (lexislativas e presidenciais) que deron comezo a sucesivos gobernos que non souberon manter a calidade da vida en democracia que caracterizaba a miña benquerida terra de Artigas. Agora mesmo temos outra cita coas urnas da que sairá un goberno honrado ou un goberno indecente. En 1958 a escolla era entre “blancos” e “colorados” pero na actualidade debemos de ser cautos e abrir ben os ollos para decidir se queremos luz ou escuridade. O triste é que cada vez máis está a medrar a ausencia de propostas que axuden a mellorar a convivencia en liberdade. Espero que triunfe a sensatez e don Yamandú sexa elixido para deixar atrás as inxustizas, as  coimas e as trapalladas dos mercenarios mediáticos. Coido é urxente poñerse a empurrar na mellora dos servizos públicos (máis e mellor educación e máis e mellor sanidade). 

 

ESPECIAIS TANGO

OUTROS ARTIGOS DENDE LONXE DE MONTEVIDEO

Comentarios