En Montevideo desde 1950: Sempre en Galicia
Quero insistir en que non debemos de esquecer aos emigrantes que loitaron activamente no mantemento da nosa identidade propia. Somos moi afortunados xa que espallamos suor honrado polo mundo adiante. A pena é que a maioría dos votantes escolle non avanzar e apoia a un partido que goberna para facer máis ricos aos que máis teñen. Un goberno que foi perdendo o pouco compromiso que tiña na defensa da cultura propia e por tanto non é do seu interese que o programa radial, en galego, máis antigo do mundo cumpra 75 anos de vida. Non hai dúbida que o feito é histórico. O que corresponde é agradecer e parabenizar aos fundadores e continuadores da que hoxe é a máis longa e ininterrompida homenaxe a Castelao: Sempre en Galicia.
A miña humilde colaboración no programa comeza uns meses antes de que o secretario do Patronato da Cultura Galega (Fernando Pereira Caamaño) decida retornar a Galicia (elixido alcalde de Soutomaior nas primeiras eleccións municipais) e foi para ler un breve texto, cada certo tempo, ata que a sucesora de Fernando na secretaría do Patronato (Iolanda Díaz Gallego) tamén volve pero vai instalarse, coa súa familia, en Barcelona. Estou a falar dos anos 1974/1975. A colaboración de Fernando e Iolanda era moi importante para axudar aos dous fundadores (Pedro Couceiro Corral e Manuel Meilán Martínez) que levaban ao pé do micrófono desde 1950. Ata o mes de abril de 1986 estiven indo cada venres do ano a Radio Carve para gravar o programa que logo era emitido o domingo. En maio de 1986 comeza a súa andaina xunto a Meilán (falecido o doutor Couceiro Corral) o meu bo amigo Toni de Seárez (X. A. García de Seárez Cabeza) quen viñera en algunha ocasión a gravar. O labor de Toni merece os maiores recoñecementos xa que despois da morte do meu querido Meilán (1994) é quen mantén, con moito ánimo, a herdanza dos fundadores.
Coido vai sendo tempo de lembrar a Alfredo Somoza Gutiérrez, un dos fundadores de “Sempre en Galicia” que non recibiu ningún recoñecemento pois faleceu un ano despois da fundación do programa. Hai que suliñar que dous dos fundadores, Canabal en 1985 e Meilán en 1987, foron distinguidos coa Medalla Castelao. Don Alfredo naceu na Coruña o 8 de abril de 1892. Era fillo dunha coruñesa e dun rianxeiro e curmán de Castelao. En abril de 1931 foi elixido concelleiro municipal e logo no mes de maio a deputación da Coruña elíxeo como presidente. Era un forte e activo defensor da autonomía o que o levou a ter discusións co seu amigo Casares Quiroga. Por iso é que demite da presidencia da entidade provincial en xullo de 1932 pero mantén a súa acta de deputado. Nas eleccións de 1936 sae elixido deputado dentro das listas da Fronte Popular en representación de Izquierda Republicana. Somoza formou parte da comisión de deputados que levou o proxecto de Estatuto de Autonomía a Madrid. A partir do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 tivo que agocharse para a salvar a súa vida. O seu sucesor na alcaldía (Alfredo Suárez Ferrín) foi fusilado polos golpistas o 31 de agosto de 1936. Estivo agochado en varias casas de amigos ata que en 1947 fuxe nun barco inglés que o leva ata o porto bretón de Brest. O seu curmán Castelao fala con don Xesús Canabal Fuentes para pedirlle que tramite o ingreso de Somoza no Uruguai. En maio de 1948 chega a capital uruguaia e pouco despois veñen a súa esposa e a súa filla.
Eu coñecín a súa filla, Manuela, no Patronato da Cultura Galega e tamén aos netos. A filla era unha muller de trato moi cordial, simpática e comprometida coa causa republicana. No seu apartamento montevideano de Bulevar Artigas puiden ver a obra de Castelao coa que agasallou a Somoza. Trátase dun pequeno óleo no que aparece un vello mariñeiro de Rianxo e coa dedicatoria de “Ao meu curmán Alfredo”, se mal non recordo. Espero que o aniversario de “Sempre en Galicia” sexa celebrado cunha Festa Maior. Desexo que os nosos descendentes sintan a emoción de ser membros dunha nación de futuro que non esquece aos que en tempos pasados foron buscar o seu lugar na acolledora beira riopratense. Os galegos somos agradecidos e non lle pechamos a porta aos fillos e netos da emigración. Aquí non hai espazo para que medre a intolerancia e o racismo xa que apostamos polo aumento da solidariedade e da inclusión social.
- Manuel Suárez Suárez, Dende Lonxe de Montevideo.
ESPECIAIS TANGO
- Un inmenso creador chamado Carlos Gardel
- A realidade riopratense nas letras do tango
- As primeiras letras do tango.
- A Linguaxe do tango.
- O tango no sainete crioulo de Bos Aires e Montevideo.
- Os primeiros lugares de baile do tango: O Boliche de Pérez Gundín
- O alborecer do tango riopratense
- Os primeiros tantos e milongas (A emigración galega no tango riopratense).
- Os negros (A emigración galega no tango riopratense)
- Os gauchos (A emigración galega no tango riopratense)
- Os galegos no tango riopratense: Os barrios dos emigrantes
OUTROS ARTIGOS DENDE LONXE DE MONTEVIDEO
- Imos a Montevideo para o cumpreanos de SEMPRE EN GALICIA
- Sempre en Montevideo desde 1950!
- O camiño de Montevideo
- Unha ducia de galeguismos na linguaxe popular riopratense
- “Nací en Galicia para ser un cantor del campo uruguayo”
- Viva Sempre en Galiza de Montevideo.
- Un día moi especial en Tines.
- A emigración galega no tango riopratense: Bos Aires e Montevideo
- Conversa con Carlos Penelas en Compostela
- Os galegos no tango riopratense
- O meu primeiro entroido montevideano.
- E que viva Montevideo!.
- Os galegos no berce do tango.
- Viva “Sempre en Galicia” de Montevideo!.
- Adiante coa CASA DE GALICIA de Montevideo!
- Carta do Apóstolo Santiago aos benqueridos irmáns da Casa de Galicia de Montevideo.
- Unha conversa no “Bar Facal” de Montevideo.
- A aterraxe dos voitres de Ribera Salud en Montevideo.
- Eu berro forte que a Casa de Galicia de Montevideo non se pecha!.
- O desexo de querer continuar existindo
- Eu defendo a Casa de Galicia de Montevideo!.
- Montevideo in Love.
- Quero estar en Ribadeo o 28 de xullo do 2024.
- Montevideo, 3 de setembro de 1950.
- Un moi xenial enxeñeiro: Eladio Dieste Saint Martin.
- Imos volver!.
- Pobre o meu Uruguai querido!.
- ¡Vos tenés que hacer siempre los deberes!.
- O entruido máis occidental de Europa.
- Montevideo, un lugar cheo de alegría.
- Bo camiño, Tabaré!.
- Vou a Montevideo.
- Moitas grazas, don Xosé.
- O polisón que casou coa miña curmá da Valiña.
- Aquel primeiro domingo en Montevideo.
- Imos volver!.
- Maracanaço.
- Un ferreiro de Tines en Montevideo.
- Aproveitemos o verán frenteamplista antes de que se nuble o sol!.
- Imos coa ola da esperanza.
- Un pequeno paseo por un recuncho do paraíso atlántico galego.
- O futuro da Casa de Galicia de Montevideo.
- As portas do Centro Galego de Bos Aires.