xoves. 12.02.2026
El tiempo
Miro Villar
21:29
12/02/26

Adeus ao profesor Xesús Alonso Montero, laudator temporis acti

Prsentación Tesiña Xuño 99
Adeus ao profesor Xesús Alonso Montero, laudator temporis acti

(De esquerda a dereita na foto, o finado doutor arxentino Juan Gervasio Paz Narbaiz -fillo do poeta muxián Xervasio Paz Lestón-, eu propio e o profesor Xesús Alonso Montero, no acto de presentación na compostelá galería de Sargadelos do volume A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudo. Ao fondo entre o público os amigos muxiáns Manuel Vilar Álvarez e Xoán Bautista Pose Paz, parente do poeta e daquela alcalde nacionalista de Muxía)

Esta mañá de febreiro deixounos a triste nova do pasamento do académico e o profesor Xesús Alonso Montero. Que a Terra lle sexa leve! Desde a mágoa recupero ou reescribo algúns parágrafos na súa memoria.

A biografía intelectual do profesor Xesús Alonso Montero está ateigada de numerosos e imprescindibles -moitos deles- títulos e algúns deles foron obxecto das miñas recensións críticas. Porén, farei acordanza de cando coñecín persoalmente ao profesor que moito antes xa era referencia indispensable nas miñas lecturas.

Non fun alumno seu até os cursos de doutoramento. Así, en 1996 fun discente no curso denominado «Guerra civil (1936-1939) e literatura galega» e ao ano seguinte doutro intitulado «Tres institucións: Real Academia Galega (1906), Seminario de Estudos Galegos (1923-1936) e Instituto Padre Sarmiento (1944)». Ambos e dous foron de moito proveito para min, de maneira especial o primeiro pois a cada sesión viña cargado con libros da época, editados no interior ou producidos no exilio, e sempre deixaba circular aquelas primeiras edicións entre o alumnado. Anos máis tarde habíame agasallar cun exemplar dun daqueles, concretamente A gaita a falare de Ramón Rey Baltar, que se publicou en 1939 destinado a acadar fondos para os combatentes republicanos.

Naqueles cursos alicerzouse o meu interese pola literatura galega de entreguerras e por suxestión da profesora Dolores Vilavedra decidín solicitarlle ao profesor que fose o meu director da Tese de Licenciatura, A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudo.

De feito, o primeiro artigo sobre o poeta muxián Xervasio Paz Lestón (Muxía, 1898 — Buenos Aires, 1977) na prensa galega que puidemos coñecer publicouno o académico Xesús Alonso Montero na súa columna no xornal coruñés La Voz de Galicia o 13 de novembro de 1994, onde citaba o breve artigo biográfico asinado por M. A. Baño na revista Alborada, da ABC de Corcubión en Bos Aires, en abril de 1979. De aí viña o meu propio coñecemento deste autor muxián, que era sinatura habitual nunha revista que puiden consultar nas coleccións privadas de Rafael Mouzo (ex-alcalde nacionalista de Corcubión), do historiador Luís Lamela ou das hemerotecas, en especial da que atesoura o Arquivo da Emigración do Consello da Cultura Galega, que houben de revisar para a elaboración da ficha que inclúe o Dicionario da Literatura Galega, volume II. Publicacións periódicas (Galaxia, 1997), coordinado pola crítica e profesora Dolores Vilavedra.

E a penas dúas semanas despois, o antropólogo muxián Manuel Vilar engadía algún novo dato aos achegados por Alonso Montero nun artigo na edición de Carballo do mesmo xornal o 13 de novembro de 1994.

Por parte, meu irmán Rafa Vilar exhumou varios poemas que lle fornecera o chorado e finado doutor Juan Gervasio Paz Narbaiz, fillo do poeta, no texto intitulado «Novas de América: a poesía de Paz Lestón», no suplemento Revista das Letras, O Correo Galego, 2 de marzo de 1995.
Non había moito máis. E o profesor converteuse no meu director da Memoria ou Tese de Licenciatura, A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudo, que foi lida e defendida o 29 de xullo de 1997, perante un Tribunal que presidía o finado profesor doutor Benito Varela Jácome e polos profesores doutores Arturo Casas Vales, Francisco Fernández Rei e Dolores Vilavedra Fernández, obtendo o grao de Licenciado coa cualificación de Sobresaliente. Boa parte do texto foi publicado co mesmo título posteriormente pola extinta Edicións do Castro (1998), o que o fai un volume de librarías de vello.

Uns anos despois asinei en co-autoría co profesor Alonso Montero o volume Textos e documentos para o congreso sobre García Lorca, poeta en lingua galega (13, 14 e 15 de xullo, Facultade de Filoloxía, Santiago de Compostela,1998), co que se agasallou ás persoas asistentes ao devandito evento, do que eu propio ía ser Secretario e do que fun afastado días antes por unha chamada da Consellería, así mo confesou doído don Xesús nunha conversa persoal, que nesa altura eran habituais entre nós. 

A nosa colaboración continuou en 1999 como recolle o volume, de libre descarga, Guerra civil (1936-1939) e literatura galega (Textos e documentos para unhas xornadas de estudio e debate), en edición literaria de Xesús Alonso Montero e eu propio, como material previo do congreso que baixo a mesma epígrafe se celebrou no Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela os días 14, 15 e 16 de decembro.

De co-autoría tamén foi a edición literaria da Poesía galega completa e textos en prosa de Emilio Álvarez Blázquez (Xerais: 2005) que foi unha proposta súa á editora.

E aínda nesa mesma liña de estudos da memoria histórica outra obra en co-autoría derivada do noso traballo común e que tivo moito suceso foi a obra Guerra Civil e Literatura Galega (1936-1939) (Xerais: 2006).
Nesa década tamén foi un excelente e implicado director para a miña Tese de Doutoramento en Teoría da Literatura e Literatura Comparada intitulada A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e Estudo, que foi lida e defendida o 25 de febreiro de 2008, obtendo o grao de Doutor coa cualificación de Sobresaliente Cum Laude. Dado que foi un labor de moitos anos, no traballo tamén aparece como titor o profesor Francisco Fernández Rei, xa que Alonso Montero non podía figurar ao ser profesor emérito cando foi defendida. Este magno traballo é de acceso libre na rede en varios lugares, como no repositorio poesiagalega.org, tamén deu pé ao libro Antón Zapata García. Biografía dun poeta emigrado ao servizo da II República (Laiovento, 2009).
Nestes trinta anos de trato persoal aínda tiven a sorte de colaborar co profesor en moitos outros proxectos de menor entidade e de aprender en todas e cada unha desas oportunidades.

Finalmente, da millenta de páxinas escritas polo profesor Xesús Alonso Montero reproduzo o texto da súa sección «Beatus qui Legit», que fora publicado o 1 de agosto de 1997 en La Voz de Galicia e que escolmou nun volume de artigos. Velaquí:

BEATUS QUI LEGIT
Xervasio Paz Lestón volve a Muxía
Xesús Alonso Montero

Poeta de interesante obra, non tardará en ser coñecido e valorado nos medios literarios e académicos, ata o de agora, verbo da súa obra, máis ignorantes ca desdeñosos. Trátase dun excelente poeta menos que escribiu e publicou os seus versos na Galicia Emigrante, en Buenos Aires, cidade á que chegou da idade de doce anos. De escasa fortuna, como tantos emigrantes, levaba con el o idioma das terras de Muxía, a súa patria, e nel, na súa fala natal, escribiu 183 poemas que hai tempo reclaman que unha man filolóxica os exhume, publique e examine. Esa man xa a temos desde hai tres días. En efecto, o 29 do pasado mes de xullo foi defendida na Universidade de Santiago de Compostela a Memoria de Licenciatura titulada A poesía de Xervasio Paz Lestón: edición e estudio.

O seu autor, Arximiro Villar González (Miro Villar), xa era coñecido por traballos non moi desemllantes ó presente. Miro Villar, por outra parte, é un poeta con voz e peso entre as voces poéticas de hoxe, condición esta, a de poeta, non secundaria á hora de examina-la obra doutro poeta. A súa Memoria de Licenciatura sobre Paz Lestón ten o rango e as características dunha auténtica tese de doutoramento. Así o entendeu o tribunal que a examinou o 29 de xullo.

Nado na aldea de Serantes, do concello de Muxía, no ano 1898, Paz Lestón chega en xaneiro de 1911 a Buenos Aires, onde falecerá en outubro de 1977 ós 79 anos de idade. Na súa biografía de autodidacta hai un episodio de especial trascendencia: as súas lecturas na biblioteca dun local do Partido Socialista próximo ó almacén familiar onde traballaba. Fillo lexítimo destas lecturas, a súa vida —e a súa obra— vai se-la dun progresista non alleo ó humanismo marxista. Algúns dos seus mellores versos arrincan deste humus.

Foi, con frecuencia, un poeta civil, e foino porque estaba convencido da necesidade e da utilidade dese tipo de poesía: execrou a Franco, chorou a Alexandre Bóveda, increpou o imperialismo ianqui, gabou o verbo rebelde de Curros Enríquez, cantou a Castelao… Na súa poesía había, sen embargo, outras musas. Cantou, por exemplo, os eidos matrios, que era unha forma de volver á infancia («Se canta lo que se pierde», dixo Machado). Destas páxinas, debo cita-lo poema escrito en 1948 co gallo da morte de Celestino Sar (o Seixas de Aboi), famoso regueifeiro a quen el, de neno, oíra recita-las súas brillantes improvisacións. Esas aulas —as dos regueifeiros, as da poesía dos fistores— foron a súa primeira universidade literaria.

  • Miro Villar, en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.

 

OUTROS ARTIGOS DE MIRO VILLAR EN QPC

 

ARTIGOS DE MIRO VILLAR SOBRE LÓPEZ ABENTE

Comentarios