Luns. 16.09.2024
El tiempo
Nando Lestón
16:12
29/08/24

A Boca

Vista aerea de Boca do Rio-Masmar
Vista aérea da Boca, cedida por MASMAR, para ilustrar a forma de serpe. Podemos ver a parte alta da Berberecheira, a parte media da Boca xa máis rochosa e a desembocadura que parte en dous a plaia

Vaia por diante neste artigo, a miña solidadidade e empatía, coa familia do señor que se deixou a vida na Boca do Rio.

Acostuman, turistas e visitantes que se caen polos lares do mundo, a informarse a través das redes e interné, sobre o destino que visitarán e que lles espera, polo xeral, cos brazos abertos.

A información que recibimos a través da interné e outros foros, acostuma a estar desvirtuada ou incompleta. Evidentemente cada destino fala de sí mesmo cas bondades e virtudes que posúe, información que, dentro dun mundo globalizado, carece de realidade, máis próxima en ocasións a un mundo ideal, idealizado e infantilizado que está promovido, como non, polas turoperadoras que viven unicamente ensimismadas na masificación turística.

Esta idealización sepáranos do real e concellos e autonomías participan deste festín, berrando portodoloalto: ESTAMOS AQUÍ E TEMOS TODO ISTO ESPERANDO POR TI.

A maior parte dos nosos turistas, aquí en Carnota, nin siquera saben o que é a Boca e onde está o Rio e cando deixan opinión sembran perlas como estas: "una playa excelente, tierra (tierra di) blanca y fina y con muy buena temperatura"... A seguinte opinión di: "el agua está congelada y llueve bastante... también en verano. Ahora está muy masificado. Supongo que tiene que ver con el Camino de Santiago". (aí las dao)

Xa vedes, para uns quente e para outros fría... para min morna. O tema dos tempos verbais á hora de dar unha opinión é importante... só cambiar el agua está, por el agua estabase non acabaremos por pensar que a auga está congelada sempre.

Outra opinión xa é de tipoloxía mística: "playa espectacular. Para os amantes de, ter espacio para andar e tomar o sol" (que ven sendo só para os amantes do normal, o resto aman as nubes e estar apelotonados).

Iso sí... prosigue cunha recomendación para o Concello, con certa osadía, así teremos unha praia para cada ún segundo os nosos desexos. "Que poñan WC públicos que amediados de xullo nin estaban os chiringuitos abertos ata as 4 da tarde. E de WC nada". Por supostos trasladaremos esto a alcaldía e apuntaremos tamén unha salita de estar e unha butic libre de impostos para que poda mercar un bañador por si se lle olvida no alpendre que ten por cerebro. Por certo... probe chiringuito.

De feito o ideal sería que o turista, dominguero e visitante, levase de volta o seu propio lixo para non sobrecargar o noso servicio de recollida, xa que de tan espectacular praia se sirven para sus sofocos veraniegos.

Quizais demasiado civilizado para tan reales posaderas. E sempre se olvidan que aquí vive xente todo o ano.

Non olvidemos por outra banda que "masificación" ven de "masa". A masa non ten forma pero dota a cada lugar da súa forma. Impersoal. Pero acaba por cambiar a forma natural e estrutura ambiental de cada lugar onde a masa pousa as mans...ca connivencia de autonomías e concellos, de novo.

Carnota comenza a vivir dos laics e das opinións externas a base dunha experiencia dun día, ás veces dunha tarde.

Pero quero retomar o foco.

Unha praia, menos a nosa ata agora, é na experiencia colectiva un lugar domesticado, de lecer e que de primeiras non formula perigos e dificultades. Para os turistas, unha postal. Non debería, por que olvidamos que a vida non é un lugar seguro e o mar tampouco. Estamos enfrascados nunha civilización ideal, parcial e pouco preparada para un mundo natural. Mundo Natural? Qué era eso?

As mareas, as correntes, o mar de fondo, as medusas, os peixes grandes e pulpos, os cambios de vento... os escorpións (Peixe). Mariñeiros e nativos sabemos delo, pero os portais non viven de asustar, ou de informar plenamente, non é o seu cometido.

Nos derradeiros anos en Carnota e noutros lugares dase unha paradoxa: canta máis xente menos vixilancia e socorristas. Unha bandeira é todo do que dispós e xa sabemos que caso lle fan algúns ás sinais, tanto na praia como na estrada. Pero o SISTEMA cúbrese as costas e a vida, perde.

Xa sabemos cales son a condicións laborais dos socorristas. Non vos semella dantesco que lles paguen unha m...a para logo salvarche a vida pondo en risco a súa... O Sistema atende ao Sistema, pero non á vida.

Cando falo de Sistema, falo da vida paralela que se crea arredor da verdadeira vida. O Sistema é unha vida inventada, adaptada. Unha recreación da vida real.

Fai anos, cando eu era neno, nun dos grandes outeiros da Boca, un letreiro pintado na mesma rocha decía, "PROHIBIDO BAÑARSE BAJANDO LA MAREA" en perfecto castelán.

A Boca leva cobrándose vidas dende fai muito tempo e desgraciadamente non terá por que ser a derradeira, se non, unha máis, como todas as outras. Ningunha máis importante. Todas importantes.

Cando falo de que a maior parte da xente vive ausente, emocional e fisicamente, do medio natural, é porque xa non vive nel. Non ten nin sinte a necesidade de observar como e cales son os mecanismos que fan funcionar a vida. Foron alonxados dela para vivir dentro dun medio autómata no cal se ven representados e apórtalles seguridade.

Un semáforo, un paso de cebra, un taxi, un bus, un carril bici, un metro, unha porta automática, unha tarxeta de crédito, un móbil... comida a domicilio e aínda así, cos mecanismos estruturados para que funcione o sistema, aínda así, unha señora é atropellada nun paso cando viña do supermercado.

A Boca do Rio é un sistema sinxelo que se comporta de modo complexo e imprevisible. Cada verán mostra unha cara nova (ao turista sempre lle semella a mesma), que se ve transformada ao longo dos invernos cos seus correspondentes temporais.

Este inverno perdemos entre cinco e seis metros de dunas; a area desmoronábase formando cantis e non esas formas redondeadas e suaves que estamos acostumados a ver.

A nada que ergas a mirada e sigas o curso da Boca, daraste conta de que esas pozas maravillosas que acostuman a ter no centro un outeiro, ca marea en plena baixada, eses outeiros convírtense nun obstáculo natural que deriva en turbulencias e remuiños. Ca corrente e os outeiros a auga vese desviada en muitas direccións e creanse bolsas que máis semellan aire que auga nas que entras en pequenos vacíos á hora de dar brazada.

Isto só se aprende ca experiencia, así que non verás muitos lugareños atravesando a Boca en plena baixada da marea. A velocidade que colle e todos os remuiños, moven a area, así que facer pé non é unha opción.

Ao mesmo tempo, incluso de marea medio-baixa, cando a auga che dá pola cintura, podes quedar atrapado nas areas blandas e levarte sustos considerables. Eu mesmo, de rapaz, estiven apunto de afogar nunha poza en forma de cono, apenas me movía máis me enterraba. A cana de pescar de Vintura, fixo o seu labor.

Por certo, non existe a praia da Boca do Río; a Boca parte a nosa praia en dous; por unha banda para Caldebarcos, pola outra O Canal de Pedrafigueira, Carnota, Mallou, Maceiras e Lira, aínda que éstes últimos ten a sua propia; Mar de Lira. A Praia, como tal, chega a Sofán.

O anaco de mar da desembocadura da Boca chámase Tombo, porque nós ás olas chamámoslle tombos, precioso nome que identifica con precisión o que facían as olas con nós... darnos tombos.

Outra cuestión, non menos importante é o descoñecemento xa subrrealista do que supón as subidas e baixadas do mar. Como o modelo que traen os nosos turistas debe ser Mediterráneo e non son máis que estereotipos de sombrilla colorista e baños de sol as tres da tarde, non se percatan de que aquí o mar Atlántico ten subidas e baixadas de marea importantes.

Así, sen mirar nin observar o comportamento do medio no que están a moverse, algúns turistas quedan illados ou na banda contraria da praia; estimulados pola magnitude, as persoas dan longos paseos e cando volven a marea xa subiu e a Boca corta o paso como se fose é así é, unha fronteira ou barreira natural entre lugares.

Informarse sobre as mareas é unha tarea sinxela que case ninguén fai. Os do Lugar non podemos facer outra cousa máis que rirnos "por lo bajini" e ver como se lamentan nas redes de que as mareas de Carnota non se adecuan ás súas necesidades.

Un aspecto a ter en conta, é a pouca interacción que hai entre os "nativos" e foráneos, xa que estes derradeiros non son amigos de preguntar por asuntos sinxelos que podían colaborar na dirección de gañar en coñecemento e seguridade; tales como as correntes, os ventos ou as mareas. Basicamente preguntan onde se pode xantar e confían no seu propio comportamento e actitude para afrontar un dia de plaia.

Unha das traxedias máis sonadas, durante anos, fui o afogamento dunha profesora de natación, cuido lembrar que era de León. Unha muller nova e preparada pero que se enfrentou a circunstancias descoñecidas para ela que remataron en drama.

Dicir por último que, os intres ideais para bañarse na Boca con bastante seguridade,s on cando o mar está arriba de todo ou cando o mar está abaixo de todo e, se ocorrese a circunstancia de que te ves arrastrado dende a Boca ata o mar, o mellor que se pode facer (é doado decilo pero non tanto facelo), pasa por manterte a flote e deixarte levar para máis tarde sair a nado en paralelo á praia, nunca perpendicular, pois nese caso luitarás de novo contra as correntes e elas son incansables e nós todo o contrario.

Espero que saibades encaixar os tintes de traxicomedia que destila este artigo. Dende o respeto e o pesar as nosas condolencias á familia que viu perturbada á súa vida nunha tarde que se supuña de lecer.

  • Nando Lestón, Artista, pintor e escultor que vive en Carnota. 

A VIÑETA DE NANDO LESTÓN

NOVAS RELACIONADAS

MÁIS ARTIGOS DE NANDO LESTÓN EN QPC

Comentarios