Martes. 08.10.2024
El tiempo

A mina de Corcoesto e os ingresos fiscais municipais

A mina de Corcoesto e os ingresos fiscais municipais

Traemos hoxe un artigo que nos envía o economista Jose A. Tricio Fernández sobre un asunto que non se leva tratado demasiado arredor do proxecto da mina de ouro de Corcoesto: os ingresos fiscais municipais:

"A mina de Corcoesto e os ingresos fiscais municipais", Jose A. Tricio Fernández

O economista Jose Tricio fálanos sobre os ingresos fiscais municipais

Son un galego de Monforte de Lemos residente en Xixón. Sigo con sumo interese todo o proceso sobre o proxecto mineiro de Corcoesto. Aínda que considero que existen razóns suficientes para oporme, non son dos que lles gusta entrar nunha suposta guerra de “bos” e “malos” optando polos argumentos duns e rexeitando os dos outros, senón que prefiro informarme e valorar, do mesmo modo, os documentos elaborados por todo tipo de expertos, independentemente da súa opinión particular, e valorando os aspectos positivos e negativos que calquera proxecto económico ten sobre o territorio, a poboación, formas de vida e as consecuencias futuras das actividades económicas a desenvolver.

Considero, ademais, que a toma de decisións da poboación afectada debería facerse en condicións de “xogo limpo” (quizá sexa utópico!), e a publicidade enganosa non debería presentarse como información contrastada. Non se pode pretender vendernos un proxecto mineiro como se fose unha loción contra a calvicie ou un método para adelgazar comendo o mesmo e permanecendo sentados diante do televisor. Sen embargo, atópome con que a empresa mineira publicita, sen máis matices ou explicacións, o seguinte:


  • "Unha vez extraído, o ouro vaise vender directamente dende Cabana de Bergantiños, onde a empresa ten a súa sede fiscal e onde se imputarán todos os impostos".

"Isto non é xogo limpo!"

Como é posible insinuar que todos os impostos quedarán en Cabana de Bergantiños? Ou quérese dicir outra cousa? Cales son as consecuencias fiscais reais das actividades económicas que teñen a súa sede fiscal nunha determinada zona? Non merecen os cidadáns unha información detallada para poder decidir democraticamente cal é o futuro que queren?

Os tributos implicados

Toda actividade económica, mineira ou non (un hotel, unha fábrica de queixos, un taller de reparación de automóbiles, unha explotación agrícola, un bar, unha panadería, unha perruquería, etc) está obrigada a tributar por iniciar e exercer a actividade, pola obtención de posibles beneficios, polo valor engadido xerado, etc. Estes tributos supoñen ingresos para calquera das tres Administracións Públicas do estado español (Estatal, Autonómica e Local). No caso que nos ocupa, a empresa mineira que explotará os recursos de Corcoesto, que tributos debe pagar?, a quen?, cantos deles quedarán para o concello de Cabana de Bergantiños?:

  • 1. Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITPAJD): Aínda que a empresa mineira constitúa unha sociedade (ou xa a constituíra) con domicilio social no Concello de Cabana de Bergantiños, este imposto, que se pagaría unha soa vez no acto da constitución da sociedade mercantil, está transferido integramente á Comunidade Autónoma de Galicia, polo que o Concello de Cabana non recibiría (ou xa non recibiu) nin un só céntimo do mesmo.
  • 2. Imposto de Actividades Económicas (IAE): podería ser ingresado no Concello de Cabana de Bergantiños, dentro dos epígrafes diferentes (212 - Extracción e preparación de minerais metálicos non férreos e 225.9 - Produción doutros metais non férreos n.c.ou.p.).
  • 3. Imposto de Bens Inmobles (IBI): a tributación dependerá do valor catastral dos terreos e da súa consideración como de natureza urbana ou rústica polo Concello. Hai que ter en conta que os terreos afectados teñen consideración rústica, polo que o Concello, salvo que cambie a cualificación urbanística dos terreos, dificilmente vai a percibir máis ingresos dos que percibe na actualidade.
  • 4. Imposto de Construcións, Instalacións e Obras: A tributación por este imposto podería ser unha fonte importante de ingresos para o concello, pero isto tampouco vai a suceder, xa que a declaración do proxecto mineiro como industrial estratéxico exime do pago do mesmo por levar implícita a non suxeición a licenza municipal, que é o que determina a obriga de pagar este imposto.
  • 5. Imposto sobre Sociedades: A empresa terá que pagar polos beneficios obtidos, pero como é un imposto estatal, ese diñeiro non quedará nin en Cabana de Bergantiños nin en Galicia. Mesmo o diñeiro que pode chegar a recibir a empresa en forma de subvencións ao capital concedidas pola Xunta de Galicia, deberán ser declarados como ingresos pero non tributarán en Galicia, senón na administración estatal.
  • 6. Imposto sobre Determinados Medios de Transporte e o Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica: O primeiro deles (coñecido como imposto de matriculación) está transferido á Comunidade Autónoma de Galicia e a empresa mineira pagaría este imposto á Xunta no caso de adquirir vehículos automóbiles suxeitos ao mesmo. O segundo é un imposto local que se paga anualmente (coñecido como imposto de circulación) que gravaría os vehículos da empresa mineira domiciliados no Concello de Cabana. No entanto a empresa mineira recorrerá ao renting ou a subcontratas que achegarán os vehículos e cuxo domicilio fiscal non estará en Cabana de Bergantiños nin ao mellor en Galicia, polo que o Concello e a Xunta non recibirán un so céntimo por estes impostos.
  • 7. Imposto sobre o Valor Engadido (IVE): Grava as entregas de bens ou prestación de servizos, mais no caso do ouro, a maior parte das vendas irán destinadas ao exterior (exportacións ou entregas intracomunitarias de bens). En ambos os casos, son operacións exentas de IVE, polo que non se producirían ingresos por este imposto nin para o Concello de Cabana de Bergantiños, nin para Galicia, nin para o estado español.
  • 8. Outros tributos tipo taxas: Podería habelos no caso de que a actividade mineira demandase a prestación de servizos ou aproveitamento de bens públicos. Neste caso, o aumento dos ingresos municipais levaría consigo un aumento igual ou superior dos gastos municipais ou autonómicos, polo que os beneficios para o concello ou a administración autonómica son cando menos dubidosos. Un aumento de ingresos por este tipo de tributos ten unha relación directa cos gastos correntes ou investimentos necesarios para esa prestación de servizos que se amortizarán no futuro. Por encima, estas taxas, deixan de abonarse cando remate a actividade da empresa, mentres que os gastos para o concello poden dilatarse no tempo.

En definitiva, os ingresos fiscais dunha actividade económica sempre hai que contrastalos cos gastos públicos que podería orixinar a mesma. Por exemplo, impostos sobre o tabaco fronte a gastos sanitarios derivados das enfermidades que provoca o tabaquismo; imposto de circulación de vehículos fronte os custes de construción e mantemento da rede de estradas; taxas sobre o consumo de auga fronte ao custe de construción e mantemento da rede de sumidoiros e depuración das augas, etc. Esta análise deberíamos facela en maior medida cando os custes para a sociedade ocasionados por unha actividade económica teñen que ser asumidos por unha administración distinta a aquela que percibe os tributos que esa actividade paga.

Un exemplo sobre o que reflexionar: Canto supuxo o desastre de Aznalcollar cando a balsa de tóxicos se derramou e chegou ao Parque Doñana? Compensaron os ingresos fiscais que tributou a empresa cos gastos públicos do saneamento do Parque? Moitos anos despois, a empresa nórdica non pagou nin un euro do desastre ecolóxico que orixinou.

E unha pregunta final: As actividades económicas que deixarán de existir, as que non poderán chegar a ser, ou as que quedarán hipotecadas pola presenza da mina, canto diñeiro deixarán de pagar en tributos?, canto deixará de percibir desas actividades o concello de Cabana de Bergantiños?

E pasada unha década, cando a mina sexa historia, poderán repoñerse esas actividades agora afectadas?

Conclusión: Hai alternativa

Os ingresos fiscais para Cabana de Bergantiños poderían vir de actividades agroalimentarias, industrais de transformación de madeira e moble, artesanía, hostalaría e turismo... E significarían iguais ou maiores ingresos fiscais que a actividada da explotación da mina de ouro a ceo aberto de Corcoesto.

  • Jose A. Tricio Fernández, Economista.

Máis información

Artigos relacionados

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios