Sor Modesta Salgado Berdía: unha abadesa e reformadora natural de Carballo

Porta de entrada ao mosteiro de Antealtares. Foto Luis Bermudez

Modesta Salgado, filla de Baltasar e Agustina, naceu en Carballo o sete de novembro de 1851, parroquia na que foi confirmada durante a visita do Cardeal García Cuesta, acontecida o 7 e 8 de outubro de 1865. Na súa partida de bautismo (fol. 222 vº) podemos observar a procedencia bergantiñá de todos os seus devanceiros: 

En la iglesia parroquial de San Juan de Carballo a siete días del mes de noviembre año de mil ochocientos cincuenta y uno yo, don Antonio María Collazo, cura párroco de la misma, bauticé solemnemente y puse los Santos Óleos a una niña que nació hoy a las doce de la mañana hija de legítimo matrimonio de don Baltasar Salgado, natural de Chamín y de su mujer doña Agustina Berdía que la es de Buño. Abuelos paternos don José Salgado y doña Juana Díaz, ambos difuntos y vecinos que lo fueron de la dicha de Chamín; maternos don Pedro Berdía, ahora difunto y natural de Bértoa, y doña María Rodríguez, natural de la dicha de Buño. Le puse por nombre Modesta. Fueron sus padrinos don Francisco Berdía y doña Josefa Berdía, tíos de la bautizada, a quienes advertí lo necesario… 

Aínda que parece que sempre tivo vocación relixiosa, foi aos 40 anos cando decidiu entrar como postulante no mosteiro de San Paio de Antealtares, en Santiago de Compostela, concretamente o día 10 de abril de 1891 (fol. 33 vº do libro do Consello). Pese a que hoxe en día mudaron as normas en canto á duración da etapa formativa nas comunidades, o 3 de maio de 1891 todas as beneditinas acordaron de xeito unánime permitir a Modesta tomar o hábito da Orde, sometendo a votación unhas semanas despois o mesmo paso para María Rosa Fernández (18 de xuño de 1891). A toma de hábito da nosa protagonista tivo lugar ás catro e media do día 14 de maio de 1891, como recolle                   -de novo- o libro do Consello (fol. 37 vº):

En este monasterio de San Pelayo, Orden de N. P. San Benito, a catorce de mayo del corriente año de mil ochocientos noventa y uno, después de obtenida la competente licencia, vistió el santo hábito de nuestra amada religión a las cuatro y media de la tarde doña Modesta Salgado Berdía, tomando el nombre de Sor Socorro de San Plácido. Y para que conste lo firmo. 

Era abadesa naquel entón M. Escolástica Sánchez. O nome que adoptou a carballesa facía alusión a dúas devocións moi vinculadas ao mundo beneditino. Por un lado, san Plácido foi discípulo de san Bieito, fundador e pai da Orde; por outro, a devoción á Virxe do Socorro -advocación que Modesta procurou como nome na súa toma de hábito- fora divulgada por Frei Juan Martínez Mogollón polo ano 1668. Este título mariano conta cunha destacada e fermosa capela na igrexa de San Martiño Pinario, edificio que foi nos seus tempos un importante mosteiro de monxes bieitos; por simpatías, as monxas tamén tiñan varias imaxes desta advocación no seu fogar de Antealtares. Modesta Salgado, en diante Sor Socorro, profesou solemnemente no ofertorio da Misa conventual do 5 de xuño de 1892.

Como calquera das outras monxas da comunidade, Sor Socorro tiña que acudir con puntualidade a todos os rezos das horas canónicas no coro (maitines, prima, laudes, tercia, sexta, nona, vésperas, completas...), escoitar devotamente a Santa Misa, participar nos actos de piedade e de meditación persoal... Do mesmo modo, tiña o encargo dun oficio ou servizo particular, para a mellor marcha do mosteiro. O 14 de xuño de 1906, festividade do Sagrado Corazón de Xesús, morre a abadesa María Dolores Basanta e Santiso. Unha vez que foron feitas as honras fúnebres, o día 30 de xullo acudiu o vigairo xeral don Juan José Solís Fernández, Bispo preconizado de Mondoñedo, para presidir a elección dunha nova abadesa para o mosteiro de Antealtares. Como durante varios días, pese ás recomendacións feitas polo Arcebispo de Santiago, non houbo consenso e nas votacións saían sempre as mesmas monxas, o prelado compostelán decidiu acudir ao Papa, propoñendo como candidata a Sor Socorro. O nomeamento desta carballesa como superiora non se fixo esperar: a Santa Sede foi favorable e o 17 de outubro de 1906 tomou posesión do cargo. Como apunta o Padre Colombás na súa obra Las Señoras de San Payo (1980, páxs. 506-515), a M. Socorro de san Plácido comezou a levar a cabo unha serie de medidas para mellorar a comunidade. Un dos grandes problemas e roces entre as monxas era “a vida común”, que consistía -a grandes trazos- en ser igualitarias e repartir os bens coas irmás de comunidade máis necesitadas. No novo libro do Consello (páx. 4), iniciado co seu cargo e co “fin de estampar en él con orden y claridad las actas del consejo”, vemos que en decembro dese ano “reunida la comunidad se aceptó la vida común en la forma que actualmente se practica en todos los monasterios de la Orden, en presencia de la madre abadesa y del R. P. Mauro Ruiz (...) y la entrega del peculio que cada una tenía para el fondo de la comunidad, con el cual se atenderá, como hasta el presente, a las necesidades de cada una”. A carballesa non quedou so aí: o 9 de febreiro de 1907 o Cardeal Herrera aprobou o Reglamento, elaborado pola M. Socorro e onde, fiel á Regra de San Bieito, fai fincapé en non ter bens propios, senón compartidos, apoia a creación dunha sala de labor e outra para o recreo, así como propón unha vida observante nos principios evanxélicos. Nesta etapa inicial, sempre apoiada polo Cardeal-Arcebispo de Santiago, procura que veñan á Antealtares dúas monxas de Oviedo, grazas tamén ás xestións do P. Mauro Ruiz, da comunidade de Samos. As relixiosas asturianas comezarían a ocupar cargos xunto coa abadesa unha vez falecidas as anteriores superioras. A M. Socorro lograría unha esmola do Cardeal Herrera para construír unha enfermería no mosteiro, da cal carecían e que era moi necesaria para atender ás irmás doentes. As pequenas obras de mellora do edificio fóronse sucedendo: ventás do claustro, teitos, etc.

O 18 de outubro de 1910 fora fixado como día doutra nova elección abacial; do mesmo xeito que nas outras votacións, non habería consenso e, seguindo o procedemento acontecido en 1906, foi imposta a M. Socorro. A enfermidade marcou a súa etapa de abadesa. Ao pouco de ser relevada no cargo por M. Matilde Reigada, no ano 1916, comezou a ser acometida dunhas severas dores, que a deixaron encamada ata a súa morte. A nova superiora rogou ao Cardeal nunha carta, con data do 16 de novembro dese ano, que puidese celebrarse unha Misa cada domingo na enfermería, xa que Sor Socorro non podía ser trasladada ao coro para asistir aos oficios relixiosos. Cada oito días, como relata a mesma misiva, baixaba para poder recibir a comuñón. Xa no ano 1895 a abadesa Sor Dolores Basanta daba conta que estaba enferma dende 1892, aínda que ía levando esta cruz con paciencia. M. Socorro permaneceu na enfermería que ela mesma mandara edificar con axuda do Cardeal Herrera ata as seis e media da mañá do día 8 de xuño de 1919, data na que faleceu. No libro de Espolios (que comeza en 1753, fol. 66 vº e 67 rº) podemos ver a súa partida de defunción:

En el monasterio de San Pelayo de Antealtares de la ciudad de Santiago, Orden de N. P. S. Benito, a las seis y media de la mañana de día ocho de junio de mil novecientos diecinueve falleció la M. R. M. Sor María del Socorro Salgado Berdía, natural de Carballo (…) a la edad de sesenta y ocho años después de haber recibido los Santos Sacramentos y demás auxilios espirituales (…). En el siguiente día nueve de junio del referido año de mil novecientos diecinueve se le hicieron los funerales que prescriben nuestras leyes, con la solemnidad posible, dándosele seguidamente sepultura en el cementerio de la comunidad. (…) Desempeñó el cargo de abadesa de esta comunidad, nombrada por su santidad durante dos cuatrienios. 

 

Outros artigos de Luís Bermúdez sobre patrimonio eclesiástico