Recunchos da Costa: As fervenzas de Pedrafigueira

Xa se van notando cales son os nosos accidentes xeográficos naturais favoritos. Hoxe visitamos outras augascaídas, desta volta no Concello de Carnota. As fervenzas de Pedrafigueira, tamén coñecidas como as Fervenzas das Fontes, son un conxunto de caídas de auga, cada unha máis fermosa que a anterior.
O lugar, ben agachado a unha beira do Bico do Santo, esa montaña de rocha que se ergue no medio da chaira de Carnota cunha cruz no curuto, atópase rodeado de carballos e fieitos, e o camiño é en si mesmo unha aventura, cheo de lousas e pedras centenarias.
O salto máis grande ten uns 10 metros de altura, e río arriba podes seguir descubrindo tesouros.

Montamos con Rubén Santamaría para coñecelas mellor:
Como chegar
Se partimos de Cee e tiramos pola estrada cara o sur, entramos no concello de Carnota ata chegar a Pedrafigueira, onde hai que coller un cruce á esquerda logo dun zigzag bastante pechado. Collemos a estrada e xusto antes de chegar ao pavillón collemos unha pista asfaltada á dereita, deixando un pequeno edificio da cooperativa á esquerda e o colexio á dereita. Tiramos pola pista cara arriba, pasamos un roteiro á esquerda que sobe ata o Bico do Santo, ata chegar a unha explanada onde habemos aparcalo coche.
A pista de terra comeza entón nunha pontiña por onde pasa un regato por debaixo. Subimos e subimos un quilómetro, quilómetro e medio e ao dar un par de curvas seguidas, chega unha á dereita dende onde se ve por primeira vez o Bico do Santo e o monte Pindo. Aí xusto, e deixándonos guiar polo oído, cae cara á esquerda un caminiño en condicións regulares, que baixa ata as fervenzas.
Topamos cunhas caídas, preciosas, sacamos unhas fotiños, pero coma o caminiño comeza a subir agora, seguímolo, pasamos unha construción de pedra de debía ser un muíño, e un pouco máis arriba está a de maior altura. Entre 10 e 15 metros de caída que impresionan. Pero a cousa non remata aquí. Seguimos subindo e as caídas sucédense en diversas formas e alturas. Unha máis baixiñas onde o auga esvara polo berce de granito, e outras que invitan a sentar embaixo para tomar unha masaxe, mágoa que non esteamos no tempo.
Outras caídas pequenas -Foto: Murosdesanpedro
OS RECUNCHOS DA COSTA
- A Férveda de Rus.
- A Fervenza de Budián.
- A Fervenza de Parga.
- A Fervenza do Rabiñoso.
- Os Penedos de Traba e Pasarela.
- A Fervenza de Vioxo-Chacín.
- A Fervenza de Santa Locaia.
- A praia de Seaia.
- A praia da Barda.
- Os Muíños da Ribeira.
- A área fluvial de Verdes.
- O Pozo da Orca.
- Praia fluvial de Carreira.
- As casetas da Feira na A Ponte Olveira.
- Pico de Meda.
- O Pozo Encantado de Salgueiros.
- O Fuso da Moura
- Pedrafita do Marco da Anta ou Menhir de Erboedo.
- A Ponte do Peón de San Crimezo do Ézaro.
- Cabo Roncudo.
- A ponte da Pontenova.
- A Furna do Osmo.
- Mirador de Louredo.
- A área recreativa de Gabenlle.
- O Cabo, e Faro, Vilán.
- As praias de Reira e o foxo do lobo.
- O Cemiterio dos Ingleses.
- As praias do Trece e a Duna Monte Branco.
- O hórreo de Carnota.
- O hórreo de Lira.
- A Fervenza de Noveira.
- O Casco Vello de Corcubión.
- Os petroglifos de Boallo.