Conservas de verán
No café Valdemar, na cidade danesa de Elsinor, a freguesía volve o bico e saúdache ao entrar. Fúmase, xógase e fálase de mesa a mesa. Sonche ben poucos a esta hora, mais vese que son fieis porque se coñecen e interpelan con frecuencia. A media de idade é alta dabondo.
Pedimos un par de cervexas para facer tempo ata a saída do próximo transbordador con destino a Suecia. Lore, a patroa, é unha muller simpática. Recíbenos fumando tamén, detrás da barra. As cervexas custan o mesmo que en Galicia (nova sorpresa). Sentamos nunha mesa de par da xanela. Ao noso carón, un tipo só cunha funda de instrumento de vento (unha frauta, un óboe?) olla para nós con timidez. As fiestras teñen cortinas de encaixe a media altura e carteis antigos decoran o interior. Gústame a música e este ambiente retro, lémbrame esa época xa remota previa aos smartphones.
-Gustaríame adoptar este bar -dígolle a Lady Chorima.
-A min tamén, mágoa o cheiro a tabaco -responde sen levantar os ollos do seu móbil.
-Hai moito que non entraba nun local como este. Síntome como unha figurante nunha película ou nunha peza de teatro.
-Ahá.
En realidade, iso sucédeme con frecuencia en Elsinor. A culpa non é só de Shakespeare. E esta cidade fermosa como un animal fantástico. Na mesa de en fronte, unha muller maior con aspecto de poeta bohemia conversa acompañada dun home novo e dunha segunda muller de idade media, sentada de costas a nós. Ao fondo, hai unha segunda sala ocupada cunha familia. Ao carón da entrada, dous paisanos xogan aos naipes e de cando en vez apostrofan a concorrencia ou alzan a voz para soltar algún exabrupto. Lore daquela achégase a poñer orde, como faría unha mestra nun aula. Mentres Chori despacha os seus asuntos vía mensaxería instantánea, eu vou tomando notas nun caderno.
-Non me fas caso -murmuro despois dun intre, en ton de reproche.
-Nada diso. Que fas?
-Acabo de rematar un ensaio de Mona Chollet sobre o noso afán consumista de imaxes na época dixital. Trata sobre a nosa forma de ler esas imaxes, o significado que encerran e como se relacionan co noso subconsciente, entre outras cousas.
-E que estás a anotar?
-As contas de Instagram e de Pinterest que cita, para seguilas ou botarlles unha ollada. Eu comparto ese frenesí pola pintura e a fotografía.
-Xa... E quen non? As imaxes son un estímulo para o maxín e os sentidos -di Chori, gardando o móbil-. A nosa cultura contemporánea é ante todo audiovisual.
-Si. Non hai máis que ver os niveis de “electro-escritura” das novas xeracións. Con todo, mesmo a cultura audiovisual nola están hackeando. Non che parece? IG, por exemplo, antes de que a mercase o grupo Meta, era interesante. Agora invadírona coa publicidade.
-Está claro, volveuse tan banal como a televisión -asente Chori, servindo máis cervexa-. A min só me amosan reels con receitas de cociña e gatos. Acabarei por desinstalarma do móbil.
-Eu, como Mona Chollet, fun facendo o meu “búnker”, a miña “arca de Noé” de imaxes.
-Eu creo que todo o mundo ten un almeiro así. O que nos falta, é tempo para gozar desas cousas.
Por certo, esta noite agasallounos con dúas fermosas imaxes: a do Kronborg, o castelo de Hamlet, completamente ás escuras. O Kronborg é como unha fortaleza polifacética: por unha banda é castelo, por outra capela e unha das dúas torres serve de faro. A segunda imaxe, que nos deixou cravadas na ponte do foxo, foi a dunha lúa chea xigantesca, alaranxada, sobre a cidade. Nese momento lembrei que estabamos a vivir a primeira lúa chea do outono. Que malia o caloriño de finais de setembro, o verán de 2023 xa pasou. E que nuns poucos días eu tamén vou marchar.
-Que imaxes gardas deste verán? -pregúntolle a Lady Chorima.
-Imaxes de que tipo?
-De todo un pouco, como a vida mesma. Facemos o noso resumo visual? A nosa “reserva especial” para os días grises? Como no “1,2,3, responda outra vez”, paréceche?
-Veña. Daquela empezas ti:
-O fume dos incendios de Canadá chegando a Galicia.
-Buah! O incendio de Tenerife.
-Os termómetros marcando 47 graos en Murcia.
-O 23J: ese 173 en vermello contra o 169 en azul da noite dos comicios.
-Inesquecible! Como os discursos da extrema dereita nos Concellos onde asumiu competencias.
Aquí poñemos cara de noxo e botamos un grolo.
-A rebelión sufocada de Wagner. O home que se estrelou contra Putin.
-Os ataques con drons e bombardeos en Ucraína.
-A cooperante catalá de trinta anos que se deixou a vida nesa puta guerra.
-As medusas e carabelas portuguesas desembarcando nas praias galegas por mor do aumento da temperatura do mar.
-O terremoto en Marrakech.
-As inundacións en Libia.
Aquí volvemos deternos, decepcionadas.
-E isto ía ser unha reserva para os días grises?
Lady Chor ri e bebe outro chopo de cervexa.
-Certo, estamos embalándonos...
-Veña, algo bo: o solsticio de verán que pasamos entre castiñeiros centenarios, xuntando herbas e flores.
-Si, si! O verán no Courel e A Ulloa!
-A mostra de teatro de Ribadavia.
-As dúas pezas da Panadaría!
-O orgullo mareiro en Laxe, a volta á política desas bandeiras que xa converteron en merchandaising.
-A imaxe do Congreso onde se falan os catro idiomas oficiais.
-E esperemos que non só sexa alí... Que sexa o principio dun cambio necesario. As linguas cooficiais deberían ensinarse en todo o Estado e os medios de comunicación tamén deberían estar dispoñibles en todas elas. Postos a desasnarse, que sexa universal, non? Basta de presentar como problemático (e politizado) este tesouro lingüístico que temos nas Hespañas e que é noso, do pobo. Canles públicas dispoñibles nesas catro linguas, intercambios escolares e universitarios para coñecelas e favorecer a convivencia de verdade, presencia e visibilidade de todas elas en todo o territorio... Dereito constitucional a ser plural!
-A final da liga de fútbol contra Inglaterra!
-A foto da semana pasada coas xogadoras da selección española e sueca en Gotemburgo amosando a pancarta co hashtag #SeAcabó.
-María Jiménez, DEP.
-...
-...
-Tomámoslle outra?
-Con patacas fritas?
-Veña!
Deixamos pasar a hora de saída do noso barco. E a do seguinte. Total, hainos durante toda a noite.
Temos moitas imaxes para conservar!
- Lola Rontano. Flâneuse afincada na Costa da Morte, autora da novela Austroatlántica.
Outros artigos de Lola Rontano en QPC
- Consuelo e Antoine de Saint-Exupéry.
- As terrazas de Camariñas.
- As tetas e o paraíso (donas lliures)
- Bolivarianos en Gotemburgo.
- 'Mediterrantes' en Suecia.
- Sen preguntas nin respostas.
- As libeliñas de Debod
- Un western marítimo
- O mundo dos vagalumes.
- Meter un cerebro de muller na cabeza dun home (e outras cuestións palpitantes)
- A estación escura.
- Velaquí Outono (Claustrofobia, Alcohol e Alta Tensión)
- De soños, cans e naufraxios.
- Romanza da A6. Páxinas da España baleirada.
- A hora en punto das baleas.
- Unha vocación (re-co-)lectora. Carta aberta de Lady Chorima co gallo do día das árbores e dos libros.
- Transhumanismo sen lei.
- Algunhas posverdades.
- Vacina Bakunin.
- Baixo Miño Suite.
- 11.000 novos cretinos
- En modo “natureza”: Carta aberta á veciñanza da Costa
- O futuro na liña vermella. De ratos e de humanos.
- Aburiño, Arxentina. Sobre as cores de identidade.
- Baixo a praia están os lastros (Novas austroatlánticas)
- Vindicación da Ponte entre Arxentina e Galicia: Ser muller, hipoacúsica e inmigrante.
- A nosa cinza.
- 50 anos de Stonewall: 28 de xuño, día do orgullo a toda costa.
- Disforia post-electoral.
- Bixby en Viena con Ultravox e as últimas eleccións.