Venres. 04.10.2024
El tiempo

Unha emigrante de Sarria chamada Iolanda

Unha emigrante de Sarria chamada Iolanda

Estou a lembrar cando lle pedín ao doutor Sixto Seco que falase co presidente Fernández Albor (amigo seu e tamén socio na clínica compostelá “A Rosaleda”) para que a Xunta lle concedese a medalla Castelao ao moi egrexio loitador galeguista, residente en Montevideo, Manuel Meilán Martínez. Un pouco antes, no ano 1985, recibira a medalla outro emigrante tamén ancorado na capital uruguaia, Xesús Canabal Fuentes. Neste caso a iniciativa foi do propio médico de Mugardos que admiraba o labor galeguista e a solidaria man de don Xesús que sempre estaba onde era necesaria unha axuda. Pois agora corresponde engadir aos dous premiados a unha muller (Iolanda Díaz Gallego) que foi o sangue novo que desde Sarria achegou a súa paixón nas actividades que defendían a identidade propia de Galicia na capital da República Oriental do Uruguai.

Lembro que coñecín a Iolanda no ano 1971 nos cursos que impartía o “Patronato da Cultura Galega” nun pequeno local alugado nunha galería comercial do centro de Montevideo. Alí xunto a Iolanda que se encargaba do curso de literatura galega, estaban Carlos Zubillaga Barrera (clases de historia) e Fernando Pereira Caamaño (clases de lingua galega). Cando a coñecín quedei engaiolado pola súa forza emotiva e conteille que recén chegado a Montevideo fora levado por meus pais ao Teatro Odéon para asistir a representación de O fidalgo do carballés Xesús San Luís Romero. O meu desembarco foi o xoves 27 de novembro de 1958 (tiña cinco anos) e o sábado 29, ía a un teatro onde falan galego. Díxenlle a Iolanda que anos despois, escoiteina recitando un poema en “Sempre en Galicia” e que meu pai comentou que eu xa a coñecía de vela no teatro. A verdade era que pouco lembraba da obra pois os meus recordos eran pola sorpresa de ver un gran salón ateigado de persoas que estaban caladiñas ata que cando remata a función se erguen para aplaudir.

A traxectoria de Iolanda en Montevideo merece os maiores recoñecementos xa estivo empurrando en todo o que fose defensa e promoción dos valores culturais diferenciados de Galicia. Formou parte activa do Centro Lucense (Meilán era o presidente) e na fundación da “Casa Compostelana” que era unha entidade encamiñada a recadar fondos para axudar ao recén creado “Patronato Rosalía de Castro” que buscaba mercar a casa onde morrera a cantora do Sar. Tamén estivo na orixe do Patronato da Cultura Galega que foi a asociación na que se implicou con ánimo e foi unha peza básica na súa consolidación. Quero suliñar xa que é pouco coñecida a súa tarefa de mecanografado dos centos de folios que Otero Pedrayo escribiu para a Historia de Galiza (Editorial Nós, Tomo I e II) que se imprimiu en Montevideo no obradoiro gráfico “Barreiro y Ramos” en 1962. Otero Pedrayo enviaba por correo os textos, manuscritos, cunha letra que moitas veces cumpría interpretar. Cando Iolanda tiña dúbibas, falaba con Lois Tobío que era o encargado da supervisión da edición. Daquela Iolanda traballaba no “Banco de Galicia” e aproveitaba, sempre que podía, a dedicarlle algún tempo ao uso da máquina da oficina para pasar a limpo os manuscritos de don Ramón.

Coido que unha das maiores virtudes de Iolanda era a súa simpatía que lle permitía abrir moitas portas nunha colectividade que desde a “Embaixada” se dedicaba ao ensalzamento do “Caudillo”. Os galeguistas eran minoría na colectividade emigrada e o Patronato da Cultura Galega non formaba parte da “Federación de Sociedades Españolas del Uruguay” e por tanto non recibía ningunha das axudas que repartía o Instituto Español de Emigración, fundado en 1956. Quero lembrar unha boa xestión de Iolanda que lle permitiu ao recadar ao Patronato uns bos pesos ao tempo que se evitou o veto da “Embaixada”. A compañía Iberia regalaba un billete aéreo a Madrid para que as sociedades fixesen unha rifa e así recadar fondos. O Patronato foi excluído do agasallo, como así tamén o Casal Catalá e o Euskalerría, pero Iolanda conseguiu un billete gratuito por medio de “VIAJES COT” (Compañía Oriental de Transportes) que era a axencia de viaxes na que traballaba. O gañador do sorteo foi Sande, un emigrante que tiña a concesión do Hotel El Mirador de Colonia.

Son moitos os méritos de Iolanda xa que ao exitoso labor en Montevideo súmase a súa moi eficaz traxectoria en Barcelona. Tendo en conta que, por desgracia, xa non podo contar coa colaboración do doutor Sixto Seco quero facer a suxestión de que o concello de Sarria e a deputación provincial de Lugo (sexa individual ou conxuntamente) presenten á atención da Xunta de Galicia a petición de outorgamento da MEDALLA CASTELAO para dona Iolanda. Sei que se recibe a distinción vai sentir a maior das emocións xa que ela sempre actuou, camiñou e sementou identidade nos vieiros da emigración en cumprimento dos ideais patrióticos da nai Rosalía e do pai Castelao.

 

OUTROS ARTIGOS DENDE LONXE DE MONTEVIDEO

Comentarios