P. Lino Gómez Canedo, un ilustre franciscano natural de Bergantiños

O frade Lino Gómez Canedo.Foto-Revista Nos

A Orde Franciscana é unha familia relixiosa de grandes personaxes: dou moitos santos, pero tamén dou homes de ciencia e sabedoría. Entre estas grandes figuras é imprescindible citar ao P. Lino Gómez Canedo, natural de San Xián de Coiro, no concello da Laracha, onde naceu o 24 de xuño de 1908, no seu dunha familia labrega. A súa fe de bautismo é a seguinte (fol. 134 rº):

En la iglesia parroquial de San Julián de Coiro, término municipal de Laracha, provincia de La Coruña, a veinticuatro de junio de mil novecientos ocho, don Luciano Canedo Moreda, párroco de la referida y unido Santa María de Erboedo, bauticé solemnemente y puse el nombre de Lino, a un niño que nació el mismo día, hijo legítimo de José Gómez Domínguez y Carmen Canedo Cambón, naturales y vecinos de Coiro. Abuelos paternos Antonio Gómez García y Rafaela Domínguez, naturales esta de Erboedo y aquel de Coiro, donde son vecinos; maternos José Canedo Suárez y Francisca Cambón Añón, naturales esta de Vilaño y aquel de Coiro, donde son vecinos. Fueron padrinos dichos abuelos paternos… 

Segundo podemos ler nalgúns resumos sobre a súa vida, Gómez Canedo iniciou os seus estudos en Herbón, pasando despois ao convento de Canedo (Ponteareas); cursou Filosofía en Vistahermosa (Ourense) e Teoloxía en Santiago. A xulgar pola nota marxinal da súa partida, fixo a profesión solemne no convento de san Francisco de Castroverde de Campos o 25 de xuño de 1929, sendo ordenado presbítero o 14 de xuño de 1931. Tomara o hábito o 25 de agosto de 1923 e emitira a profesión simple o 26 de agosto de 1924. Vendo as súas altas capacidades intelectuais e a inclinación polo estudo da Historia, foi designado axudante do P. Atanasio López. En 1933 marchou a Roma para estudar Historia da Igrexa na Gregoriana, onde se licenciou e doutorou; aparte disto, completou os seus estudos cursando arquivística, paleografía e diplomática. En 1941 instálase en Madrid, onde desenvolve tarefas de docente e investigador. Sen embargo, en 1946 obtivo unha beca da Xunta de Relacións Culturais do Ministerio de Asuntos Exteriores e, por este motivo, dirixiuse a Nova York. Nesta etapa desenvolveu a faceta máis recoñecida del, a de investigador da historia de América. Con apoio de máis becas puido recorrer a gran parte dos países hispanoamericanos, Estados Unidos e Canadá, recollendo nos seus arquivos valiosa información sobre a acción española, a historia dos franciscanos (que tanto ben fixeron evanxelizando eses territorios) e a educación das poboacións nativas; en resumo, dedicouse a estudar a evanxelización e o descubrimento dos novos territorios. En 1951 foi incorporado á Academy of American Franciscan History de Washington, na que tamén traballaría incansablemente. Pertenceu como académico á Real Academia Galega, á Real Academia da Historia, á Academia Colombiana de Historia, tamén á Academia Colombiana de Historia Eclesiástica, á Academia Nacional da Historia de Venezuela e era membro da Sociedade Mexicana de Historia. Organizou o arquivo diocesano de San Juan de Porto Rico; foi conferenciante por medio mundo, docente nas mellores universidades e centros... Na páxina web da Revista Liceo Franciscano podemos ver unhas oito páxinas que recollen as súas publicacións, moitas delas centradas en reflexionar e divulgar o labor dos galegos na Igrexa, na política e na sociedade americana. 

O P. Gómez Canedo faleceu en México o 24 de decembro de 1990, sendo sepultado -como indican varias notas de prensa- na igrexa de san Francisco de Tilaco, en Querétaro. Como recoñecemento a este ilustre veciño, foille dedicada unha rúa no centro da Laracha. 

Outros franciscanos desta época naturais de Bergantiños foron:

  • Frei Antonio Martínez Amado, nacido o 18 de xaneiro de 1900 en Canduas; tomou o hábito para lego o 15 de xaneiro de 1921. 
  • Frei Jesús García Figueroa, nacido en Anllóns o 24 de maio de 1894; tomou o hábito de san Francisco o 9 de maio de 1924.
  • P. Luis Ramón Varela Ramos, nacido en Lestón o 13 de agosto de 1908. Tomou o hábito o 28 de agosto de 1924, profesou solemnemente o 29 de agosto de 1930 e foi ordenado sacerdote o 21 de maio de 1932. 
  • P. Ramón López Capelán, natural de Coiro, onde naceu o 26 de maio de 1910. Tomou o hábito o 26 de xullo de 1926; profesou solemnemente o 25 de xuño de 1931 e foi ordenado presbítero o 22 de xullo de 1934. 

 

Outros artigos de Luís Bermúdez sobre patrimonio eclesiástico