Mércores. 01.05.2024
El tiempo

Doble derbi para pechar unha tranquila Liga Provincial para Vila de Cee, Ponteceso FSF e Fisober B

Doble derbi para pechar unha tranquila Liga Provincial para Vila de Cee, Ponteceso FSF e Fisober B
Imaxe do derbi Ponteceso-Vila de Cee-Foto-David Castro

Cun ollo na Selección Coruñesa, pois conta con ata 8 xogadoras costerias, celebrouse esta fin de semana a última xornada da Liga Provincial. E a atención estaba posta nos dous derbis que serven para pechar unha temporada tranquila para os nosos. Ponteceso FSF e Vila de Cee empataban o sábado, e as pontecesás disputaban o domingo un choque aprazado en Muxía ante o Fisober B, con vitoria pontecesá por 2-4.
A clasificación final queda co Concello de Ponteceso na 6ª posición con 33 puntos, polos 29 do Vila de Cee na 7ª praza e os 24 do Fisober B, que queda 8ª.
Así, tras unha Liga bastante tranquila e sen sobresaltos, xa pensan na Copa Provincial que non tardará en arrincar.

A que aínda non remataron, o farámn esta fin de semana de ponte, é o Fisober da 2ª Estatal, e o fará recibindo ao Stilo Berrio FK, xa ca 6ª praza asegurada.

Liga Provincial, xornada 22

  • Resultado: Ponteceso FSF - FSF Villa de Cee (2-2)
Ponteceso FSF-Foto-David Castro
  • PONTECESO FSF: Salomé, Ana, Martina, Carla e Sandra. Tamén xogaron: Carmen e Bea.
Vila de Cee FSF-Foto-David Castro
  • FSF VILA DE CEE: Belén, Andrea, Alba, María e Adriana. Tamén xogaron: Tati, Andrea Baio e Carla.
  • Goles: 1-0, min.26: Xogada individual de Carmen que ela mesma resolve ante Belén. 1-1, min.34: Falta lanzada por Adriana que entra na portería local tras pasar entre varias xogadoras. 1-2, min.38: Apertura a banda para Adriana que sorprende cun potente disparo cruzado. 2-2, min.44: Xogada combinativa do Ponteceso que finaliza Carmen sobre a liña de gol a pase de Martina.
Partido vistoso o que se puido ver na tarde do sábado no pavillón municipal de Ponteceso entre o equipo local e o FSF Villa de Cee.

Comezaron enchufadísimas no encontro as visitantes, poñendo unha gran intensidade e creando varias ocasións de gol sobre a portería dun Ponteceso FSF, que comezou dubitativo e con moitos nervios.

Dende o saque inicial, Andrea foi un quebradeiro de cabeza para a defensa pontecesana e o equipo branco comezou a crear perigo, pero Salomé evitaría primeiro o gol de Alba tras gañarlle no man a man e logo salva o tanto de Andrea tras un gran lanzamento que resolve a gardameta local cunha mellor intervención. María e Andrea estiveron a piques de abrir o marcador con dous disparos que serían repelidos polo longueiro e polo pau, respectivamente. De novo, Salomé sería protagonista tras evitar coa axuda do poste o gol de Andrea tras un contragolpe.

Logo desto o equipo de Barca, que foi de menos a máis, comezou a aparecer en ataque e Bea, cun remate que se vai desviado, avisaría das intencións locais. Minutos despois, Bea, de novo, non sería quen de resolver no man a man ante Belén, quen vería como o pau salvaba o primeiro tanto pontecesán tras un lanzamento de Sandra logo dun gran pase de Carla. Antes do tempo de lecer, Carmen saca un disparo que atrapa Belén sen problemas.

Imaxe do Ponteceso-Vila de Cee-Foto-David Castro

Á volta dos vestiarios, Carmen adiantaría ás pontecesanas logo de superar a Belén no man a man. Minutos despois, as ceenses reclamarían un penalti por presuntas mans de Carla, que o colexiado non sinalaría. Antes do tanto do empate, Adriana avisaría cun disparo que atrapa Salomé sen problemas. Pero na seguinte que tivo, a capitana visitante poñería a igualada nun marcador cun lanzamento de falta que sorprende á porteira pontecesana tras pasar por debaixo das pernas de varias xogadoras. Mediada a segunda metade, Andrea voltaría a facer das súas pero sen ter sorte de cara ao gol, primeiramente cun lanzamento que se vai rozando o longueiro e logo cun potente lanzamento que envía Salomé a córner cunha gran parada. Pero sería de novo Adriana, a que foi quen de superar á gardameta local cun gran disparo cruzado para firmar o doblete. E Carmen ,que non quería ser menos, anotaría o seu segundo tanto na tarde do sábado ao finalizar unha xogada combinativa.

Antes do final do encontro, Tati puido anotar o 2 a 3 cun lanzamento á reviravolta que enviaría a córner Salomé con dificultades.

Liga Provincial, xornada 17 (aprz.)

Derbi entre Fisober B e Ponteceso FSF
  • Resultado: FISOBER “B” F.S.F. – CONCELLO DE PONTECESO (2-4).
  • FISOBER B: Anabel, Paula Fandiño, Andrea, Laura e Tamara; tamén xogaron : Inés, Alejandra, Noelia e Natalia.
  • PONTECESO FSF: Salomé, Carmen, Ana, Sandra e Martina; tamén xogaron : Bea, Zeltia e Carla.
  • Goles: 0-1 Carmen, 0-2 Carmen, 0-3 Carla, (descanso), 1-3 Laura, 1-4 Ana, 2-4 Inés.

Disputábase o domingo pola mañá en Muxía o partido correspondente a xornada 17 aprazado no seu día polas baixas de xogadoras do equipo da vila do Anllóns. Con este derbi deuse por finalizada a tempada de liga a espera do que depare o sorteo de Copa.
Arrancou mellor que o día anterior o filial, máis metido no partido que fronte as Espartanas. O Ponteceso esperaba para cada vez que roubaba saír en rápidas e perigosas contras case sempre finalizadas por Carmen. O partido estaba igualado pero as locais non lograban profundizar o suficiente e cando chegaban non eran quen de finalizar con claridade. Aos dez minutos desta primeira metade un lanzamento de Carmen petou en Laura e supuxo o primeiro gol visitante.

O gol fixo dano as locais que xa non xogaron tan tranquilas como o estaban a facer. As visitantes sentíronse aínda máis cómodas e chegaban cada vez con máis perigo. A nove para o fin desta primeira metade de novo Carmen marcaba para as visitantes e poñía de cara o encontro para as pontecesás. As locais tentaban reducir diferenzas pero erraban nos metros finais e as visitantes acumulaban tamén ocasións. Quen acertou foi a visitante Carla para o cero a tres. Puido reducir diferenzas Inés para o filial pero un lanzamento de Inés foise o pau.

A segunda metade seguiu o mesmo guión da primeira pero as ocasións para ambos equipos reducíronse, quizais comezaban a notar o esgotamento de ter xogado o día anterior. As locais buscaban o gol que as puxera no partido e as visitantes o que puxera o peche definitivo. Os minutos ían pasando e todo seguía igual. Ata que a seis para o fin Laura aproveitaba un balón para facer o un a tres e reducir diferenzas. Os adestradores visitantes pediron tempo morto e a tres para o fin a xogadora visitante Ana facía o cuarto gol visitante.

Quedou tempo para que Inés no último minuto puxera o definitivo dous a catro co que se puxo fin a tempada na Liga Provincial, agora toca esperar pola Copa.

Liga Provincial, xornada 22

  • Resultado: FISOBER “B” F.S.F. – ESPARTANAS (3-1)
  • FISOBER B: Anabel, Tamara, Laura, Inés e Paula Fandiño ; tamén xogaron : Alejandra, Andrea, Natalia e Noelia.
  • Goles: 1-0 Laura, 2-0 Laura, (descanso), 3-0 Tamara, 3-1 Carmen.

Disputábase en Muxía o partido correspondente a última xornada de liga para o filial do Fisober , aínda que o último partido da tempada foi o aprazado fronte o Ponteceso que se disputou na mañá do domingo.
As da Costa que a pesares de dominar, non fixeron un bo partido, iso si conseguiron unha vitoria que as deixou oitavas na clasificación. Non podía comezar mellor o encontro para as locais xa que os catro minutos a súa capitana Laura as adiantaba no electrónico. A pesar de disputar todo o partido con esa vantaxe no marcador, as xoves xogadoras locais, non atoparon nin o ritmo nin o xogo necesario. Con múltiples erros que non deixaban darlle a continuidade necesaria o xogo. Chegaban ocasións pero máis froito de xogadas illadas que de combinacións. A dous minutos para o fin desta primeira metade de novo Laura nunha xogada embarullada facía o segundo gol local que daba unha certa tranquilidade no electrónico camiño dos vestiarios.

A volta do tempo de lecer, as da Costa mostraron a súa mellor imaxe no partido. Fixeron un bo arranque de segunda metade. Corroborada co gol de Tamara nunha boa xogada individual. Unha Tamara que facía o seu primeiro gol da tempada amosando que está acabando en moi boa forma a Liga. Pero co paso dos minutos foise esmorecendo o xogo local e volveu os vicios da primeira metade. Ata o punto que a catorce para o fin, a visitante Carmen aproveitaba un libre indirecto no borde do área para reducir diferenzas. Puido pouco despois Paula Fandiño volver a poñer tres goles de marxe pero o seu lanzamento foise o pau da portería visitante. Dende aquí ata o fin moita imprecisión por parte dos dous equipos cun resultado que xa non se moveu.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios