Venres. 19.04.2024
El tiempo

Un setembro heroico con María Soliña na Galería Mulleres de Muxía

Un setembro heroico con María Soliña na Galería Mulleres de Muxía
Galeria Mulleres Muxia Maria Solina

Remontámonos nada menos que ao século XVII na Galería Mulleres de Muxía para recuperar quen está detrás dun coñecido nome como Maria Soliña (Cangas 1601 - Cangas 1680). Esta protagonista de numerosas cantigas ten moita historia detrás, como nos contan no álbum de mulleres do Consello da Cultura Galega:

Os datos históricos sinalan que entre os anos 1599 e 1639 os corsarios, que reciben este nome por teren licencia real, e os piratas, que normalmente traballan pola súa conta pero que poden repartir beneficios coa coroa, tanto de orixe holandesa coma francesa, atacan, asaltan, rouban as costas de Vigo e a península do Morrazo. No ano 1617 Vigo foi atacada por naves turcas berberiscas; a península do Morrazo sufrirá tamén estes ataques. As mulleres, igual que ocorrera na Coruña con María Pita, defenden as costas dos ataques piratas e moitas veces son violadas e torturadas, ademais de roubadas, nestes ataques. Posteriormente a estes feitos varias das mulleres que organizaron a resistencia nas costas do Morrazo foron acusadas de bruxería ante o Tribunal da Inquisición. Unha delas sería María Soliño. (apelido que derivou a Soliña, co significativo sentido que tería este apelido)

María Soliña, xunto con outras compañeiras, foi encarcerada, torturada; os seus bens foron confiscados polo Santo Oficio e ela condenada por bruxería. Malia que é certo que non foi queimada viva, como moitas outras mulleres desa época, a loucura, a fame e a miseria foron as que remataron coa súa vida; pasou a converterse no símbolo do sufrimento do pobo, e moi especialmente das mulleres, perante o poder e o despotismo.

Unha das máis coñecidas letras sobre a brava galega, é de Celso Emilio Ferreiro:

Polos camiños de Cangas
a voz do vento xemía:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.
As ondas do mar de Cangas
acedos ecos traguían:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.
As gueivotas sobre Cangas
soños de medo tecían:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.
Baixo os tellados de Cangas
anda un terror de agua fría:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.

Novas relacionadas

Galería Mulleres de Muxía

Fonte

Comentarios