Diferentes varas de medir

As persoas que seguen este espazo mensual de opinión, lembrarán que en 2020 destacábamos o acerto na relaxación das regras fiscais para facer fronte ao Covid-19, permitindo aos gobernos (estatal, autonómico e local) aumentar o gasto público. Isto mantívose durante case catro anos debido á invasión rusa de Ucraína e o aumento dos prezos da enerxía.
Agora, coas novas normas fiscais, en vigor desde o ano pasado, a Comisión Europea volveu impoñer a disciplina fiscal. Pero, a estabilidade económica durou só uns meses coa chegada de Trump á Casa Branca, o que xerou unha nova guerra comercial e unha maior presión sobre Europa para aumentar o gasto en defensa. Por iso, a Comisión está a considerar reactivar a cláusula de escape e volver a suspender as regras fiscais.
Esta flexibilidade non se aplica ao municipalismo, onde os problemas estruturais persisten no tempo sen que se adopten solucións. De feito, moitos expertos non se renden e continúan insistindo na necesidade de cambiar determinadas cousas que afectan aos concellos.
Recentemente, publicouse o VI Informe Red Localis titulado “A reforma inconclusa das competencias locais”, onde se destaca que: “a pesar dos avances lexislativos, persisten problemas estruturais, especialmente en materia de financiamento, que limitan a autonomía local e dificultan a capacidade de xestión de moitos concellos en España”.
Estarán de acordo en que esa conclusión coincide plenamente coa visión que mantemos aquí, desde fai moito tempo. Porque, efectivamente, os cambios realizados nas diferentes disposicións normativas non conseguiron solucionar os problemas que tantas veces se denunciaron nesta columna.
Un bo exemplo, dos moitos que podemos utilizar, é o que sucede co Servizo de Axuda no Fogar, onde os nosos concellos están desbordados. Superados. Porque, o financiamento que debe chegar doutras administracións non é suficiente para que este servizo fundamental sexa ofrecido en condicións óptimas, tanto para as persoas traballadoras, que teñen un traballo durísimo ao estar con persoas dependentes -con todo o que iso implica non só no aspecto físico-, como para as persoas que o reciben, que deben contar con profesionais suficientes e con vocación de servizo público.
Pero así están as cousas. E a realidade fainos ver a dobre vara de medir. Porque, cando os problemas interesan ao poder gobernamental máis forte as modificacións son urxentes e cun alcance enorme. Mentres os nosos concellos seguen esquecidos da man de Deus.
Sabemos que unha boa parte do gasto que realizan vai destinado a servizos de prestación non obrigatoria. Precisamente, nese informe de Red Localis sinálase que o conxunto deses servizos se sitúa en torno ao 26% do gasto total de cada concello. E iso é unha barbaridade. Pero non se poñen solucións.
Con todo, non nos cansaremos de insistir en que se debe reflexionar sobre a necesidade de modificar o actual modelo de financiamento local, porque xorden novas necesidades veciñais, porque a lei das facendas locais data de 1988 (modificado parcialmente no ano 2004), e porque a verdade é que non se está proporcionando solucións adecuadas, que permitan aos municipios manter solvencia financeira a longo prazo.
Por todo iso, unha boa solución é promover a transparencia na xestión económica de cada concello. Porque os recursos orzamentarios son destinados, demasiado a miúdo, a competencias que non son municipais, impedindo que se dirixan a áreas esenciais ás que, por outro lado, si se está obrigado por lei. Pero, tal vez, non sexamos capaces de explicar isto ben.
Facer pedagoxía nesta materia é cuestión básica, porque permitirá que sexamos capaces de identificar, perfectamente, cando nos obrigan a prestar servizos que non nos corresponden usando os nosos propios cartos e non os das administracións que os deberían aportar. Do contrario, seguiremos aceptando que nos impoñan responsabilidades que lles corresponden a outros como si non pasara nada.
- Domingo Guerra. Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.
OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA
- Xaneiro 25: O reto demográfico.
- Outubro 24: Volvemos. A rendición de contas.
- Estreamos primavera sen tarefas pendentes
- Dúas cuestións sobre a autovía AG 55 da Costa da Morte
- Continuamos perdendo poboación
- Porque nos afecta e nos importa
- Axenda de obrigas 2023
- O Cometa Haley. A rendición de contas.
- Modificación das regras fiscais. Una cuestión inaprazable
- POS + 2022.
- A Ciberseguridade.
- Estado de rendión de contas.
- Auditoría pública fronte ao fraude e a corrupción.
- Retribucións da alcaldía.
- Un maná que debemos aproveitar.
- Vacacións: non toca escribir sobre economía municipal.
- Fiscalización operativa. Xa é hora.
- A morte do orzamento.
- Despois de xaneiro.
- Momento para o consenso e transparencia.
- Suspensión de regras fiscais.
- A detección de riscos na prevención da corrupción .
- Navegando na «chalana».
- As previsións do FMI
- Fraxilidade económica
- 2020, unha nova década
- Comezar de cero
- Arqueo e inventario.
- A factura electoral.
- Volver a votar.
- Autonomía fiscal.
- Auditores privados nas intervencións municipais.
- Cartos e máis cartos en bancos sen rendibilidade.
- Debemos tributar máis?.
- A Tesourería Municipal.
- Cos deberes feitos.
- Perdemos poboación.
- A conta (413) «Acredores por operacións pendentes de aplicar ao presuposto».