Fiscalizar para mellorar (e poder contalo)

Domingo Guerra no Congreso da Coruña con Simón Rego

A participación en congresos técnicos e académicos é, para quen traballa no sector público, moito máis que unha actividade complementaria. É unha oportunidade para compartir coñecemento, contrastar experiencias e contribuír á mellora da xestión pública desde unha perspectiva crítica e construtiva.

Porque, os congresos son espazos privilexiados para coñecer boas prácticas, formarse e establecer vínculos entre profesionais. Participar neles é, tamén, exercer a responsabilidade profesional con vocación de servizo, apostando por unha administración local máis útil e preparada.

Por iso, esta semana, tiven a ocasión de estar nun congreso celebrado na cidade da Coruña, Un encontro de conmemoración dos corenta anos de dúas leis fundamentais para os nosos concellos: a Lei de Bases de Réxime Local e a Lei de creación do Consello de Contas. 

Máis que unha celebración institucional, foi unha oportunidade para repensar colectivamente o futuro, nun momento no que os concellos precisan máis que nunca ferramentas eficaces, visión estratéxica e capacidade de adaptación.

O evento, pilotado e dirixido por Simón Rego, Conselleiro da Área de Corporacións Locais do Consello de Contas, reuniu a máis de duascentas persoas chegadas de toda España. 

A miña intervención centrouse na figura da «auditoría exprés» —ou como nos gusta dicir en galego: «auditoría pronta»— que é unha ferramenta de fiscalización innovadora, xa aplicada polo Consello de Contas na fiscalización que se está a facer en relación coa Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza, que permite actuar con rapidez e precisión sobre áreas de risco, sen renunciar ao rigor técnico.

Neste foro plural e diverso, afloraron cuestións cruciais que inciden directamente na vida municipal: a distribución real das competencias, o financiamento sostible e a transformación da xestión pública a través da integridade, a tecnoloxía e o talento humano. Non foron discursos baleiros, senón propostas concretas e debates interesantes sobre os retos que afrontamos.

Se aspiramos a concellos máis eficaces e mellor preparados para os retos do presente e do futuro, é imprescindible romper coa rutina e abrir espazos para pensar colectivamente. Os congresos son moito máis que encontros: son catalizadores do cambio. Cada voz conta, cada proposta suma. Se queremos transformar a administración local, temos que ser parte activa do proceso. Porque o futuro dos nosos concellos está por decidir, e está nas nosas mans.

  • Domingo Guerra. Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.

 

OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA