Colaboración intermunicipal
Vivimos tempos nos que a eficiencia na xestión pública é máis necesaria ca nunca. As mancomunidades de municipios preséntanse como unha solución lóxica: concellos que se unen para prestar servizos de forma conxunta, compartindo recursos e reducindo custos. Sobre o papel, a idea é perfecta. Na práctica, a realidade é moito máis complexa.
Como sabemos, os nosos concellos forman parte de diversas mancomunidades. Por exemplo, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra e Muxía, configuran a «Mancomunidade Comarca de Fisterra». Pola súa parte, Muros e Carnota xestionan así o abastecemento de auga e tamén forman parte da «Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza» para a recollida de lixo.
Cada mancomunidade ten os seus propios órganos de goberno que adoitan incluír, ademais da presidencia, unha xunta de goberno e a asemblea onde están representados os alcaldes e alcaldesas e outros cargos electos das respectivas corporacións municipais. Pero esta forma de administración non sempre cumpre co obxectivo de eficiencia económica, ao non conseguir maximizar a prestación do servizo e o benestar da veciñanza.
Os motivos son diversos. Un deles —diría que o principal— é a diferente ideoloxía dos integrantes da mancomunidade que, en ocasións, dificulta acadar acordos. Pero tamén existen outras causas: o persoal e os medios poden ser insuficientes; a infraestrutura física e tecnolóxica pode que tampouco sexa óptima; e outro aspecto básico a considerar é que, no establecemento das taxas, non se contemplaron os custos reais, provocando que os cobros non cheguen para financiar o custo do servizo.
Neste contexto, preguntámonos como están as nosas mancomunidades. Renden contas? O financiamento é suficiente para cubrir os custos? A contribución económica que se fai para pagar o servizo é equitativa e eficiente?
Claro que hai moitas máis preguntas que nos interesan para coñecer mellor esa realidade. Pero, respecto desas cuestións, de momento, a única resposta que podemos ofrecer é que, en xeral, as nosas mancomunidades non renden contas en prazo. Sen embargo, a finais deste mesmo ano, teremos información sobre a situación concreta da «Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza», porque na actualidade atópase nunha situación crítica, de emerxencia, e sobre a que o Consello de Contas de Galicia ten previsto investigar realizando unha «auditoría exprés».
Este tipo de fiscalización, tamén coñecida como «auditoría pronta», consiste nunha revisión rápida, utilizando procedementos abreviados concisos e fundamentados en normas internacionais, que proporciona resultados efectivos, onde se comprobará se a xestión económica e financeira realizada pola mancomunidade foi transparente, eficiente e de conformidade coa legalidade.
E todo iso porque —non o esquezamos—, unha das funcións do Consello de Contas consiste en ofrecer recomendacións de mellora que permitan unha eficiente utilización dos recursos públicos, perfeccionar a xestión e a toma de decisións e, en última instancia, axudar ás institucións públicas galegas a que se proporcione o máximo benestar posible á cidadanía.
Estaremos expectantes, para comentalo aquí.
- Domingo Guerra. Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.
OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA
- Abril 25: 40 anos da LRBRL
- Febreiro 25: Diferentes varas de medir.
- Xaneiro 25: O reto demográfico.
- Outubro 24: Volvemos. A rendición de contas.
- Estreamos primavera sen tarefas pendentes
- Dúas cuestións sobre a autovía AG 55 da Costa da Morte
- Continuamos perdendo poboación
- Porque nos afecta e nos importa
- Axenda de obrigas 2023
- O Cometa Haley. A rendición de contas.
- Modificación das regras fiscais. Una cuestión inaprazable
- POS + 2022.
- A Ciberseguridade.
- Estado de rendión de contas.
- Auditoría pública fronte ao fraude e a corrupción.
- Retribucións da alcaldía.
- Un maná que debemos aproveitar.
- Vacacións: non toca escribir sobre economía municipal.
- Fiscalización operativa. Xa é hora.
- A morte do orzamento.
- Despois de xaneiro.
- Momento para o consenso e transparencia.
- Suspensión de regras fiscais.
- A detección de riscos na prevención da corrupción .
- Navegando na «chalana».
- As previsións do FMI
- Fraxilidade económica
- 2020, unha nova década
- Comezar de cero
- Arqueo e inventario.
- A factura electoral.
- Volver a votar.
- Autonomía fiscal.
- Auditores privados nas intervencións municipais.
- Cartos e máis cartos en bancos sen rendibilidade.
- Debemos tributar máis?.
- A Tesourería Municipal.
- Cos deberes feitos.
- Perdemos poboación.
- A conta (413) «Acredores por operacións pendentes de aplicar ao presuposto».