Domingo. 28.04.2024
El tiempo
Lola Rontano
11:16
29/06/23

Orgullo e Vergoña (Por un orgullo mareiro)

Orgullo e Vergoña (Por un orgullo mareiro)

Que a estas alturas do século XXI esteamos aquí, a reivindicar a liberdade, e concretamente a liberdade de sentir e amar, non nos parece sinal de progreso e apertura, nin sequera motivo de orgullo.

Con todo, aquí estamos, na Costa da Morte, que non é o fin do mundo, senón o centro do mar! Que aínda non deamos rachado cos estereotipos de xénero, que o rosa e o azul se sigan impoñendo na roupa e no comportamento desde a infancia, non dá para celebracións.

Porén, aquí estamos, celebrando a liberdade de ser e pensar!

Que moitas e moitos adolescentes sigan a pasalo mal porque se lles presupoña a heteronormatividade, ou que en público non se atrevan a coller da man (ou de onde queiran) a persoa que aman, non é sinal de que as cousas avancen na boa dirección.

Máis ben é causa de vergoña e congoxa.

Mentres, ao noso arredor, agroman sen cesar gobernos de extrema dereita cun único propósito: prender o lume da crispación.

Ainda queda moito por reivindicar neste mes do Orgullo de Ser, Amar, Pensar, Actuar e Sentir con Liberdade.

Ainda quedan moitas etiquetas por rachar!

Non podemos falar de liberdade e ignorar as guerras ou ecocidio orquestado polas as empresas que fan liquidación do planeta coa permisión dos gobernos. Non podemos falar de liberdade sen xustiza social.

Parece que con isto saimos do guión, pero non, porque todo está relacionado.

Estamos a falar de xustiza e de liberdade. Ese é o noso horizonte vital!

Estas festas do Orgullo de Ser, Amar, Pensar e Sentir (con Liberdade) serían un fraude se demostrasen ser inofensivas...

Inofensivas por institucionais e esponsorizadas...

Inofensivas por caer no políticamente correcto... Nos tópicos e lugares comúns da neolingua da clase política.

A liberdade lévase mal co poder. De toda a vida!

Por sorte, hai dereitos que non teñen marcha atrás, mais non podemos dalos por sentado. Hainos que reivindicar a diario. E aquí estamos.

Son dereitos que non caben na gaiola do discurso do odio, chámese homofobia, aporofobia, ecocidio ou misoxinia.

Despois do longo camiño cara a unha sociedade máis aberta e plural, teremos que ver eses prexuízos, esas ideas retrógradas, de volta á exposición pública?

Os voceiros da extrema-unción pretenden meter a liberdade no código penal, na gaiola, no armario. Agora ben, nós preguntamos: É posible unha nova Lei de Vagos e Maleantes?

Cal é a vosa resposta?

A nosa é: Non!

Imos espertar un día como hai 70 anos, no mesmo pesadelo fascista?

Hai cousas que non teñen marcha atrás, mais non podemos dalas por sentado. Témolo que repetir e reivindicar a diario.

Aínda temos grupos neonazis e fascistas dando malleiras á saída das discotecas... Temos a lembranza dun brutal asasinato no verán de 2021 na Coruña. Imos deixar, como sociedade, que cousas así se repitan?

E nós molestamos. Claro que molestamos. O peor que podería pasarnos é deixar de molestar!

Queremos vivir en paz e querémonos vivas. Porque a nosa liberdade é comunitaria, está aquí onde nos unimos para falar ou celebrar, hoxe, mañá, cando nos pete, que ninguén vai coartar a nosa decisión de xuntarnos a desafogar.

Que as palabras maricón, maricallo, lesbiana, tortillera e bollera, etc, etc, non se empreguen para insultar senón para airear o ambiente.

Como dicían a finais dos 70: “XA ABONDA!”.

Gustaríanos dicirvos a toda a veciñanza, especialmente a adolescentes e mais as súas familias: vivide e deixade vivir! Con orgullo e respecto.

A liberdade é de a diario!

Viva o Orgullo de Ser, Amar, Pensar e Sentir con Liberdade!

  • Lola RontanoFlâneuse afincada na Costa da Morte, autora da novela Austroatlántica.

 

Outros artigos de Lola Rontano en QPC

Comentarios