Adiante con “Sempre en Galicia” de Montevideo!

    O paso do tempo vai esquecendo o labor de moitas asociacións de emigrantes pois levamos no lombo máis dun século mantendo a identidade propia na beira riopratense da República Oriental do Uruguai. Alí, na capital da patria do moi nobre Xosé Artigas temos dous exemplos de herdeiros que non perderon as súas raíces, o Centro Galego (fundado en 1879) e o programa radial “Sempre en Galicia” que naceu en 1950. 

    Quero lembrar a moi importante achega dun espazo radial, emitido enteiramente no noso idioma, que en cada domingo montevideano fala da riqueza de posuír unha pinga de sangue da terra dos valentes irmandiños e de Rosalía e Castelao. Que esta iniciativa dos amigos de Castelao puidese concretarse foi posible porque a lexislación do moi democrático Uruguai permitía a emisión de programas en linguas estranxeiras. Os emigrantes na Arxentina non pudieron ter un programa semellante e Luís Seoane, que estivo moitas veces en Montevideo, lamentaba que en “Galicia Emigrante” só lle permitisen a emisión de cancións ou a lectura de poemas en galego.

    Despois do falecemento de Castelao (Bos Aires,7/I/1950) os seus amigos montevideanos comezan a falar de organizar unha homenaxe e despois de varios meses de reunións acordan a fundación dun programa de radio que levará o nome de “Sempre en Galicia”. O de poñer Galicia e non Galiza foi debatido ata que houbo acordo unánime e ten unha boa explicación. Foi o doutor Couceiro (un dos fundadores) quen me contou que non se quixo afastar a colectividade coa utilización de Galiza xa que buscaban a maior audiencia posible en tempos de aínda forte franquismo.

    O certo é que os fundadores fixeron historia. Eran dous lucenses (Meilán e Leiras) e cinco coruñeses (Canabal, Couceiro, Crestar, Pita e Somoza) con diferentes estudos ou oficios pero unidos pola paixón galeguista que espallaba o guieiro de Rianxo. Un grupo excepcional de emigrantes que incluía ao curmán de Castelao, Alfredo Somoza Gutiérrez, quen fora deputado e presidente da Deputación da Coruña; a Pedro Couceiro Corral, médico e químico con alto cargo no ministerio de Giral; a Emilio Pita Robelo, poeta e musicólogo que é quen toca no piano a Muiñeira de Chantada no primeiro programa que se grava en directo o domingo 3 de setembro nos estudos de Radio Carve.  

    Eu tiven a sorte de coñecer a catro dos fundadores (Canabal, Couceiro, Crestar e Meilán) pero con quen máis estiven en contacto foi con Meilán e Couceiro que eran os responsables de poñer a voz diante do micrófono. Os venres, despois da gravación do programa, tomaba o café con Couceiro e Meilán no bar da esquina das rúas Mercedes e Río Branco. Aqueles máis de dez anos anos escoitando as experiencias de dous xenerosos emigrantes foi moi formativa. Sempre lles estarei agradecido polas súas ensinanzas (aínda que eles non ían de mestres senón de humildes galeguistas republicanos no exilio) que viñan de dúas persoas con vidas moi distintas. Mentras don Pedro era de familia moi acomodada (o pai era o titular dunha Notaría na que traballou de pasante o pai de Adolfo Suárez, que lembro se chamaba Hipólito) o meu benquerido don Manuel era fillo dun funcionario do Estado na capital lucense. 

    Agora teño que pasar a falar dos últimos trinta anos de programa e pedir un recoñecemento para o moi esforzado Toni de Sofán (Antonio García de Seárez Cabeza) que é a quen debemos de aplaudir con forza. O meu bo amigo Toni é o capitán e tamén o temoneiro dunha longa singradura na que foi indo contra vento e marea. Coido que o de ser emigrante non estaba nos plans de Toni  pero o amor dunha moza urucarballesa levouno a instalarse en Montevideo. Espero que axiña reciba un premio (ou dous ou tres) pero mentras non acontece, quero achegarlle a maior das apertas por parte de milleiros de cidadáns galegos que agradecen o seu firme compromiso na defensa dos valores culturais que nos identifican.                    

 

 

OUTROS ARTIGOS DENDE LONXE DE MONTEVIDEO

ESPECIAIS TANGO