xoves. 12.06.2025
El tiempo

Parabéns, Patronato da Cultura Galega de Montevideo

Parabéns, Patronato da Cultura Galega de Montevideo

Cando se fala das actividades das asociacións de emigrantes na República Oriental do Uruguai temos que considerar o momento histórico e o país no que ofreceron os seus servizos. Non é o mesmo que desembarques na Habana que en Bos Aires ou en Montevideo. Poida que a morriña sexa idéntica para todos pero o seu acougo terá as unhas cores na beira caribeña o outras na beira riopratense. A historia da emigración dinos que as máis fortes foron o Centro Galego da Habana e o Centro Galego de Bos Aires e a Casa de Galicia de Montevideo. Estou a falar de patrimonio edilicio pero tamén de algo moi importante que ofrecían as tres entidades: a asistencia médico-hospitalaria para os seus asociados. 

En Montevideo houbo moitas asociacións que desapareceron ou foron esmorecendo pero aínda mantén a súa actividade o Centro Galego (fundado o 30/8/1869) que é o máis antigo do mundo. Pois supoño que algunha razón haberá para a fundación do Patronato da Cultura Galega no mes de xuño de 1964. A resposta está na moi escasa promoción da nosa cultura propia, arredor ou a partir do ano 1960. O certo é que máis alá de que en cada mañá do domingo falaban galego na radio, no programa Sempre en Galicia, o noso idioma estaba ausente das charlas, conferencias ou celebracións. 

Así foi que o pequeno grupo montevideano de activos galeguistas, decide a creación do Patronato da Cultura Galega. Entre os promotores estaban algúns dos amigos de Castelao (Canabal, Crestar, Meilán) que eran os que fundaran Sempre en Galicia en 1950. Falaron co doutor Cancela para que fose quen encabezase a nova entidade e con mozas e mozos da colectividade (as irmás Díaz Gallego, Fernando Pereira, Xaquín Rosende) para que achegasen a súa ilusión no compromiso de manter aceso o candil identitario na capital uruguaia. 

O Patronato foi camiñando a pesar dos atrancos que se lle poñían desde a Embaixada que espallaba o seu franquismo españoleiro mediante pequenas axudas e tamén viaxes en “Iberia” pero non quero falar destes tristes servidores da ditadura. O importante a destacar é que desde un pequeno fogar (primeiro nun reducido local interior, alugado nunha Galería comercial e logo nos seus sucesivos locais en propiedade) quentou con agarimo o corazón de milleiros de emigrantes que non querían perder as súas raíces. 

O Patronato foi quen celebrou por vez primeira o Día das Letras Galegas e recuperou as Xornadas Culturais que no mes de xullo organizaba a Casa de Galicia (por empurre de Antón Crestar Faraldo) e publicou varias obras, entre ellas as de dous autores vetados polo franquismo, Méndez Ferrín e Manuel María. Unha das actividades de maior repercusión foi a doazón do busto de Castelao para ser instalado na súa vila nadal de Rianxo. En Montevideo fixo a tramitación para o nomeamento de varias rúas con nomes de persoeiros e cidades de Galicia e tamén a instalación dun busto en bronce de “El Viejo Pancho” na prazoleta do seu mesmo nome. 

Hai que lembrar a impartición de clases de lingua, historia e literatura e a representación de obras teatrais (recuperación e repetición de O Fidalgo) e a entrega da Vieira de Prata, unha distinción para recoñecer a loita dos que se comprometen con paixón na defensa da nosa cultura. Hoxe o meu querido Patronato está forte e sei que seguirá sementando futuro pois, sen dúbida, os que alí se achegan son os nosos mellores herdeiros. Están agradecidos e son afortunados xa que posúen o moi valioso legado da xenerosidade dos devanceiros que apousaron as súas esperanzas no outro lado do mar. Quero suliñar que dous membros fundadores do Patronato foron distinguidos coa Medalla Castelao [Xesús Canabal Fuentes, 1985 e Manuel Meilán Martínez, 1987] e que en  1987 recibiu o Pedrón de Honra. 

 

ESPECIAIS TANGO

OUTROS ARTIGOS DENDE LONXE DE MONTEVIDEO

Comentarios