mércores. 21.05.2025
El tiempo

A esquina montevideana está de loito

A barra frenteamplista do “Rover” está de loito xa que faleceu un honrado loitador que sempre foi motivo de inspiración para sobrepoñerse ás adversidades que soportou a República Oriental do Uruguai nos últimos 50 anos. O Pepe saíu da escuridade para alumar coa súa ética luz no camiño de consolidación democrática en harmónica convivencia social.

A esquina montevideana está de loito

- Claudio: Estamos tristes porque se foi o gran Pepe pero confórtanos que o tivemos connosco ata case cumprir os 90 anos. Naceu un 20 de maio, así que uns días máis e chegaba, pero non creo que o seu pensamento estivese en soprar a velita correspondente ao número 90. Supoño que empuxou con determinación para manterse en pé ata a asunción presidencial do seu bo amigo Yamandú Orsi.

- Gildo: Unha persoa que che di “vive como pensas ou terminarás pensando como vives” é posuidor dunha calidade humana, excepcional. En Mujica atopámonos cun home que nos saca as sombras que nos roldan pola nosa mente e inxéctanos esperanza nos nosos corpos. Vendo a súa exemplar traxectoria vital, chea de fochancas, non podemos queixarnos xa que ningún de nós sufriu unha milésima parte do que el sufriu.

- Flaco: Paréceme que algo moi importante do legado de Pepe é que nós, vellos frenteamplistas, teñamos a paciencia de facerlle entender ou polo menos, reflexionar, ás novas xeracións para manterse en garda xa que os blancolorados van aproveitar calquera distracción para quitarche dereitos adquiridos. Non é o mesmo unha cor ou outra porque hai política a favor da maioría e política a favor da minoría.

- Don José: Que o Pepe marchase nos entristece porque non escoitaremos máis as súas sabias reflexións pero creo que a mellor homenaxe que se lle pode facer é lembralo mediante o noso compromiso de seguir co cultivo de flores de xustiza social e de benestar e de mellora dos servizos públicos. Estamos a comezar a recuperar o perdido (que máis aló do económico, tamén inclúe ao sentimental) pero sendo moito o que nos empobrecemos debemos de ser conscientes en que saír do barro vai levar o seu tempo. Hai que comprometerse a nunca baixar os brazos para non fallarlle ao noso querido Pepe.

- Claudio: Espero que os frenteamplistas sintan que somos unha irmandade de boa xente que busca a mellora das condicións de vida daqueles que teñen menos ingresos. A nosa unión debe ser compacta, é dicir, sen fisuras. O inimigo é moi forte e ten guita dabondo para bancar aos mercenarios mediáticos. A mentira e a ocultación de información sobre éxitos e logros do novo goberno van ser o pan de cada día.

- Gildo: Quizais agora, despois dunha afanancia etapa Lacalle Pou, se fortaleza no electorado frenteamplista a idea de que somos mellores persoas. Non votamos guiados polo egoísmo ou a envexa. O noso voto é ético xa que vai dirixido a conseguir máis e mellor educación pública e máis e mellor sanidade pública e unha mellor distribución da riqueza social. Estou convencido que despois de Yamandú teremos a Carolina na presidencia.

 - Flaco: Se cadra, ao ver as atrocidades de Trump en Estados Unidos, algúns se avivan de que por aí non se avanza. Se cadra danse conta de que a excesiva concentración de riqueza en poucas mans non fai máis que empobrecer a amplos sectores da sociedade. Se cadra danse conta de que os están usando para aumentar a súa riqueza, a cambio de nada ou dunha dose diaria de odio cara ao pobre desgraciado que vai camiño da indixencia. Se cadra, cando te pasas de jodedor, consegues espertar ao fodido que sempre confiou en ti. Quero dicir que aínda que nós non sexamos uns santos, está claro que outros son demos criminais.

- Don José: Case esquezo comentarlles que recibín un correo de Josecito desde A Coruña (acordaranse do meu amigo galego que viviu en Tacuarembó e que hai anos veu acá a morfarse unhas pizzas dacabalo) no que ademais de comentar sobre o falecemento de Mujica informoume dunha investigación que fixo sobre Ladislao Mazurkiewicz. É sabido que o noso admirado Mazurca é fillo dunha emigrante galega (Josefa Iglesias Tubío) pero non se coñecía o seu lugar de nacemento. Agora, o esforzo de Josecito levouno á localización da partida de nacemento. Así é que sabemos que dona Josefa naceu no municipio coruñés de Rianxo. Eu, como bo carboeiro, agradézolle moito que nos achegue información para engrosar o arquivo documental do glorioso Club Atlético Peñarol. A ver se se achega ao “Rover” na súa próxima visita a Montevideo e fálanos un pouco das súas publicacións sobre apelidos galegos no Uruguai.

 

ESPECIAIS TANGO

OUTROS ARTIGOS DENDE LONXE DE MONTEVIDEO

Comentarios