El Viejo Pancho [1857-1924]
Quixera que neste ano 2024 non sexa esquecido o centenario de Xosé Alonso-Trelles Xarén. Naceu en Ribadeo (Lugo) o 7/V/1857 e morreu na capital da república Oriental do Uruguai o 28/II/1924. A súa nai era galega e asturiano, o seu pai. O certo é que no meu querido Montevideo a vida e a obra de “El Viejo Pancho” é moi coñecida. No meu caso foi na escola primaria cando escoitei o seu alcume de “El Viejo Pancho” xa que varios dos seus poemas eran interpretados polo coro en “festas patrias” ou recitados polos alumnos. Naqueles tempos lonxe estaba de saber que os seguintes versos eran dun emigrante galego:
Cielo y sol unidos, Mi patria y la gloria,
Vidalitá Vidalitá
Van en mi bandera; Se hicieron amigos;
Que ella me amortaje, Porque fue esta tierra
Vidalitá Vidalitá
Cuando yo me muera. La cuna de Artigas.
Anos despois, sendo directivo do Patronato da Cultura Galega tiña de compañeiro a Carlos Zubillaga Barrera (recoñecido investigador, docente universitario e membro correspondente da Real Academia Galega) quen por liña materna era neto de Ribadeo e polo tanto, cun moi especial interese no coñecemento da creación literaria de “El Viejo Pancho”. O profesor Zubillaga informoume de que o escritor Juan Carlos Sabat Pebet, en 1927, foi o primeiro en publicar a partida de bautismo e tamén o que dixo nunha conferencia: “he venido a saber que el autor de La güeya es otro ilustre gallego, que pudo dar el brazo sin desmedro a Rosalía de Castro…”
Foi en 1979 cando tiven a honra de encargarme da edición do ensaio “El Viejo Pancho. Un gallego en la poesía nativista oriental” que escribiu o xornalista montevideano Pedro R. Barreiro (neto de galegos) e publicou o Patronato da Cultura Galega. Pedínlle a Carlos Zubillaga que fixese o limiar e aceptou moi compracido. Son catro páxinas cheas de loubanzas para obra lírica dun emigrante de Ribadeo que sinte o medio rural uruguaio como propio xa que para Zubillaga é unha figura singular: "Frente a esa simbiosis de ‘gallego emigrante-poeta. gauchesco’ que José Alonso y Trelles protagonizó y que configura una suerte de sublimación del drama emigratorio, cabe preguntarse si logró esa penetración tan íntima del sentir oriental en detrimento de sus matrices étinicas o si, en realidad, estas se hallan en el origen de aquel proceso".
Tamén puiden presentar o libro en varias localidades galegas e comezando por Ribadeo, na Biblioteca Municipal “El Viejo Pancho”, onde fun presentado por Eduardo Gutiérrez. Lembro que o primeiro que tiven que explicar foi o da palabra “oriental” que procede do nome que se lle daba aos territorios ao oriente do río Uruguai, a Banda Oriental. Teño moito para dicir e informar, por exemplo sobre o busto en bronce, pero o que me interesa agora é que se organice unha celebración neste ano en Lugo e tamén en Montevideo e Tala. Quizais a entidade máis indicada sexa a Deputación Provincial que pode contactar cos entes municipais onde viviu o noso emigrante (Tala, Canelones) e onde morreu (Montevideo). Sen esquecer que o Patronato da Cultura Galega pode e debe colaborar xa que coñece o terreo e ten experiencia acreditada na promoción cultural e defensa da nosa identidade.
A xeito de suxestión, ocórreseme que o primeiro de todo é falar con Zubillaga para que sexa o conferenciante principal nun acto aló ou acó. Ademais quero informar de que Silvia Graciela Pistocchi Pereira (Graciela Pereira) ten gravadas varias cancións de “El Viejo Pancho” que aínda non editou pero que serían unha moi axeitada achega de calidade en calquera acto de celebración. A miña boa amiga arxentina é neta de Lalín por liña materna e autora do imprescindible “Carlos López García Picos. O Chapa” se queremos saber da vida e obra do egrexio compositor betanceiro. Quero suliñar que o grandísimo Carlos Gardel (Carlos Escayola Oliva) gravou e popularizou catro poemas de “El Viejo Pancho”: Insomnio, Como todas, Misterio e Hopa, Hopa. Por suposto que o centenario de don Xosé ten moitos máis temas que poden ser considerados. Eu só quero chamar a atención para que non pase desapercibido pois é merecente dos maiores recoñecementos xa que estamos diante dun gran poeta nativista (...aquello en lo que Trelles dio muestras de auténtico genio creador, fue en la poesía nativista… Pedro R. Barreiro) que se identificou co nobre sentimento dos gauchos das terras riopratenses.
- Manuel Suárez Suárez, Dende Lonxe de Montevideo.
OUTROS ARTIGOS DENDE LONXE DE MONTEVIDEO
- Os primeiros tantos e milongas (A emigración galega no tango riopratense).
- Os negros (A emigración galega no tango riopratense)
- Os gauchos (A emigración galega no tango riopratense)
- Os galegos no tango riopratense: Os barrios dos emigrantes
- Viva Sempre en Galiza de Montevideo.
- Un día moi especial en Tines.
- A emigración galega no tango riopratense: Bos Aires e Montevideo
- Conversa con Carlos Penelas en Compostela
- Os galegos no tango riopratense
- O meu primeiro entroido montevideano.
- E que viva Montevideo!.
- Os galegos no berce do tango.
- Viva “Sempre en Galicia” de Montevideo!.
- Adiante coa CASA DE GALICIA de Montevideo!
- Carta do Apóstolo Santiago aos benqueridos irmáns da Casa de Galicia de Montevideo.
- Unha conversa no “Bar Facal” de Montevideo.
- A aterraxe dos voitres de Ribera Salud en Montevideo.
- Eu berro forte que a Casa de Galicia de Montevideo non se pecha!.
- O desexo de querer continuar existindo
- Eu defendo a Casa de Galicia de Montevideo!.
- Montevideo in Love.
- Quero estar en Ribadeo o 28 de xullo do 2024.
- Montevideo, 3 de setembro de 1950.
- Un moi xenial enxeñeiro: Eladio Dieste Saint Martin.
- Imos volver!.
- Pobre o meu Uruguai querido!.
- ¡Vos tenés que hacer siempre los deberes!.
- O entruido máis occidental de Europa.
- Montevideo, un lugar cheo de alegría.
- Bo camiño, Tabaré!.
- Vou a Montevideo.
- Moitas grazas, don Xosé.
- O polisón que casou coa miña curmá da Valiña.
- Aquel primeiro domingo en Montevideo.
- Imos volver!.
- Maracanaço.
- Un ferreiro de Tines en Montevideo.
- Aproveitemos o verán frenteamplista antes de que se nuble o sol!.
- Imos coa ola da esperanza.
- Un pequeno paseo por un recuncho do paraíso atlántico galego.
- O futuro da Casa de Galicia de Montevideo.
- As portas do Centro Galego de Bos Aires.