O meu inesquecible Montevideo
En novembro de 1958 ía coa miña nai no “Cabo de Hornos” camiño de Montevideo. O meu pai levaba uns anos na capital uruguaia sen poder xuntar os cartos necesarios para o pagamento das nosas pasaxes e por iso foi que a miña nai acudiu ao programa de reunificación familiar de “Acción Católica”. Coido que tamén axudou moito ao embarque o triste acontecemento do mes de xullo cando nun monte da miña aldea de Tines (Concello de Vimianzo) fun trabado por unha loba que case acaba comigo. O certo é que toleaba por facer a viaxe e na aldea repetía unha e outra vez que eu vou a Montemineo. Os meus tiñan casa propia pero estaba sempre coa miña avoa materna, Concepción Lema Rojo, que moito agarimaba en min xa que era o seu primeiro neto. Tiña cinco anos pero aínda, agora mesmo, sigo gozando co recordo dos saborosos follados (unha filloa gorda feita con ovo, fariña e touciño) cos que merendaba. Lembro que os días da feira ou do feirón que tiñan lugar na vila de Baio (Concello de Zas) a miña avoa sempre volvía cunhas tabletas de chocolate e unha ducia de laranxas para min. Era feliz na aldea pero no outro lado do mar estaba o meu pai.
A singradura foi un mareo constante e só tiven un pouco de acougo despois da escala no Brasil, no porto paulista de Santos. Alí coñecín as bananas e durante tres días foron a miña única comida naqueles demasiados longos vinte días de travesía. O marido da miña tía Fina, alcumado O Rico, era de Borneiro (Cabana de Bergantiños) pero casara cunha das irmás do meu pai e vivían en Tines, no lugar de Romarís. Viñera o Brasil para ver de aforrar uns cartiños e mercar unhas leiras que lle permitisen a crianza dos seus tres fillos. O tío Xosé sobe o barco cunha grande pola da que penduraban varias ducias de bananas que me alegraron o que quedaba de viaxe ata a capital da República Oriental do Uruguai. Nunca esquecín aquel farturento agasallo e sempre que o atopaba (xa fose na súa casa ou na Piroga na casa do meu tío Xosé María, alcumado O Quinto) emocionábase moito lembrando aquelas bananas que fixeron feliz a seu pequeno sobriño emigrante. O que podo asegurar é que as bananas foron un saboroso limiar para unha axeitada integración na nova realidade que agardaba por min en Montevideo.
Antes de baixar do barco, o xoves 27 de novembro, intentei atopar a meu pai no medio dunha morea de mans e brazos que se movían no amplo peirao para saudar aos recén chegados. A miña díxome onde estaba e quedei moi sorprendido xa que levaba unha camisa de manga curta e eu viña cuberto de roupa e disque (non o recordo) tiña frío xa que perdera moito peso. Xunto a meu pai estaba o seu amigo Ramón de Castromil que foi quen o convenceu de que viñese a Montevideo pois era unha cidade con moita demanda de ferreiros que era o oficio de ambos os dous. Tiveran un obradoiro en sociedade no lugar de Torelo pero naqueles anos pouco se facía. Así é que cando nace a primeira filla de Ramón, pois decide que debe buscar un futuro en Montevideo. Lembro que desde o barco miraba para as edificacións da contorna do porto e todo eran casas e máis casas e moitas letras pintadas en muros e paredes. A moi longa ringleira de palabras escritas sobre fondo branco eran de dúas cores, ou en azul ou en vermello. Non sabía do que estaban a falar aquelas paredes pero axiña puiden entender algo. O domingo 30 recibín unha chea de información do meu pai (pola mañá no apartamento da rúa Pantaleón Artigas) e sobre todo pola tarde durante a merenda na casa de Ramón Vázquez e María Rama (na rúa Santa Ana case na esquina con Tudurí) por parte da súa moi garimosa filla Mercediñas. O meu ingreso oficial no Uruguai foi o xoves 27 pero a entrada emocional tivo lugar no atardecer do domingo 30 de novembro. A miña chegada coincide cunhas eleccións nacionais nas que a república máis avanzada da rexión sudamericana comeza a perder o bo poder adquisitivo da súa ampla clase media. As devaluacións do peso fan que as clases populares perdan calidade de vida mentras uns poucos especuladores aumentan a súa riqueza. Nada sabía eu desta caída do benestar xa que para min aquello era un paraíso no que a alegría era unha parte básica da miña alimentación diaria. Tardei moitos anos en comprender o que sucedeu no meu querido Uruguai. Coido que fun consciente da desfeita cando comecei os meus estudos universitarios pero ninguén pode quitarme a felicidade dos longos veráns en chanclas (“romanitas”) por Brazo Oriental e Cerrito na compaña dos meus amigos Claudio, Gildo e Horacio. Sigo aplaudindo as murgas e a Roberto Barry que desde o tablado instalado na rúa Roberto Koch, enchían de alegría o famoso “Carnaval del Uruguay”. Tamén teño ben gardado na memoria os primeiros bailes con tocadisco no fondo da casa de Claudio na rúa Lancaster. O meu inesquecible Montevideo vai no meu corazón e ata o meu último día manterei o compromiso de namoramento eterno.
- Manuel Suárez Suárez, Dende Lonxe de Montevideo.
OUTROS ARTIGOS DENDE LONXE DE MONTEVIDEO
- Os negros (A emigración galega no tango riopratense)
- Os gauchos (A emigración galega no tango riopratense)
- Os galegos no tango riopratense: Os barrios dos emigrantes
- Viva Sempre en Galiza de Montevideo.
- Un día moi especial en Tines.
- A emigración galega no tango riopratense: Bos Aires e Montevideo
- Conversa con Carlos Penelas en Compostela
- Os galegos no tango riopratense
- O meu primeiro entroido montevideano.
- E que viva Montevideo!.
- Os galegos no berce do tango.
- Viva “Sempre en Galicia” de Montevideo!.
- Adiante coa CASA DE GALICIA de Montevideo!
- Carta do Apóstolo Santiago aos benqueridos irmáns da Casa de Galicia de Montevideo.
- Unha conversa no “Bar Facal” de Montevideo.
- A aterraxe dos voitres de Ribera Salud en Montevideo.
- Eu berro forte que a Casa de Galicia de Montevideo non se pecha!.
- O desexo de querer continuar existindo
- Eu defendo a Casa de Galicia de Montevideo!.
- Montevideo in Love.
- Quero estar en Ribadeo o 28 de xullo do 2024.
- Montevideo, 3 de setembro de 1950.
- Un moi xenial enxeñeiro: Eladio Dieste Saint Martin.
- Imos volver!.
- Pobre o meu Uruguai querido!.
- ¡Vos tenés que hacer siempre los deberes!.
- O entruido máis occidental de Europa.
- Montevideo, un lugar cheo de alegría.
- Bo camiño, Tabaré!.
- Vou a Montevideo.
- Moitas grazas, don Xosé.
- O polisón que casou coa miña curmá da Valiña.
- Aquel primeiro domingo en Montevideo.
- Imos volver!.
- Maracanaço.
- Un ferreiro de Tines en Montevideo.
- Aproveitemos o verán frenteamplista antes de que se nuble o sol!.
- Imos coa ola da esperanza.
- Un pequeno paseo por un recuncho do paraíso atlántico galego.
- O futuro da Casa de Galicia de Montevideo.
- As portas do Centro Galego de Bos Aires.