Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Carta aberta ao alcalde de Coristanco sobre a mina de ouro

Carta aberta ao alcalde de Coristanco sobre a mina de ouro

Esta fin de semana a Plataforma en Defensa de Corcoesto artellaba unha charla informativa á que acodiron medio centenar de persoas. O mestre de Caminos Emilio Menéndez explicaba os perigos dunha mina a ceo aberto, sobre todo para os colectivos máis vulnerables, como nenos e adultos.

A Plataforma, ademais, enviaba un comunicado no que critica as “falsas expectativas laborais” que está creando a empresa mineira xunto coa ETT Adecco, aos que acusan de “perpetrar un engano colectivo” aos parados da comarca de Bergantiños. O colectivo denuncia que a ETT volva pedir os currículums cando a empresa aseguraba ter xa 1.400 no seu poder, e denuncian que "unicamente 138 dos 271 postos de traballo son de persoal propio e os restantes 133 son persoal de subcontratas".

E mentres, unha veciña de Cereo, unha das parroquias máis afectadas do Concello de Coristanco, envíalle unha carta ao seu alcalde.

Carta de Carme Varela ó Alcalde de Coristanco

Carme Varela manda unha carta ao alcalde de Coristanco

Estimado Sr. Pensado:

Son unha veciña de Cereo, aínda que fai máis de vinte anos que non vivo alí. Creo que uns poucos menos dos que vostede leva gobernando o concello.

Recórdanme meus pais que unha das grandes cousas que vostede fixo, e da que toda a parroquia aínda lle segue moi agradecida, foi a traída da auga do manancial de Baralláns. Antes de entrar vostede no concello, tódolos veráns había problemas coa auga, conflitos entre os veciños e, a parte que a min máis me tocaba, moito traballo carrexando caldeiros de auga da fonte, costa arriba cara o Barreiro, para a casa e os animais. Eu tamén lle agradecín moito o seu logro.

Paradoxicamente, esa auga vai ser o primeiro que desapareza cando Mineira de Corcoesto-Edgewater teña o seu visto bo para operar. O manancial de Baralláns, do que miña nai fala como se describira o ceo “a auga sae dunhas pedras brancas que é unha marabilla velas”, vai ser destruído para meter a balsa de lodos. Sí, cambiamos manancial de augas puras por lodos contaminados… está vostede seguro de que os da mina lle fixeron un bo “trato” ou faceríanlle un bo “truco”?.Sabe vostede como vai abastecer a parroquia de Cereo?. Con cisternas que subministren auga 2-3 horas ó día como fan nos pobos mineiros do Perú? Se xa ten esa información, non cree que os veciños, afectados directos, teñen dereito a coñecela? E, se non a ten aínda, non cree que sería importante saber como se vai suplir a falta do manancial antes de que o destrúan?.

Moitos dos veciños que hoxe seguen calados confían en vostede, deféndeno, porque non conciben, non se creen, non entenden que vostede non os vaia defender a eles, as súas terras, as súas casas, a súa saúde.

Cando lle conto a meu pai que vai haber 196 voaduras “tipo A” ó ano (saen 4 á semana) que cada unha arranca 37.800 m3 de material, perforando máis de 2 km e medio de barrenos en cada voadura, levantando unhas nubes de pó que poden chegar ata 50 km á redonda, sepultando colleitas, prados, hortas,… el, confuso, dime “pero, se iso é tan malo como dis, por que non nos defende o noso alcalde?”

Pódelle contestar vostede, Sr Pensado

  • Carme Varela.

Máis información

Artigos relacionados

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios