xoves. 16.01.2025
El tiempo

O Modesto Patrimonio: Buxantes. Recordando os tempos pasados

Igrexia Parroquial de Buxantes-Dumbria
O Modesto Patrimonio: Buxantes. Recordando os tempos pasados

Os que temos uns cantos anos ás costas, podemos recordar como eran aqueles tempos da nosa infancia polas aldeas da nosa terra. Vonme centrar na parroquia de Buxantes que é a que mellor coñezo. Ten unha superficie de 2.988 Ha. con 18 aldeas e na actualidade con 512 veciños. Si retrocedemos á década dos anos 50 esta parroquia estaba totalmente aillada dos centros principais de xestión e comercio. Todo se facía andando ou a cabalo. Non exitían vehículos mecanizados e para viaxar fora do territorio tíñase que ir andando á Vila de Cee, distante 9 km ou a Dumbría, a 5 km. Os poucos ingresos monetarios de supervivencia que tiñan os veciños procedían dos obreiros que traballaban na fábrica de Carburos de Brens. Coa potiña preparada para o caldo, o candil de carburo, andando uns 10 km por carreiros, dúas horas de chegada, oito de traballo e outras dúas de regreso, chovera ou nevara. Tamén algunhas mulleres ían ás descargas do carbón no barco “Pontón” na ría de Corcubión, ou a ballenera de Caneliñas. Outros pequenos ingresos procedían da venda de pequenos animais ou dos productos da horta na vila de Cee. Según un documento do ano 1836 en Buxantes había 80 veciños e 398 habitantes. No ano 1960 cando comenza a concentración parcelaria había 763 habitantes, e no 1970 había 811 hab.

A igrexa parroquial, xunto co cemiterio, estaban situados casi no centro do territorio e comunicábase polos camiños públicos chamados “Sacramentais”, ou carreiros interrumpidos por pasadoiros coñecidos como “Camiños da Misa”. Na década dos anos 50, os veciños dos lugares comenzaron a unirse para encañar as augas das fontes dos montes para os lugares. A partir de aquí desaparecen os lavadoiros dos ríos. A luz eléctrica foi traída en distintas épocas: Brazal no ano 1950; Xestosa, Anseán e Filgueira, no ano 1951; O Vilar, A Carballa, Figueiroa, Busto, Martín, Cerván, Castro, Pelexa, Casanova, A Grixa e Miñóns foi no ano 1952 ,e os lugares do Carboal e Vilar do Paraiso en 1967. Aparecen as primeiras radios que eran grandes caixóns unidos a un cable de antena o largo das cañeiras. Algún veciño para presumir poñía so o cable. Aparece o teleclube na Grixa.

cemiterio de Buxantes-Dumbria

Sobre o ano 1961 na parroquia de A Barcala de Negreira xurdío o comentario de que os labradores quería concentrar as leiras de labradío a través dun organismo oficial. Algúns labradores de Buxantes foron a propósito a enterarse en que consistía e de regreso comenzaron as tertulias no remate da misa dos Domingos con moito recelo e desconfianza, pesando que en Buxantes non se podería facer porque “as miñas leiras son mellores que a do veciño que están mortas de fame”.

Según a Ley 20-12-1952 do Servicio da Concentración Parcelaria e o Decreto 3293/1962 aparece o Instituto da Reforma e Desarrollo Agrario 1971 (IRYDA). Esto fixo un milagre na parroquia ao prometer concentrar os labradíos e o monte. Con medo e desconfianza foron recollendo as firmas dos veciños interesados, auxiliados por algúns rapaces da escola, para poder levar a cabo este milagre. En Buxantes fixéronse dúas concentracións BUXANTES – 1 (monte) de 660 Ha. con 1.315 parcelas quedando finalmente reducidas a 425 e tomando posesión das leiras no 1965, e BUXANTES – 2 (labradío) de 657 Ha. con 5.414 parcelas quedando reducidas a 580, tomando posesión delas en 1969. 

Unha vez tomada posesión das novas leiras comenzou unha grande actividade de limpeza de muros vellos, regatos, ribazos, arranque de plantas non desexadas, desaparecendo os camiños antigos, as corredoiras, os carreiros, as cancelas, os pasadoiros e dando paso a unha rede viaria moderna que unía por anchas pistas todos os lugares e con camiños de servidume a tódalas fincas, onde podían circular vehículos a motor. 

Con estas movidas a parroquia transformouse noutro modo vida. Aparecen vehículos mecánicos como os tractores, coches, motos, bicicletas e un contacto co mundo exterior e do mercado. Toda esta modernidad abríu o camiño á exportación de mercancías, desplazamentos dos traballadores con coches ás empresas da comarca. Este fenómeno provocou entrar noutro modo de vida moderna, esquecendo as primitivas costumes dos nosos atepasados, como as relixiosas. Así os “Camiños Sacramentais” e os coñecidos como “Camiños da Misa” que unían os lugares coa igrexa e o cemiterio eran antes moi respetados. Estos eran a ruta para a visita oficial do cura aos enfermos xunto con algún familiar, o sacristán, a cruz e a auga bendita aos enfermos para a comunión ou a extremaución. A condución dos mortos, velados na propia casa, ao cemiterio tiñan que ser por estes camiños coñecidos como “Camiños Sacramentais”. A caixa do morto suxeta a un aparello coñecido como O Pé, unha especie de angarela, era conducida por catro homes o cemiterio. Despois dunha semana facíase un funeral coa axistencia de moitos curas. No remate eran obsequiados cunha “parva” polos familiares. Estos antigos camiños sacramentais están desaparecendo e imolos a recordar, por lugares, para que non se perdan da memoria veciñal. 

  • XESTOSA.- Pasaba pola Braña, Fonte de Anseán, Casa da Cancela, Vaos Anchos, Campo das Travesas, A Carreira, Cancela de Buxantes, Cemiterio.
  • ANSEÁN.- Unía co de Xestosa na Casa da Cancela.
  • BRAZAL.- Campo das Pulgas, Arieiras, Badeano, Rego Quintáns, O Baíño, e unía co de Xestosa no Campo das  Travesas.
  • FILGUEIRA.- Unía co de Xestosa no Campo das Travesas
  • VILAR.- Pola Cancela de Vilar, O Agriño, Agra da Carballa, Cemiterio
  • CARBALLA.- Pola Cancela da Carballa, Agra da Carballa ao Cemiterio
  • MIÑÓNS.- Campo Mol, As Cruces, Fonte Fría, Prado do Cura, Pontelliñas, Cancela de Buxantes, Cemiterio.
  • VILAR DO PARAISO.- Saída cara o norte o Rego Traveso, A Cheda, Campo da Cruz, Fonte do Vao, Brañas Edras, Fonte Santa, Costa da Carballa, Pontella do Vao, Cancela da Carballa, Agra da Carballa, Cemiterio.
  • O CARBOAL.- Campo da Mámoa, Chan das Pías, Fonte do Vao, a unir co do Vilar de Paraiso.
  • MARTIN.- Campo de Martín, Casanova, Pontelliñas, a unir co de Miñóns
  • BUSTO.- A Rucheira, Morosiñas, a unir co de Martín.Tamén podían vir pola Costa da Carballa.
  • CERVÁN.- Pozo do Can, Agra de Martín, a unir co de Martín
  • PELEXA.- A Lomba, Estivada do Glorio, Os Pedrouzos, Mexerica, Cancela de Buxantes, Cemiterio.
  • FIGUEIROA.- As Loncras, a unir co da Carballa. Tamén podía vir pola Costa da Carballa a unir co do Carboal.

mapa de buxantes-dumbria 2

Tamén existían os camiños de a pé, máis coñecidos como “Camiños da Misa”, interrumpidos por pasadoiros, así:   

  • VILAR DO PARAISO.- Baixada os pasales da Cheda, Subida Prado da Costa, Fte do Vao a unir co Sacramental de Vilar do Paraiso.
  • O CARBOAL.- Baixaba polo carreiro do lugar a Ponte da Balsa, Prado do Catelo, Prado de Busto (Petón do Pobre), Brañas de Busto, A Rucheira a unir co Sacramental de Martín.
  • FILGUEIRA.- Saía do lugar pola Agra, o Prado da Misa, interrumpido polo pasadoiro da Escadia a unir co Sacramental no Fiás.
  • VILAR.- Saia da Potella do Vilar, subía pola Brúa e polo oeste do muro do cemiterio a unir co Sacramental da Carballa. 
  • FIGUEIROA.- Cruzaba a pontella, subía polas Loncras, Fonte San Pedro, a Igrexa.
  • CERVÁN.- Cruzaba o rego pola Pontelliña, Agra de Martín ao pasadoiro do Campo de Martín. Aquí unía co camiño Sacramental de Martín.

mapa de buxantes-dumbria

NOVAS DE MODESTO

Patrimonio Pindexo

 

OUTROS ARTIGOS NO "MODESTO PATRIMONIO”

Comentarios