Venres. 04.10.2024
El tiempo
Abraham Trillo
07:57
16/09/24

Polo amor de Fidel

Polo amor de Fidel

Resulta que ao goberno municipal agora lle entra a paranoia. Porque, que nunha noite do pasado fin de semana – unha desas noites de borracheira brava - a catro (a tres, a dous ...) anormais lles dese por volcar unha maceta chea de terra aló onde se situa a parada de taxis, é un “acto vandálico” que podería xustificar a instalación de cámaras na Praza Castelao. Así o di a nota de prensa publicada no xornal La Voz de Galicia do día oito deste mesmo mes. A este paso, os corcubioneses, imos merecer ostentar - moito máis que os ceenses- o apelativo de “coreanos”. Pois isto, co ritmo nacionalista e pachangueiro que leva, vai parecéndose cada día máis a Corea. A Corea do norte, naturalmente.

Fagan memoria e verán que algún de vostedes, ao igual que moitos de nós – arrieritos somos todos...- en noites semellantes, chegando a casa ou xa nela, tamén tiraron, querendo ou sen querer, obxectos semellantes – algún xerro da China, búcaro de mamá, ou paragüeiro do século XX pero coma do XIX-. E é que as vosas mercedes, aínda que agora se atopen cónsules maduros, tamén foron mozos.

Xa sabemos que o cargo esixe e que teñen que abogar pola orde pública, o respecto dos bens comúns, e todo iso que lles xustifica o soldo. Pero non me filmen indo a mercar o pan, cona! Que non estamos en Gran Hemano.
Reláxense pois, polo amor de Deus, de Shiva, de Fidel, ou de a quen lle adiquen vostedes culto, e invirtan as forzas nalgo distinto e positivo. Por exemplo, en traer orde ao pobo na figura dese garda municipal tan esperado, ou en cumprir a promesa de reabrir, abrir, ou requeteabrir – que xa non se sabe- o Centro de Día.

- El centro de qué?
- De nada, señora. De nada. Luego se lo explico, que va para largo.

MÁIS ARTIGOS DE ABRAHAM TRILLO

Comentarios