A peculiar imaxe de San Pedro da capela de Ferrol (Rus, Carballo)

Imaxe de San Pedro, da fachada da capela de Ferrol (Rus). Foto de Luís Bermúdez

A parroquia de Santa María de Rus, en Carballo, conta cun bo número de capelas espalladas pola súa xeografía; na parte alta atopamos a capela de San Pedro, na aldea de Ferrol. Aínda que as primeiras noticias documentais sobre ela remóntanse a principios do século XVII, o que demostra que puido ser edificada varias centurias antes, esta ermida foi reedificada ao longo do tempo, por exemplo, en 1702. Estas obras, como tamén as verificadas en 1757, correron a expensas do mosteiro de San Martiño Pinario, que percibía rendas e beneficios deste lugar. No libro da fábrica parroquial, nunha nota correspondente a 1753, recóllese o dato de que os monxes bieitos deran, ademais de varias alfaias, unha imaxe de San Pedro, sen especificar se se trata da de madeira que preside un retablo feito en 1903 durante o reitorado do crego Hermo Romay, ou da que se atopa nunha fornela da fachada. Reparemos nesta última.

Esta efixie foi elaborada en granito e mide aproximadamente un metro de altura. Chama a atención que sobresae, a modo de altorrelevo, da sección dun fuste circular incrustado no fondo do nicho. A imaxe representa o santo á maneira de apóstolo: vai vestido cunha túnica e unha capa con pregues como húmidos; porta o distintivo iconográfico da chave na man dereita e, na esquerda, leva un pergameo. Do mesmo xeito, resulta interesante o tratamento do rostro: bigotes moi ladeados, ollos amendoados, cabelos peiteados cara aos lados... A peculiar feitura lévanos a remontar esta obra, cando menos, á Idade Media. Esta opinión foi compartida tamén por Braulio Arce e Salvador Ares: nun informe do 10 de xullo de 1995 dan conta de que a obra pode estar relacionada cos mestres da fachada das Praterías da Catedral de Santiago. Pois ben, ¿puido ser feita esta imaxe para a capela ou a súa disposición nun fuste indica que foi reaproveitada dalgunha portada medieval? ¿Sería esta efixie o agasallo dos monxes de Pinario, que a terían abandonado nalgún recuncho do seu renovado e modernizado edificio? Sexa como for, trátase dunha obra digna de ter en conta.

Outros artigos de Luís Bermúdez sobre patrimonio eclesiástico