Advocacións marianas nas igrexas do concello de Coristanco
Co inicio do mes de maio, e no resto do verán, son moitas as freguesías do noso rural que veneran á Virxe María en múltiples advocacións, é dicir, mediante distintos títulos. No concello de Coristanco conservamos un bo repertorio deles, uns propios desta comarca, e a maioría, xerais en toda a xeografía parroquial de Galicia e do mundo. Se comezamos por Agualada, atopamos nesta igrexa dúas imaxes da Virxe, a de Fátima, situada no bico do retablo maior, procedente do taller de arte sacro de Olot e mercada logo dunha misión popular polos anos trinta, e a do Rosario, sobre unha das portas da sacristía. Esta última ten unha longa tradición na parroquia, pois xa existía na antiga igrexa, emprazada xunto ao campo santo. Había neste templo dúas representacións: unha no retablo da epístola, no que hoxe se coloca a efixie de San Mateo, e outra no retablo maior. Esta última e mais o seu retablo foron pintados en 1682; sen embargo, a arquitectura lígnea foi retirada medio século máis tarde por unha peza feita por Antonio de Meis. A actual imaxe, de gran tamaño, foi doazón do médico de Agualada no primeiro terzo do século pasado, e pertence ao taller de Rodríguez e Puente. Pode despistarnos nesta igrexa unha talla feminina do retablo maior, xa que comparte parecidos cunha Inmaculada; esta, en realidade, está identificada como unha Santa Isabel de Portugal, iconografía que se ve repetida noutras parroquias de Galicia.
Continuando pola estrada que vai cara Buño, batendo coa igrexa de Castro, encontramos nela as imaxes marianas da Inmaculada Concepción, do Perpetuo Socorro, das Neves, das Dores e outra, sen título, pertencente ao grupo da Sagrada Familia. A primeira deste listado trátase dun altorrelevo, representado na porta do Sagrario e encadrado a principios do século XVIII. Vemos aquí unha alusión a aquel canto popular eucarístico, «alabado sea el Santísimo/ Sacramento del altar/ y la Virgen concebida/ sin pecado original». A seguinte, unha lámina enmarcada, foi doazón das misións populares dos frades redentoristas, a última verificada en 2010, aínda que xa se conservaban dous cadros anteriores. A imaxe das Neves é da autoría do escultor de Sandrexo Castro Agudín, de finais do século XVIII; substitúe a outra anterior, da que da conta Jerónimo del Hoyo a principios do século XVII, e tamén a visita de 1639, que ordenou facerlle un retabliño. A súa presenza aquí ven pola fundación dunha capelanía por parte do crego Juan de Vilar. Do mesmo xeito, existe entre Castro e o lugar do Outeiro o monte das «Capillas», onde se di popularmente que esta Virxe tiña unha ermida. En canto a das Dores, esta talla cobrou especial devoción a partir da fundación dunha confraría a mediados do século XIX, da man do crego Ramón Antonio Pardiñas, e tamén pola existencia dunha capelanía, sen embargo, a efixie parece algo anterior. Finalmente, a imaxe da Virxe da Sagrada Familia, vinculada ao escultor Cendón Buceta, fai parella cun magnífico San Xosé; nun principio, este grupo escultórico era denominado «do Patrocinio de San Xosé», en alusión á defensa que este fixo de María e de Xesús, representando a escena da volta de Exipto.
Continuando alfabeticamente cara Cereo, atopamos alí dúas imaxes recentes, de escaso mérito e valor, que son a Virxe de Fátima e do Perpetuo Socorro, de adquisición recente. Na única capela lateral observamos unha Virxe do Rosario; é do escultor Ramón Núñez, de principios do século XX, e foi traída polo crego José Abelenda, xa que se fixo coa titularidade do espazo, antes privado, e quixo dedicarllo a esta advocación. Antes estaba baixo o padroádego da Concepción e de San Antonio. Estas dúas imaxes deben ser as que se encontran no retablo maior, no segundo corpo, cuxa feitura é do último terzo do século XVII. Porén, a Virxe semella máis do Rosario que da Concepción, xa que leva o Neno Xesús no colo; aínda así, recordemos que naquel momento aínda non estaba configurada a iconografía inmaculista como a comprendemos actualmente. Antes de rematar con esta igrexa, vemos á Virxe representada no colo de súa nai, Santa Ana, e, tamén, na imaxe do Carme, obra do escultor Antonio de Meis, ambas as dúas no retablo colateral do lado do evanxeo; tamén no retablo maior, como patroa desta freguesía, baixo o misterio da Asunción. Podemos vincular esta obra ao escultor compostelán Gregorio Fernández Prieto. No presbiterio existe tamén o Inmaculado Corazón de María, enfrontada ao Sagrado Corazón de Xesús, posibles obras de Xosé Rivas.
Pasando á parroquia de San Paio de Coristanco, vemos na súa igrexa a representación de María como Virxe Dolorosa, de vestir e de finais do século XVIII, como Virxe do Carmen, obra de Meis pero reformada no século pasado, e como Virxe das Candeas, tamén atribuíble a Meis. Esta foi restaurada por Ángel Rodríguez, e repintada con cores vivos; nun principio era a Virxe do Rosario, pero logo foi rebautizada co título actual. Algo semellante pasa en Oca; alí a Virxe da Candeloria foi, en principio, a do Santo Rosario, e contaba cun retabliño colateral. Hoxe, este vese ocupado pola do Corpiño, obra de Francisco Rodeiro, de mediados do século XIX e traída para asentar a súa devoción en Bergantiños. Nesta igrexa de Oca vemos tamén unha efixie pequeniña do Carme, talla popular de escaso valor que fai parella cunha Santa Lucía. Antes de pasar á seguinte parroquia, convén apuntar uns datos curiosos sobre a capela de Centiña, pertencente a Coristanco; aínda que hoxe é denominada como de San Antonio foi, en orixe, de Santa María das Figueiras. Esta era unha Virxe do Rosario de pequeno tamaño, bautizada popularmente como «a Santa da Sombra», xa que a esta ermida concorrían os paisanos a quitar este mal. Nos anos sesenta do século pasado, o crego Cantelar retirouna. Hoxe venérase no seu lugar e na súa festa á Virxe da Milagrosa, unha peza de escaiola de Olot. Tamén se celebra neste templo á Virxe do Pilar, obra posiblemente de finais do século XIX ou principios do XX.
Na seguinte parroquia, en Couso, están as imaxes marianas do Carme e do Socorro. Non sabemos as datas da súa feitura; a primeira tivo unha potente confraría e festa nesta aldea, mentres que, a segunda, é unha advocación tradicional na diocese de Santiago. Esta asentouse no século XVII en San Martiño Pinario e, de aí, ao rural; non ten nada que ver coa do Perpetuo Socorro, devoción traída de Italia polos frades redentoristas e que parte iconográficamente dunha icona bizantina. Esta talla de Couso foi reformada a finais do século XIX polo escultor Bernardino López Quintáns. Volvemos a ver esta advocación en Rececinde, de principios do século XVIII; que comparte o templo coa das Dores, posiblemente encargada coa imaxe do Cristo no século XX e de procedencia de fóra de Galicia, e a de Fátima, traída de Portugal hai poucos anos e de feitura industrial. En Xaviña tamén existe a Virxe do Socorro, no bico do altar de San Antonio; na igrexa hai, tamén, unha imaxe da Inmaculada, de Olot, unha do Carme, que podemos asignar a Magariños, e outra máis do Carme de escultor popular.
Pasando á parroquia de Cuns, temos nela unha Virxe das Dores moi curiosa, xa que aparece baixo a iconografía da Piedade, única neste concello, e tamén unha Inmaculada Concepción, réplica da feita por Pecul e Prado Mariño en Santiago. Esta serviu tamén de inspiración a Magariños para realizar a de Verdes, feita en unión do San Antonio a principios do século XX. Nesta pequena freguesía confinante co Anllóns existe un Inmaculado Corazón de María, de mediados da centuria pasada, e unha pequena Virxe Milagrosa reservada nunha capela domiciliaria.
En Erbecedo existe tamén unha imaxe rebautizada: a das Neves. Esta foi en orixe a do Rosario, que tiña irmandade propia. Como se festexaba o día antes do Divino Salvador, o día 5 de agosto coincidindo coa festa das Neves, o pobo comezou a chamarlle así. Existe tamén a da Saleta, grupo escultórico que segundo Pumar Gándara foi regalado pola asistenta dun crego que tiña raíces en Niveiro; tamén as imaxes do Carme (feita en Olot) e de Lurdes, traída da poboación homónima, foron agasallos de piadosas familias. En Cereixa, na capela que veu recordar o lugar da antiga igrexa, venérase a María baixo o título dos Milagres; unha imaxe onde ante ela se axeonllan un mariñeiro e un labrego, recordando a realidade social de Galicia.
Vindo cara o interior do concello, en Ferreira teñen como patroa a Virxe da Anunciación; trátase dun grupo escultórico traído do taller de Bernardino López. A este tamén lle podemos atribuír a talla da Virxe da Luz, agasallo a esta igrexa de frei Pedro de Leis, sendo cura Andrés Pazos Oreiro, no ano 1883. Existe tamén a Virxe da Estrela, de mediados do XVIII e, do mesmo xeito, a curiosa Virxe dos Petoutiños. Esta é unha pequena talla románica cuxa advocación ven da situación da antiga igrexa, que estaba sobre os penedos, sobre os petoutos, do Cotón de Ferreira.
Pasando á veciña parroquia de San Mamede de Seavia, vemos no seu templo un bo repertorio de imaxes de María: como Inmaculada, obra do xa citado Bernardino López; do Perpetuo Socorro, traída polo crego Tarrío; de Fátima, do taller de Olot; do Rosario, de finais do XVIII e que tiña ábsida propia na igrexa románica; das Dores, mercada a mediados do século XIX como competencia á que había nas Torres de Nogueira; do Carme, traída por aquel tempo polo crego, obra de Juan Brocos e que tivo unha potente confraría. María tamén está representada na efixie decimonónica de Santa Ana, mostrándose como nena que aprende a ler coa súa nai. Aparece no colo na capela da Rabadeira e tamén como Inmaculada. Na capela das Salgueiras móstrase como do Rosario, nunha imaxe antiga e noutra recente de escaiola.
Baixando á parroquia de Santa María de Traba, observamos as imaxes da Asunción, de cara 1820; da Inmaculada Concepción, de principios do século XX, traída polo crego García Amigo e que foi mercada fora de Galicia. O actual párroco trouxo unha imaxe de vestir, inspirada nas esculturas do tallista portugués Ferreira Thedim, que está no altar do Santo Cristo. A do Perpetuo Socorro, que está no lateral da esquerda, foi doazón da familia Gesto e, no outro retablo, vemos a Virxe do Carme, obra do taller de Rodríguez e Puente. No retablo barroco do evanxeo está hoxe a imaxe da Virxe das Dores ou da Soidade, que nun principio presidía a fornela na que está hoxe a do Perpetuo Socorro, e que é contemporánea á arquitectura lígnea. No xa citado altar do Cristo venérase a antiga imaxe da patroa, de estilo renacentista, vendo na fornela contraria unha réplica dela, bautizada popularmente como «a Virxe da Fonte». Esta aparecera nunhas leiras polos anos setenta e varios veciños fixeran unha ermida na súa honra; debido aos excesos e problemáticas, o párroco Antonio Velo decidiu levala á forza ao templo parroquial.
Finalmente, na parroquia de Valenza observamos as Virxes do Carme, de principios do século XIX e en liña coas obras de Jacobo Liñares, que tivo unha forte e numerosa irmandade nesta freguesía, outra Virxe do Carme de vestir, unha talla románica mariana sen ningunha advocación e, finalmente, unha Virxe das Dores. Esta foi donativo do veciño de Portoquintáns Antonio de la Fuente, que no seu testamento ordenou facer esta imaxe; pode encadrarse no ano 1828.
Outros artigos de Luís Bermúdez sobre patrimonio eclesiástico
- “O Corpus na aldea”: as festas sacramentais nas nosas freguesías
- Os obxectos dunha casa reitoral de Bergantiños en 1822
- Pablo Ángel Aldao e Breijo: un bergantiñán reitor, cóengo e catedrático
- Santiago Abuelo Lado e Santiago Abuelo Alvite: cregos construtores e benfeitores de Bergantiños
- P. Lino Gómez Canedo, un ilustre franciscano natural de Bergantiños
- Don Pedro Pillado Gómez: fundador do Desencravo de Sofán
- Sor Modesta Salgado Berdía: unha abadesa e reformadora natural de Carballo
- Sor María Francisca Carracedo: Fundadora do Colexio das Fillas da Caridade de Carballo
- Igrexas e ermitáns na zona de Bergantiños
- Unha misión xesuíta de 1673 polas parroquias da Costa da Morte
- A accidentada visita pastoral de Coristanco do ano 1879
- A imaxe de San Amaro de Bértoa: unha talla rebautizada
- Santa Eufemia en Bergantiños: unha devoción chegada das terras de Trazo
- Santos catacumbais na Arquidiocese de Santiago: San Fidel de Carril, mártir
- José Carballeira Pérez (1858-1942), benemérito párroco de San Xoán de Carballo
- A devoción a Santa Apolonia en Castro
- Santos catacumbais na Arquidiocese de Santiago: San Vitorio, mártir
- Un crime de novela acontecido en 1895 nunha parroquia de Carballo
- Noventa e cinco anos da imaxe da Virxe Milagrosa en Entrecruces
- Unha nova aldea para unha gran igrexa: a construción dunhas vivendas públicas no entorno da parroquial de Rus en 1789
- Os párrocos de Santa María de Traba e San Martiño de Oca, en Coristanco, dende finais do século XVI
- Un libro de rendas e esmolas da parroquia de Santa Baia de Castro, en Coristanco, do ano 1711
- Un documento inédito redactado en Rus en 1796: o testamento da esposa do artista Ignacio Tiburcio Freire
- Ritos e liturxia popular nos santuarios da zona de Bergantiños
- Santos catacumbais na Arquidiocese de Santiago: San Calisto, mártir
- O incendio do retablo de Noicela en 1906
- A reliquia de Santo Outelo de Goiáns
- Narciso Coello de Portugal (1864-1945), crego de Bértoa
- Unha imaxe peculiar e valiosa: a Virxe de Guadalupe de Oza
- Os párrocos de Bergantiños na visita pastoral de 1817
- A contratación da campá maior de Rus, en Carballo, en 1791
- A cruz parroquial de Verdes, en Coristanco: unha das pezas de prata de máis antigüidade na zona de Bergantiños
- As constitucións de 1771 da confraría de Santa María de Ferreira
- Analizando polo miúdo a custodia de San Pedro de Valenza, en Coristanco
- Setenta anos da chegada de don Cipriano Reiriz de Dios (1902-1983) a Valenza, Coristanco: o crego que fixo progresar o rural.
- A igrexa de Santa Baia de Castro, en Coristanco, a través da visita pastoral de 1817
- A igrexa de Santa Baia de Castro, en Coristanco, a través das visitas pastorais dos séculos XVII e XVIII
- Milagres da Virxe de Pastoriza nas comarcas de Bergantiños e Soneira
- Santos e marcos: a discusión entre san Xián e santa Baia polo lugar de Lume da Cova
- A pirotecnia e as festas de Bergantiños no pasado
- A supresión e anexión das parroquias de San Xusto e Verdes
- Os toques das campás en Bergantiños e o contrato das campás de Oza, Xaviña e Lemaio
- As capelanías existentes en Bergantiños a mediados do século XVIII
- O preito de Santa Minia de Seavia (1870)
- Algunhas sepulturas históricas nas igrexas da zona de Bergantiños
- Don Nicolás Varela Díaz: un fillo ilustre da comarca de Bergantiños
- A devoción a san Antonio de Padua na parroquia de Agualada
- A Virxe da Saleta de Silván: avogosa e protectora das patacas de Coristanco
- A capela das Salgueiras, en Coristanco: de ermida particular a templo veciñal
- A devoción a san Roque na comarca de Bergantiños