1ª Autonómica: Con pouco en xogo

Sosa esta xornada 33 da 1ª Autonómica - Clínica Vértebra. Xa non temos nada en xogo, coa Esteirana descendida, o Baio e o Sofán pelexando pola 4ª praza, e Corme, Malpica e Soneira en zona morna, queda unha xornada para remate.


Soneira - Corme (1-1)

  • SONEIRA: Anxo, Brais Mouzo, Fran de Urroa, Cristian, Michael, De la Sierra, Richi, Sandelo, Brais Triñanes (Cristian Figueroa, min.55) e Basti.
  • CORME: Suso, Pandi, Alejandro, Joshua, Dani, Brais Torrado (Diego, min.55), Sergio, Miguel Torrado, Lucas, Juan Chans e Toniño (Eloy, min.75).
  • Goles: 0-1, min.70: Toniño de penalti sobre Diego; 1-1, min.77: Sandelo de penalti.
  • Expulsión: Michael no min.70.

Partido igualado, sen demasiado en xogo con dous equipos apenas pelexando por quedar o máis arriba posible. Foi un choque igualado, con bo fútbol por ambos bandos, por momentos, pero sen acerto cara gol, de feito os dous goles chegaron dende os 11 metros.

Na primeira metade estivo un pouco máis incisivo o cadro local, pero Suso estivo imperial na meta cormelá. Na segunda igualáronse as forzas. Protestaron o penalti que daba o empate aos soneiráns, os cormeláns e na seguinte xogada fixeron o propio cun gol anulado a Juan Chans por un dubidoso fóra de xogo.

Ademais, ca expulsión de Michael o Corme veuse arriba e tivo o partido na man, pero non concretou as ocasións creadas.


Silleda - Sofán (0-1)

  • SOFÁN: Brais Vázquez, Ceide, Marcos Pensado (Méndez, min.57), Félix, Sito, Óliver (Cantudo, min.46), Seo, Martín (Míchel, min.46), Luís (Iván Rojo, min.46), Brais e Raúl.
  • Gol: 0-1, min.74: Iván Rojo recibe escorado e bate cruzado ao porteiro tras bater no pau.

Solventou o Sofán o choque ante un Silleda practicamente descendido. Os sofanistas, ca cabeza xa máis posta na Copa, tivo a iniciativa dende o comezo ante un dubitativo cadro local. Non tiñan presa os de Josito, e con Martín e Seo dominaron pero sen excesos. Abriuse o choque na segunda, e o xuvenil Brais Vázquez tivo que intervir nun par de ocasións. Raúl avisaba cun balón ao pau e Iván Rojo facía o solitario gol da vitoria para os carballeses.


Unión - Baio (1-0)

  • BAIO: Manuel, Yago (Jose, min.60), Mario, Porto, Fachal, Norber, Brais, Bieito, Saleta (Ramón, min.68), Christian e MC.
  • Gol: 1-0, min.79.

Bo partido do Baio en Rianxo ante un equipo que aínda tiña opcións de pelexar pola promoción. O cadro de Félix, arroupado por 60 fieis siareiros, tratou de poder a poder, demostrando ambos conxuntos por que están aí arriba na táboa. Comezou o Baio máis metido en campo rival e MC, tremendamente activo, tivo boas ocasións para abrir o marcador, como un tiro lonxano que repeliu a madeira, ou un par de chegadas de Porto e Saleta.

Pero non acertaron os baieses e pouco a pouco o Unión foise metendo máis arriba. Igualáronse as forzas na segunda, co Baio ben seguro atrás. Tivo o 0-1 Yago tras un pase atrás de Porto pero se entretivo demasiado, e napouco despois chegaba o gol local, xa sen tempo para reaccionar.

Aquí queda o gol da man de Santi Soneira:


Esteirana - Agolada (1-3)

  • ESTEIRANA: Ramón, Code, Sui, Dani Rama, Rafa (Eloi, min.70), Martín, Adri, Álex, Jose (Pachín, min.80), Pablo (Adrián de Louro, min.70) e Róber Pladur.
  • Goles: 1-0, min.14: Pablo; 1-1, min.26; 1-2, min.31; 1-3, min.67.

Partido sen moita historia, cunha Esteirana abatida con gañas de que remate xa o curso, despois de facer un gran treito final de campaña que non valeu para salvar a categoría. Foi un choque sen apenas ocasións, no que o cadro local se colocaba por diante. Pero o Agolada, inmerso aínda na pelexa pola permanencia, buscou con ahínco a remontada e en 5 minutos do ecuador da primeira metade deu a volta ao marcador.

Na segunda parte buscou máis o Agolada a sentenza que a remontada o equipo blaugrana e aínda parou Ramón un penalti.


Cordeiro - Malpica (1-2)

  • MALPICA: Abraham; Adrián, Marcos Amado, Pablo Díaz, Rancaño, Fernando Varela, Petís, Xulián, Rodrigo, Diego Alonso, Joel Pereiro.
  • Goles: 0-1, min.6: Petís de cabeza tras unha indecisión defensiva; 0-2, min.73: Rodrigo a pase de Adrián tras unha gran xogada de Fernando Varela; 1-2, min.88.

Boa vitoria dun xusto Malpica que serve para alonxar defintivamente as pantasmas da zona baixa. E chegaban con poucos efectivos os malpicáns, e mesmo con dous xuvenís no 11 como Xulián e Petís no 11.

Saía forte o Malpica e pronto se metía por diante co gol de Petís. Joel Pereiro e o propio Petís puideron ampliar a renda antes do descanso pero tamén Abraham tivo tres paradas case que milagrosas para manter a porta a cero. Na segunda o Cordeiro apenas facía dano a balón parado e tras unha fermosa xogada de Fernando Barela Rodrigo facía o segundo, que daba tranquilidade aos seus, que só sufriron os últimos minutos tralo gol dos locais, pero a vitoria non perigou.


Crónicas da 1ª


Crónicas da semana

Primeiros títulos colleitados

Novas relacionadas

Máis información

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).