ReAcciona

Carlos Fagín, presidente da Asociación do Corpo Superior da Administración da Xunta de Galicia e Domingo Guerra.

O pasado mércores, día 25 de marzo de 2025, presentouse na Escola Galega de Administración Pública o número inaugural da revista ReAcciona, unha iniciativa da Asociación do Corpo Superior da Administración da Xunta de Galicia que chega nun momento especialmente oportuno para reflexionar sobre o futuro do noso sector público. Tiven a honra de ser convidado a participar no acto de presentación, intervindo para falar sobre o artigo co que colaboro neste primeiro número da revista e, máis tarde, tomando parte na mesa redonda que puxo fin ao encontro.

O ambiente do acto foi especialmente positivo: unha mestura equilibrada de rigor técnico, ideas claras e un espírito de servizo público que, en tempos de transformación administrativa, resulta máis necesario ca nunca. Porque ReAcciona nace precisamente con esa intención: abrir espazos de análise sosegada, con voces expertas e reflexións útiles para mellorar o funcionamento das administracións e reforzar a confianza da cidadanía.

Acto de presentación da revista ReAcciona: Marta Figueiras, Carlos Fagín, Domingo Guerra e Luis Fernández.

A miña contribución neste número céntrase na rendición de contas das Entidades Locais Menores (ELM) de Galicia, un ámbito pouco coñecido pero esencial para comprender o funcionamento da administración máis próxima ao territorio. Trátase de entidades pequenas, cun papel importante na vida comunitaria e cun funcionamento dificultado pola falta de recursos. Aínda así, importa subliñar que, en conxunto, contan cunha situación financeira sólida e que, con apoio e acompañamento, avanzaron cara a unha mellora no cumprimento da súa obriga de render contas en prazo.

O caso das Entidades Locais Menores de Galicia é un exemplo moi claro do que significa mellorar cando hai compromiso e apoio. No exercicio 2021, só 2 das 9 ELM existentes lograran presentar a súa Conta Xeral dentro do prazo legal; unha cifra preocupante que deixaba ver carencias de medios e limitacións estruturais.

Porén, tras un proceso de fiscalización e acompañamento, a situación deu un xiro notable: no exercicio 2023, renderon en prazo 8 das 9 ELM, quedando só unha fóra por circunstancias puntuais. É un cambio profundo nun período moi curto, que demostra como a transparencia e o bo goberno tamén avanzan en estruturas pequenas cando se lles presta a atención debida.

Como teño insistido neste espazo, a rendición de contas é moito máis ca un simple trámite: é a maneira de demostrar como se xestionan os recursos públicos e de reforzar a confianza entre a cidadanía e a Administración.

Desde esa perspectiva, a chegada de ReAcciona resulta especialmente oportuna. A revista ofrece un espazo onde pensar con calma, analizar con sentido crítico e identificar melloras posibles nun momento cheo de desafíos para o sector público.

Oxalá esta publicación axude a consolidar unha verdadeira cultura de transparencia e bo goberno, e tamén a poñer en valor o traballo das nosas Entidades Locais, que seguen sendo parte esencial da identidade, da cohesión e do noso futuro.

 

  • Domingo Guerra. Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.

 

OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA