venres. 07.11.2025
El tiempo
Domingo Guerra
10:35
07/11/25

O termómetro da transparencia dos nosos concellos

Rendicion de Contas Concellos Costa da morte 2025
O termómetro da transparencia dos nosos concellos

Un ano máis, volvemos coa rendición de contas. Unha práctica que mantemos desde hai máis dunha década para reforzar a transparencia e a cultura democrática dos nosos concellos.

Non é unha cuestión menor, nin un trámite sen importancia. É, nin máis nin menos, que a pedra angular da transparencia municipal. Porque render contas significa explicar á cidadanía como se xestionaron os recursos públicos, e facelo en prazo é demostrar respecto pola lei e pola democracia.

Este 2025 trae un balance positivo: dos 19 concellos da nosa bisbarra, 17 cumpriron. E fixérono en prazo. Repito: todos eles remitiron a súa conta xeral antes do 15 de outubro, como marca a normativa. 

Mazaricos e Santa Comba seguen sen render. 

¿É moito? ¿É pouco? Depende de como se mire, como diría Jarabe de Palo. Se comparamos cos últimos anos, a mellora é evidente: en 2024 foron catro os incumpridores, e en 2023, tres. A tendencia é positiva, pero non podemos caer na autocomplacencia.

Pero, por que é importante render? A resposta é simple: a rendición de contas non é un favor que nos fan os dirixentes municipais, é unha obriga legal. E quen non cumpre, non só vulnera a lei, senón que erosiona a confianza cidadá. Ademais, as consecuencias non son simbólicas, porque poden aplicarse multas coercitivas, perda de subvencións e, en casos extremos, responsabilidades penais. ¿De verdade compensa asumir ese risco?

Hai quen pensa que isto é un tema técnico, afastado da vida diaria. Nada máis lonxe da realidade. Cada euro que entra e sae das arcas municipais é diñeiro público, diñeiro de todos. Por iso, os concellos deben ser escolas de aprendizaxe democrática, onde se ensine con exemplo o valor da transparencia. Non abonda con discursos; cómpre práctica, cómpre rigor.

En definitiva, amigas e amigos que seguides esta columna, xa sabedes o que penso sobre a rendición de contas: para min é moito máis que unha data nun calendario. É un compromiso de información para con vós, unha ferramenta para dignificar a política local. Así que, para o ano, se a saúde nos respecta, volveremos escribir sobre isto.

  • Domingo Guerra. Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.

 

OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA

 

Comentarios