Brindis á beira do mar
Pechamos outro ano convidando, desde Louro, a mirar cara ao futuro con ambición e compromiso. Ambición para crer que podemos facer mellor as cousas, para non resignarnos ante as dificultades e para conseguir unha bisbarra que medre en oportunidades, servizos e calidade de vida. E compromiso, ese compromiso que nos implica a todos: porque reflexionar sobre os problemas que nos afectan non é só tarefa de quen escribe, senón unha responsabilidade compartida. É o compromiso de abrir debates, de escoitar con respecto, de sumar ideas e de construír respostas colectivas que fagan da nosa terra un lugar máis xusto, sostible e con futuro.
E hoxe, desde esta xanela, ademais de agradecer a Que Pasa na Costa a súa confianza e a cada lector a súa compañía neste camiño de ideas compartidas, quero referirme a un tema que considero fundamental para os nosos concellos: a auditoría pública. Porque garantir transparencia e bo uso dos recursos non é só unha cuestión técnica, é unha responsabilidade democrática. Cada euro que se xestiona desde a administración municipal ten impacto directo na vida das persoas, e por iso é necesario que exista un control externo rigoroso, independente e útil.
Pero hai algo que aprendín ao longo dos anos: un informe que ninguén entende é un informe inútil. A fiscalización non pode quedar encerrada nun documento cheo de tecnicismos, pensado só para especialistas. Os resultados da auditoría deben ser claros, comprensibles e chegar á cidadanía. Esa foi a idea que defendín no congreso dos Órganos de Control Externo de España celebrado en Córdoba, onde presentei unha ponencia titulada «O poder da comunicación efectiva na fiscalización pública» e onde resaltaba que comunicar ben é tan importante como fiscalizar ben.
Pero, que significa iso? Significa elaborar informes con linguaxe accesible, incorporar resumos executivos, gráficos e infografías, e aproveitar os diversos medios de comunicación e as redes sociais para difundir os resultados. Significa explicar por que é relevante o que se fiscaliza e que impacto ten na vida das persoas. Porque a transparencia non é só publicar datos: é facer que se entendan.
Sen embargo, recoñeceremos que non é un camiño fácil. Hai obstáculos: resistencia institucional ao cambio, falta de persoal especializado en comunicación, manuais de estilo desfasados… Pero, sen dúbida, é un reto que debemos asumir se queremos que a auditoría pública sexa unha ferramenta real de mellora e non un simple trámite.
En definitiva, os nosos concellos precisan auditorías que non só detecten problemas, senón que axuden a resolvelos e para iso, una premisa básica é que se comuniquen ben os resultados. Porque só así reforzaremos a confianza cidadá e construiremos unha administración municipal máis transparente, eficiente e próxima á xente.
Durante o ano que ven queremos seguir compartindo ideas e datos para reflexionar sobre políticas públicas máis próximas e útiles para a xente. Ese é o noso desexo. Que o novo ano nos traia saúde, forza e esperanza para avanzar xuntos cara a un futuro mellor. Grazas por acompañarnos. Boas festas e feliz 2026!»
- Domingo Guerra. Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.
OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA
- Novembro 25: O termómetro da transparencia dos nosos concellos
- Setembro 25: Fiscalizar para mellorar (e poder contalo)
- Xullo 25: A «lupa» que vixía aos concellos
- Maio 25: Colaboración intermunicipal
- Abril 25: 40 anos da LRBRL
- Febreiro 25: Diferentes varas de medir.
- Xaneiro 25: O reto demográfico.
- Outubro 24: Volvemos. A rendición de contas.
- Estreamos primavera sen tarefas pendentes
- Dúas cuestións sobre a autovía AG 55 da Costa da Morte
- Continuamos perdendo poboación
- Porque nos afecta e nos importa
- Axenda de obrigas 2023
- O Cometa Haley. A rendición de contas.
- Modificación das regras fiscais. Una cuestión inaprazable
- POS + 2022.
- A Ciberseguridade.
- Estado de rendión de contas.
- Auditoría pública fronte ao fraude e a corrupción.
- Retribucións da alcaldía.
- Un maná que debemos aproveitar.
- Vacacións: non toca escribir sobre economía municipal.
- Fiscalización operativa. Xa é hora.
- A morte do orzamento.
- Despois de xaneiro.
- Momento para o consenso e transparencia.
- Suspensión de regras fiscais.
- A detección de riscos na prevención da corrupción .
- Navegando na «chalana».
- As previsións do FMI
- Fraxilidade económica
- 2020, unha nova década
- Comezar de cero
- Arqueo e inventario.
- A factura electoral.
- Volver a votar.
- Autonomía fiscal.
- Auditores privados nas intervencións municipais.
- Cartos e máis cartos en bancos sen rendibilidade.
- Debemos tributar máis?.
- A Tesourería Municipal.
- Cos deberes feitos.
- Perdemos poboación.
- A conta (413) «Acredores por operacións pendentes de aplicar ao presuposto».