venres. 30.01.2026
El tiempo
Domingo Guerra
09:30
30/01/26

Pensar o local

Escribo esta columna desde hai anos como quen sae ao mar sen facer demasiado ruído, coa experiencia acumulada e co aprendido ao longo do tempo, coa axuda da teoría económica, si, pero sobre todo coa mirada posta no que sucede cada día nos nosos concellos. Este seguirá sendo o obxectivo para 2026.

A realidade local é coma o mar que nos rodea: nunca inmóbil, ás veces dócil, outras esixente, moi esixente. Pensar o local é, para min, manter o rumbo con prudencia, sen épica innecesaria e coa responsabilidade silenciosa de volver a porto. Porque a nosa é unha comarca feita de núcleos pequenos e dispersos, cunha poboación que envellece e cunha economía vencellada ao mar, á terra e aos servizos. Aquí, o territorio non é só escenario, senón condición: encarece os servizos, marca o ritmo e condiciona cada decisión pública.

Un concello pequeno ou mediano, como os nosos, debe cumprir as mesmas regras fiscais, orzamentarias, de estabilidade, urbanismo, contratación pública, administración electrónica, protección de datos, fondos europeos ou normativa ambiental ca unha cidade. Todo iso cun cadro de persoal reducido e con recursos técnicos moi limitados. O problema non é a existencia destas obrigas —moitas delas necesarias—, senón a súa aplicación uniforme nun territorio profundamente desigual.

A prestación de servizos básicos resulta moito máis custosa neste espazo, onde os servizos absorben unha parte moi significativa dos orzamentos municipais, deixando unha marxe mínima para investir ou planificar con visión estratéxica. A esta realidade súmase unha cuestión menos visible, pero decisiva: a capacidade de xestión. Boa parte da enerxía administrativa consómese en cumprir procedementos, tramitar expedientes complexos ou xustificar subvencións. Queda pouco espazo para pensar con calma que servizos se prestan, como se financian ou que prioridades deberían marcarse a medio prazo.

Este diagnóstico non é illado. A Federación Española de Municipios e Provincias lembra que case o 80 % dos municipios do Estado son concellos de menor poboación e reclama a necesidade de «ruralizar as leis». En Galicia, o Consello de Contas vén advertindo que estes concellos presentan os peores indicadores de autonomía financeira e dependen das subvencións externas en porcentaxes próximas ao 50 % dos seus ingresos. Non é un problema de rigor, senón de limitacións estruturais de capacidade.

Chegados a este punto, a reflexión non pode quedar no diagnóstico. Os nosos concellos non precisan comprensión retórica: precisan cambios reais. Precísase unha normativa proporcionada á dimensión municipal, marxes efectivas cando faltan medios e unha asistencia técnica pública estable e suficiente. 

Pensar o local non é pedir privilexios; é reclamar regras que non ignoren o territorio. Porque cando se lexisla de costas ao local, non se fortalece o sistema: debilítase a capacidade de gobernar o máis próximo.

Pensar o local é exercer o goberno coa medida xusta do territorio que se pisa. É saber que non todos os mares se navegan igual nin todas as embarcacións soportan o mesmo peso. Sen regras proporcionadas e sen apoio suficiente, os nosos concellos non avanzan por falta de rumbo, senón por exceso de carga. E cando gobernar o máis próximo se volve unha carreira de obstáculos, non se resinte só a administración local: empobrécese, pouco a pouco, a capacidade colectiva de coidar o común.

  • Domingo Guerra. Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.

 

OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA

 

Comentarios