Mércores. 23.10.2024
El tiempo
Lola Rontano
21:15
19/06/24

O soño da bolboreta (ou do tempo como desilusión)

O soño da bolboreta (ou do tempo como desilusión-Lola Rotano
O soño da bolboreta (ou do tempo como desilusión)

”O tempo é un río que me arrebata, pero eu son o río; é un tigre que me esnaquiza, pero eu son o tigre; é un lume que me consome, pero eu son o lume...” escribe Jorge Luis Borges. 

Como a cervexa (e como case todo), cóntase que o tempo foi invento dos antigos exipcios. Crearon as horas dividindo a parte iluminada do día en doce segmentos. Para o islam, en cambio, o día empeza co solpor. 

Como construción humana, sérvenos de coordenada para observar, medir e comprender a realidade, imprescindible no noso día a día. Con todo, tras os estudos desenvolvidos por Mileva Maric e Alfred Einstein, nai e pai da Teoría da Relatividade, constatouse que o tempo depende da velocidade e do campo gravitatorio de quen o observa. Segundo as leis físicas, é unha percepción psicolóxica a que nos suxire que o tempo flúe, que vai nunha dirección concreta, do pasado ao futuro.

Para explicar ese fenómeno improbable denominado ”tempo”, a Física recorre a un concepto aparecido no século XIX: a entropía, que é a tendencia natural á desorde dentro dun sistema. Segundo un dos principios da termodinámica, a entropía tende sempre a ir en aumento. Estatísticamente hai moitos máis estados desordenados que ordenados, por tanto, a evolución sempre favorecerá a desorde dos sistemas. 

Antes do Big Bang, o universo presentaba moi baixa entropía, ou sexa, estaba bastante ordenadiño. Ninguén sabe por que (teogonías e relixións tratan de explicalo), o Big Bang provoca o aumento da entropía. É a ”desorde fundacional” e a partir de aquí establecemos a orixe do Tempo. 

Desde entón, a entropía non fai máis que medrar a través de procesos irreversibéis, tanto a pequena como a gran escala (desde un vaso que cae e rompe ou unhas eleccións que volven dar ás ao fascismo ata unha estrela que explota en supernova). 

Este proceso irreversible é o que nos fai pensar na idea de progresión, de fluídez, da natureza do tempo, explícanos Alberto Casas González. Mesmo o principio de causa e efecto está sostido neste espellismo da orde temporal, de continuidade e a progresión. O anterior e o posterior non son outra cousa que a nosa maneira de percibir e relacionar os procesos da entropía. 

Desde a orixe do Tempo, canto acontece vén sendo froito da desorde. Lembremos que Cronos emascula ao seu pai Urano para lle usurpar o trono no Olimpo. Urano mataba os seus fillos ao naceren e a súa muller Rea (que tamén era a súa nai!) recorre a Cronos para que acabe con esta tiranía. Máis tarde, o propio Cronos morrerá a mans do seu fillo Zeus. Desde a orixe, xa eramos unha familia desestructurada e o mundo, un sindiós. 

En canto ao futuro, segundo as leis da termodinámica, anúnciase aínda máis caótico e complexo, posto que os procesos sempre van de menor a maior entropía. Eis o que constatamos na natureza, esta desorde crecente ao noso arredor. Ante o crecemento da entropía, asociamos a idea de incerteza ao futuro. Non viaxamos do pasado ao futuro, non, movémonos entre procesos cada vez máis desordenados, como no medio dun inmenso bazar. 

O tempo crono-lóxico, o tempo dos reloxos e os calendarios, o das horas que se suceden sen descanso, podería considerarse logo unha alucinación colectiva. Ou, no mellor dos casos, un contrato social. Os instrumentos para medilo, desde ao cronómetro ao temporizador, non son máis que as reliquias doutra época. 

Bolboteta Lola Rontano

Que facer fronte a isto? 

Hai vinte e catro séculos, Chuang Tzu soñou que era unha bolboreta e non sabía ao espertar se era un home que soñara ser unha bolboreta ou unha bolboreta que agora soñaba ser home.

Hoxe, a finais da primavera de 2024, soñei que me debatía sen tregua no interior dunha crisálida. E non sei se foi alivio espertar. 

  • Lola RontanoFlâneuse afincada na Costa da Morte, autora da novela Austroatlántica.

NOVAS RELACIONADAS

Outros artigos de Lola Rontano en QPC

Comentarios