Luns. 29.04.2024
El tiempo
Lola Rontano
09:28
25/11/23

Soño da mentira e da inconstancia

Soño da mentira e da inconstancia

​-Que tal está a túa nai? -pregúntame a miña tía María.

​De súpeto, corríxese: 

​-Ai, non! -di, coma caendo na conta de que a miña nai xa faleceu.

​Entón pregúntame polo meu pai, o seu irmán, que morreu moito antes. Os meus curmáns Lola e Mariano, afeitos a estas cousas, obsérvannos. 

​-Pois aí vai -dígolle eu, para que non senta incómoda.

​-Seguro que mellor ca min! -asegura ela.

​-Non creas...

​-Bueno, iso depende -intervén a miña curmá con retranca.

​A miña tía está a cear un pastel de carne na súa cociña, en compañía dos seus dous fillos maiores. Os meus curmáns decidiron tomar con paciencia e humor estas cousas. Preto de facer 91 anos, María, entre outras patoloxías, sofre alzheimer. Aínda que sempre me recoñece e sostemos diálogos en aparencia normais, ás veces ten esas saídas. 

​Ao principio, costa decatarse. Pensaba que os meus curmáns esaxeraban. Porque, cando lle preguntas, pode contarche cousas que sucederon na súa infancia, poñer luz sobre asuntos que todos descoñeciamos, como que o meu avó e o meu pai estiveron detidos. Isto foi en 1940, e se non é por ela, que servía en Murcia, na casa dun funcionario da prisión, levaríanos ao cárcere de Alacante. E aló, é posible que a familia nunca soubese nada máis deles. María escoitou durante a comida que chegaran presos un arriero e o seu fillo de 9 anos, que vendían cereais de estraperlo. Con oito anos, estivo o suficientemente esperta como para comprender que eran o seu pai e o seu irmán. Por sorte, esa mesma tarde, a miña avoa acudía á casa d'“os señoritos” para buscar o soldo da súa filla. A miña tía contoulle o que oíu e a miña avoa pediulles que defendesen ao seu marido e ao seu fillo maior. Entón, o funcionario intercedeu para que os deixasen en liberdade e zafaron.

​A miña tía é capaz de evocar episodios así, porén esquece feitos importantes e cotiáns, por exemplo que os seus pais, o seu marido ou case todos os seus irmáns xa finaron. A miúdo pregunta por eles, coma se aínda vivisen ou tivese que coidalos. 

​Este ano, para o Día dos Santos, levárona ao cemiterio. Os meus curmáns ensináronlle o panteón familiar onde están enterrados os pais e irmáns, entre eles o tío Federico, que padecía epilepsia e morreu aos 16 anos. Despois, levárona a ver a lápida do seu marido, falecido en 2020. Todo iso coa intención de tranquilizala e facerlle comprender onde están. 

​-Aí os tes, mamá -explicoulle a súa filla-. Eles fican aquí, neste lugar, enterrados. 

​María asente a todo e parece comprender, pero en canto saen do cemiterio, comenta:

​-Por iso non veñen verme! Estánche moi cómodos aí, deitados! 

​Din que, en lugar de buscar a verdade, o noso cerebro tende a xustificar as nosas decisións. Unhas decisións que non sabemos exactamente por que nin como as tomamos, pero que defenderemos sempre porque se trata de decisións que nos conveñen. 

​Os procesos implicados na toma de decisións son inconscientes e complexos: son as contas que nos facemos, sobre a base dunha aritmética ante todo íntima, tratando de atopar unha resposta adaptada ás nosas necesidades. Parece que isto é propio da nosa especie e que responde a unha inercia histórica e biolóxica. Como seres sociais, temos que desenvolver decisións rápidas, inmediatas, na nosa convivencia cotiá. Non nos interesa tanto a verdade como manter unha boa posición dentro do grupo e obter cuantos beneficios nos depare o noso lugar na xerarquía social. Así o explica a ciencia. Tratamos de defender os nosos beneficios e privilexios por encima de todo. Por iso, quedaremos satisfeitos con explicacións que nos convenzan, con independencia da súa verdade.

​E isto é o que somos? É iso, e non a intelixencia racional, o que nos define como humanos? 

​Penso en todo isto mentres escoito na radio que o 24 de novembro, con motivo do Black Friday, é o día con máis volume de compras e pedidos por internet do ano. Comentan o impacto ambiental (a pegada de carbono) que provocarán os desprazamentos e a embalaxe dos paquetes. Deses pedidos, sinalan que ata un 25% serán obxecto de devolucións. 

​Fállanos a aritmética íntima, que dúbida cabe? 

​Non hai máis que ver como votamos. 

​Estaría ben recoñecer, aínda que sexa coa boca pequena, que somos capaces de malas decisións, vítimas de decisións precipitadas e irracionais. 

​“A idea que nos atormenta está feita de emocións fugaces, nacidas de estados fráxiles provocados ao mesmo tempo pola melancolía e a felicidade, polo movemento e a lentitude, pola vontade de amar e a esperanza tola de ser amados igualmente”, razoa Malek Chebel nun ensaio sobre o desexo. Do desexo nace a vontade, insiste. Máis que seres pensantes, somos seres deseantes. 

​E os nosos desexos non coñecen límites nun mundo empequeñecido, esquilmado, finito.     

  • Lola RontanoFlâneuse afincada na Costa da Morte, autora da novela Austroatlántica.

 

Outros artigos de Lola Rontano en QPC

 

Comentarios