Completo repaso á actividade mineira dunha loita que se extende a Zas e Santa Comba

Moita información esta fin de semana arredor da mina de ouro de Corcoesto. Por unha banda, os membros da Plataforma Corcoesto Si, Mina Si, realizaban o pasado luns unha marcha nocturna ata Santiago para facerlle entrega de 7.000 sinaturas a favor do proxecto.
Ademais, tamén en clave de aprobación, o deputado do PP, Aurelio Núñez, confiou de novo no polémico informe ambiental, e ademais asegurou que a iniciativa “é beneficosa e ten o apoio dunha maioría da poboación", algo que as cifras de sinaturas (case 200.000 en contra polas 7.000 a favor) non demostra.

Houbo onte tamén movemento no pleno de Coristanco, onde a corporación municipal aprobou unha moción para solicitar á Xunta que paralice parte do proxecto mineiro, o que afecta aos permisos de exploración nas parroquias coristanquesas. Unha petición que, sen embargo, non inclúe a paralización total do plan de traballo da mina.

Completa fin de semana

Mentres, os colectivos en contra da mina seguen realizando actividades. Salvemos Galicia, que conta xa co apoio de novas institucións como o Partido Animalista PACMA, están en marcha con novas actividades, como o Concerto "antiminería" deste venres que terá lugar en Carballo.

A fin de semana será completa. O sábado 1 de xuño a partir das 11 da mañá e durante todo o día terá lugar unha xornada lúdica na Carballeira de Santa Mariña de Corcoesto. Baixo o lema "Contra os proxectos de minería agresiva", esta é unha convocatoria artístico reivindicativa promovida polos artistas Delio Sánchez de Factoría Delideas e os compoñentes do Colectivo arTeu, Inma Doval e Xacobe Meléndrez, en colaboración coa Plataforma Pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños e co apoio da Federación Ecoloxista Galega (F.E.G.). Poderemos ver traballando a pintores-as, videoartistas, escultores-as, fotografas… intervirán tamén artistas do mundo do espectáculo e irán sucedéndose as actuacións de músicos do país coas súas versións máis acústicas; nunha xornada de convivencia, creatividade e compromiso. O publico asistente poderá tamén participar nun taller de estampación e no pintado dunha lona colectiva coordenado polo Grupo Contraminate de Laxe. Todas as persoas que queiran poden levar os seus pinceis, papeis e calquera outro aparello para realizar as súas creacións.
Rematarase a xornada coa lectura do Manifesto de Enarborar o Bosque en Corcoesto.

E a gran cita da fin de semana será a Gran Manifestación que este domingo percorrerá compostela en contra da minería contaminante.

A loita exténdese a Santa Comba e Zas

Pero as intencións da Xunta de espallar a febre mineira e explotar toda a beta que percorer o país de norte a sur continúa. Como nos explicaron no vídeo de Salvemos Galicia, as vindeiras paradas extrativas poderían ser en Zas e Santa Comba, polo que a Plataforma ContraMINAcción-Xallas quere comezar a traballar aportando información.
Así, este novo colectivo anima primeiramente á veciñanza xalleira a participar na manifestación do 2 de xuño en Compostela.

Ademais, queren alertar da ameaza que paira sobre a comarca cos proxectos de extracción de ouro para os que solicitaron permiso Río Narcea Gold Mines SL, Mineira de Corcoesto SL e Río Narcea Nickel SA, todas filiais da empresa canadense Edgewater Exploration. Estes proxectos abarcan un total de 1.680 hectáreas e afectan aos Concellos de Santa Comba e Zas. Agora mesmo, hai solicitados tres permisos de investigación denominados Grixoa, Vilar e Monte Castelo.

Trátase de minaría a ceo aberto totalmente incompatible coas actividades do sector agropecuario, que é a principal actividade económica do concello de Santa Comba, e incompatible tamén coa vida dos e das habitantes do medio rural xalleiro. Entre Santa Comba e Zas hai 1.528 explotacións agrogandeiras (INE, Censo Agrario do 2009) que sosteñen miles de postos de traballo directos e indirectos de carácter permanente.

A bisbarra de Santa Comba é rica en arsenopirita, un mineral que ten un 46% de arsénico. Este elemento químico, o arsénico, é un veleno para nós e os nosos animais. Podemos intoxicarnos inxerindo bebidas ou alimentos que o levan. O arsénico que inxiramos hoxe, acumúlase co de onte e unirase ao de mañá. É canceríxeno, tamén pasa aos fetos a través da placenta e provoca neles alteracións e malformacións graves, e tamén pasa ao leite. Non sabe nin ole, é un asasino silencioso. O arsénico está atrapado nas rochas e non pode ser disolto pola auga pero, se voamos as rochas ata partículas moi pequenas, o arsénico xa pode disolverse na auga, ademais de viaxar polo ar. Algúns dos permisos de investigación solicitados o son para obter arsénico.

Para máis información e asinar a petición

Máis información

Artigos relacionados

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).