Sábado. 27.04.2024
El tiempo

O BNG pide unha comparecencia pública de Edgewater

O BNG pide unha comparecencia pública de Edgewater

Vén o BNG de Coristanco de enviar unha carta asinada pola súa responsable local, Mónica Martínez, á empresa canadiense Mineira de Corcoesto Edgewater, na que lle solicitan que "acepten comparecer, nun acto público, para responder as enormes dúbidas xeradas arredor do seu proxecto, e contrastar as súas informacións coas opinións de expertos na materia".

O BNG quere lembrar que esta mesma petición xa se trasladou ao pleno do Concello de Coristanco no pasado mes de marzo, pero que trasladan agora directamente á empresa ante o que entenden como "parálise do PP local".

Carta do BNG de Coristanco á Edgwater

Sr. Lluis Boixet,

O BNG, como vén sabe, ten manifestado en diferentes foros e de diferentes maneiras a súa oposición ao proxecto mineiro que vostedes pretenden implantar na parroquia cabanesa de Corcoesto, e que afectaría directamente tamén ás parroquias coristanquesas de Cereo e Valenza, ademais da vida en xeral de toda a comarca de Bergantiños, a comezar polo enorme impacto ambiental. O BNG entende, ademais, que é lóxica a preocupación da veciñanza das parroquias próximas aos terreos nos que pretenden instalar a súa industria, pois son moitos os perigos que correrán, e en ningures está suficientemente claro cal é o alcance do proxecto e cales son as consecuencias reais que terán que aturar na súa vida diaria.

O BNG considera que segue a faltar información clara e contrastada sobre o seu proxecto, explicada e discutida de forma transparente e de xeito tal que todos/as poidamos entender a magnitude do proxecto e as súas posíbeis consecuencias. O BNG respalda, e agradece, o traballo de varios colectivos veciñais que nos últimos tempos veñen facendo un esforzo moi intenso por traer á nosa comarca expertos/as de moi diversa índole que espuxeron a súa análise do proxecto mineiro e que informaron sobre temas que antes nos eran totalmente descoñecidos, desde os procesos de lixiviación, a composición dos terreos e a presenza de materiais como o arsénico, o plan de traballo da explotación...

Pola contra, botamos a faltar un proceso tan transparente por parte da empresa que de forma brutal pretende incidir nas nosas vidas. Mineira de Corcoesto tan só compareceu publicamente a petición da veciñanza de Cereo para dar algunhas moi tibias e insuficientes respostas, ao tempo que dedica case diariamente esforzos (é esa a finalidade das cuantiosas subvencións públicas recibidas?) a gastos de propaganda, insertando anuncios publicitarios nos máis diversos medios de comunicación para tentar convencernos das bondades do proxecto.

O BNG entende que isto último non é suficiente, e que a cidadanía de Bergantiños ten dereito a coñecer e contrastar ambas versións, e que a empresa ten a obriga moral de responder, diante de persoas con capacidade suficiente para cuestinalas, ás enormes dúbidas e temores que a explotación de ouro a ceo aberto, e con uso de materiais tan perigosos como o cianuro, xenera en todos/as nós.

A nosa concelleira, Laura Mariño, solicitou, en liña con esta idea que mantemos, no pasado mes de marzo, no pleno da corporación, que o alcalde da localidade xestionase un contraste público e aberto de opinións entre a súa empresa e as entidades e expertos/as que sosteñen a nula idoneidade do proxecto de explotación que vostedes defenden.

Cúmprese xa un mes de aquela iniciativa do BNG, e como era de agardar, nada obtivemos do sr. Pensado Plágaro, que unha vez máis demostrou o pouco que lle importan as preocupacións veciñais, o cal resulta moi grave se temos en conta que dúas parroquias do seu concello, como é o caso de Cereo e Valenza, van ser das máis afectadas.

O pleno da corporación de Coristanco deu, unha vez máis, as costas á veciñanza, pois o BNG quedouse só na defensa do rexeitamento á mina de Corcoesto, mentres o resto de grupos políticos se debatían en posicións mornas de petición de información á Xunta de Galiza, ignorando a cada vez maior preocupación veciñal das parroquias citadas.

Por iso, hoxe dirixímonos directamente á súa empresa para solicitarlles persoalmente, e en apelación á máis lóxica premisa de transparencia, que dean a cara, e que acepten comparecer en público para contrastar con persoas suficientemente capacitadas sobre a idoneidade ou non do seu proxecto mineiro, os riscos reais do uso de materiais como o cianuro, da presenza e riscos de elementos como o arsénico, das alternativas existentes ao proxecto, das verdades ou falacias das promesas de postos de traballo...

O BNG entende que isto é necesario e de xustiza para coa nosa veciñanza, e diante da inmobilidade das administracións locais afectadas, reclama a súa presenza nun acto aberto destas características e ofrécese a xestionar o lugar de celebración, a presenza de expertos/as nas materias afectadas, e un formato xusto para o debate que permita o contraste nidio de ideas.

Agardamos que acepten a proposta do BNG de cara a unha maior e mellor información, e que demostren con feitos coma ese que efectivamente a súa empresa ten en conta os intereses da veciñanza das parroquias afectadas. Entendemos que se nada teñen que agochar, non deberan ter problema ningún en comparecer nun contraste público de pareceres, polo que confiamos na súa pronta e positiva resposta.

Máis información

Artigos relacionados

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios