sábado. 14.03.2026
El tiempo

Un posible itinerario polas igrexas de Coristanco

 igrexa de Verdes-Foto-Luis Bermudez copia
igrexa de Verdes-Foto-Luis Bermudez copia
Un posible itinerario polas igrexas de Coristanco

Quen chegue a Coristanco, no corazón de Bergantiños, descubrirá que entre vales, leiras e camiños agroma tamén un valioso patrimonio relixioso que paga a pena coñecer sen présas. Propoñemos unha ruta para deixarse sorprender polas súas igrexas, pola súa historia e polas pegadas que diferentes xeracións foron deixando na pedra.

Se entramos no municipio pola estrada de Fisterra cara á Coruña, o percorrido pode comezar en Agualada. A súa igrexa parroquial, ergueita arredor de 1910 no lugar que antes ocupaba a ermida de San Mateo, foi trasladada desde o antigo cemiterio. O templo, de planta en cruz e cuberto con bóvedas, chama a atención polo seu retablo maior de estilo Ecléctico, realizado en estuco por un mestre valenciano. Nas capelas laterais consérvanse dous retabliños Barrocos atribuídos ao escultor Antonio de Meis, datados cara 1770. Nun deles venérase a Santo Antonio de Padua, protagonista dunha concorrida romaría cada 13 de xuño.

Seguindo pola estrada cara Buño, a primeira parada é Santa Baia de Castro. Construída en 1665 por impulso do crego Antonio Rodríguez Villanueva, a igrexa destaca pola súa fermosa fachada, levantada en 1736 e adornada con imaxes de santos distribuídas en fornelas; atopamos a Santa Clara, Santa Baia, Santa Bárbara (arriba) e San Francisco e Santo Antonio de Padua (abaixo). No interior, cinco retablos decoran o templo. O maior, de comezos do século XVIII e inspirado nos modelos de Domingo de Andrade, organiza as imaxes nunha composición chea de equilibrio, converténdose nun dos elementos máis salientables do conxunto.

A seguinte parada lévanos a San Pedro de Valenza. A igrexa actual construíuse no último terzo do século pasado, aínda que conserva a fachada do XVIII. No interior agárdannos dous retablos Barrocos realizados tamén por Antonio de Meis arredor de 1767, nos que destacan as imaxes da Virxe do Carme e de San Roque, ambas con grande arraigamento popular. Non moi lonxe, un cruceiro sinala o antigo “campo de San Roque”, testemuño das devocións que marcaron a vida parroquial. En Santa María de Cereo, matriz de Valenza, o visitante atopará restos medievais integrados nun edificio que foi medrando co paso dos séculos. A torre tivo que ser elevada varias veces no XIX debido aos estragos dos temporais. No interior sobresaen un retablo Barroco da década de 1730 e dúas imaxes —un San Xosé e unha Virxe do Rosario— realizadas polo prestixioso escultor Ramón Núñez Fernández no tránsito do século XIX ao XX.

Se tomamos a estrada cara ao Refuxio, axiña se divisa, entre o verde dos campos, a torre da igrexa de Verdes. Reedificada en 1954 polo crego Ciprián Reiriz, conserva como peza máis destacada a imaxe do seu patrón, San Adrián, tamén atribuída a Antonio de Meis. O seu retablo, sinxelo, foi inspirado no maior de Valenza, reproducindo o modelo grazas á man dun carpinteiro local. A poucos minutos, desviándonos en Xaviña, atopamos a igrexa de Santo Tomé. O edificio combina partes do século XIX coa fachada e capelas engadidas posteriormente, mantendo unha cruz acrótera de época medieval no muro do testeiro. No interior destacan tres retablos, entre eles o maior, documentado como obra de Antonio de Meis, onde a figura do apóstolo Tomé transmite con forza expresiva o seu celo evanxelizador. 

De volta á estrada principal, chegamos a Oca, á igrexa de San Martiño. A súa fachada foi deseñada polo arquitecto Tomás del Río, responsable tamén doutras intervencións na zona, como en Rus. No interior consérvanse tres retablos Neoclásicos e unha imaxe da Virxe do Corpiño, atribuída ao escultor Francisco Rodeiro, que segue a espertar fonda devoción entre os veciños. O percorrido lévanos ao centro de Coristanco. O lugar foi coñecido orixinariamente como San Roque, e aínda hoxe se conserva unha pequena capela dedicada a este santo peregrino, erguida en 1695. Co tempo, a imaxe de Santa Marta —obra do escultor Enrique Carballido— acabou por darlle nome popular ao espazo cultual. Uns metros máis abaixo atópase a igrexa parroquial, novamente cunha fachada deseñada por Tomás del Río. 

Continuando no camiño cara Rus, no lugar de Silván daremos con tres centros de culto a poucos metros uns de outros: a capela do Santo Anxo, hoxe da Virxe da Saleta, de mediados do século XVII e fundada por Paulo Anxo Aldao; a igrexa parroquial, trasladada en 1865 por mandato do Cardeal Cuesta, e unha igrexa moderna, inaugurada en 1983. A antiga parroquial, dedicada nun principio a San Marcos, atopábase no lugar da Erbedeira, preto de Cereixa; alí atoparemos hoxe a ermida dos Milagres, levantada en 1943 como recordo do anterior templo.

Regresando sobre os nosos pasos, logo de apartar á man esquerda antes de Traba, chegaremos á igrexa de San Mamede de Seavia, antigo centro monástico beneditino, que aínda conserva elementos medievais pese a que foi elevada en 1910 seguindo as indicacións do cura de Razo, Benigno Cortés. O retablo maior, que recorda a un coro catedralicio, é obra de Enrique Carballido. Remontando polos outeiros chegamos á Rabadeira, onde se sitúa a capela de Santa Ana, trasladada aquí duns montes próximos no ano 1916. Seguindo cara Santa Comba, chegamos ás Salgueiras, onde a aldea está presidida pola capela do Rosario; foi fundada co título de Santo Antonio de Padua a finais do século XVII polo crego Antonio Rodríguez, que era párroco de Santa Baia. A arquitectura actual é de mediados do século pasado.

Retornando a Coristanco, en Baiordo, apartamos á man esquerda, e chegamos a Centiña, onde nunha fermosa carballeira se conserva a capela de Santo Antonio. Esta estivo nun principio dedicada a Santa María, coñecida como «das Figueiras» e, popularmente, como a da «Santa da Sombra». Hoxe, pese a estar deteriorada, ten un retablo de valor, datable nos anos corenta do século XVIII. Esta ermida pertence á parroquia de San Paio de Coristanco, onde se situou nun principio o consistorio municipal; a súa igrexa, a uns 3 km de Centiña, foi erixida en 1903 polo crego Manuel Pose; tivo acerto en conservar o retablo maior, obra, como non, de Antonio de Meis. 

Dende esta igrexa imos volver á estrada xeral cara Fisterra; onde divisemos o sinal de Ferreira, desviarémonos para visitar o seu templo; foi edificado en 1904, trasladado dun interesante outeiro, onde houbo unha fortaleza, a uns 300 metros na parte posterior da igrexa. A parroquia é anexa de Couso; pouco ten que ver o seu templo, divisarémolo dende o cotón. Este foi reconstruído cara 1920 polo crego Benito Domínguez, quen actuou tamén de albanel en Ferreira. Volvemos a Agualada; no cruce coa estrada de Buño, tomaremos o camiño esquerdo que nos leva a Cuns. A igrexa, situada nun gran desnivel, pouco ten que visitar: foi reedificada no século XIX. No seu entorno sitúase a fonte de Santa Margarida, que conta con forte devoción entre os fieis. Así, deste xeito, retornamos de volta ao noso punto inicial despois de ter repasado todo este patrimonio. 

Outros artigos de Luís Bermúdez sobre patrimonio eclesiástico

Comentarios