Control externo rápido e útil
Hai un tempo comentaba neste espazo de opinión que se estaba levando a cabo, polo Consello de Contas, un informe de fiscalización pronta da Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza, que presta servizos de recollida e tratamento de residuos a nove concellos. Dous deles —Carnota e Muros— forman parte do noso ámbito informativo máis directo.
O informe elaborouse en tan só 16 semanas, un prazo que permitiu identificar de inmediato as incidencias máis relevantes e posibilitou que moitas delas fosen corrixidas paralelamente ao avance dos traballos, mellorando así a resposta operativa da entidade.
Pois ben, ese informe xa é público (podes ollalo aquí). Presentouse o pasado venres, 20 de febreiro, e deixou enriba da mesa algo máis que números e recomendacións técnicas: amosou realidade. Unha realidade incómoda, pero necesaria, que obriga a asumir cambios imprescindibles.
Durante anos, o modelo húmido‑seco situou a Serra do Barbanza como referente nun momento no que o resto do país aínda debatía como avanzar. Pero o tempo cambia, a normativa tamén, e a Mancomunidade non pode seguir apoiándose nun pasado que xa non responde ás esixencias actuais.
A auditoría realizada deixa ver tres cuestións centrais que explican a situación actual. En primeiro lugar, constatouse que o servizo se estaba prestando sen contrato desde outubro de 2023. En segundo lugar, púxose de manifesto a colmatación do vertedoiro da planta de Servia, no termo municipal de Lousame, un problema que non admite solucións parciais nin parcheos temporais. E, finalmente, revelouse a existencia dunha débeda próxima aos 24 millóns de euros, consecuencia dunha planificación insuficiente ao longo dos anos e que condiciona de maneira decisiva a capacidade de futuro da entidade.
Con todo, o informe non se limita a sinalar estas deficiencias operativas. Vai máis alá e describe un modelo institucional debilitado, con estatutos obsoletos, gobernanza dispersa, falta de medios técnicos, procesos documentais pouco ordenados e unha estrutura administrativa que non garante con solvencia a prestación dun servizo público esencial. A diferenciación entre concellos de pleno dereito e concellos adheridos, ademais, non encaixa no marco legal da colaboración intermunicipal.
A isto súmase unha cuestión determinante: o modelo húmido‑seco xa non cumpre cos requisitos ambientais e legais europeos. Aquilo que un día foi vangarda é hoxe un límite. Non por un erro conceptual do modelo, senón porque o contexto mudou e a normativa —especialmente en materia de recollida separada e reciclaxe— avanza moito máis rápido do que o fixo a adaptación da Mancomunidade.
E aquí chega a clave: o informe axudou moito. Non só porque describe con precisión a situación real, senón porque ordena a información, define un punto de partida claro e elimina calquera tentación de seguir adiando decisións. Cando os datos se presentan con esta claridade, a inercia deixa de ser unha opción.
Por iso, este informe non pode interpretarse como unha crítica destrutiva nin como un xuízo ao pasado, senón como unha oportunidade: a oportunidade de reconstruír, modernizar e garantir o futuro dun servizo esencial. A Mancomunidade xa demostrou no pasado que é capaz de innovar; agora o reto é demostrar que tamén sabe evolucionar.
- Domingo Guerra. Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.
OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA
- Xaneiro 25: Pensar o local.
- Decembro 25: Brindis á beira do mar
- Novembro 25: O termómetro da transparencia dos nosos concellos
- Setembro 25: Fiscalizar para mellorar (e poder contalo)
- Xullo 25: A «lupa» que vixía aos concellos
- Maio 25: Colaboración intermunicipal
- Abril 25: 40 anos da LRBRL
- Febreiro 25: Diferentes varas de medir.
- Xaneiro 25: O reto demográfico.
- Outubro 24: Volvemos. A rendición de contas.
- Estreamos primavera sen tarefas pendentes
- Dúas cuestións sobre a autovía AG 55 da Costa da Morte
- Continuamos perdendo poboación
- Porque nos afecta e nos importa
- Axenda de obrigas 2023
- O Cometa Haley. A rendición de contas.
- Modificación das regras fiscais. Una cuestión inaprazable
- POS + 2022.
- A Ciberseguridade.
- Estado de rendión de contas.
- Auditoría pública fronte ao fraude e a corrupción.
- Retribucións da alcaldía.
- Un maná que debemos aproveitar.
- Vacacións: non toca escribir sobre economía municipal.
- Fiscalización operativa. Xa é hora.
- A morte do orzamento.
- Despois de xaneiro.
- Momento para o consenso e transparencia.
- Suspensión de regras fiscais.
- A detección de riscos na prevención da corrupción .
- Navegando na «chalana».
- As previsións do FMI
- Fraxilidade económica
- 2020, unha nova década
- Comezar de cero
- Arqueo e inventario.
- A factura electoral.
- Volver a votar.
- Autonomía fiscal.
- Auditores privados nas intervencións municipais.
- Cartos e máis cartos en bancos sen rendibilidade.
- Debemos tributar máis?.
- A Tesourería Municipal.
- Cos deberes feitos.
- Perdemos poboación.
- A conta (413) «Acredores por operacións pendentes de aplicar ao presuposto».