venres. 06.12.2024
El tiempo

Recunchos da Costa: Praia de Gures

Praia de Gures-Recuncho-Foto-RafaQuintans
A praia de Gures co Monte Pindo ao fondo. Foto: Rafa Quintáns
Recunchos da Costa: Praia de Gures

Non descubrimos nada. Toda a Costa coñece a marabilla que é a praia de Gures, un dos poucos recantos que quedan virxes en Cee. Espectacular paraxe salvaxe (agora ameazada polos eólicos), cunha praia virxe, e unha agra que a separa da estrada que te deixa no medio da natureza cunha sensación de illamento que se agradece.

A praia de Gures pasa por ser a praia preferida de moita xente da Costa. A súa orientación fai que sexa unha das poucas abrigadas do nordés, e o seu difícil aceso fai que sexa tan agreste, virxe e non masificada. Pero tamén, non apta para todas as idades.

Praia de Gures

Dende o areal podemos disfrutar tamén da impresionante vista da siluteta de Fisterra, unha das imaxes máis icónicas da Costa da Morte. O Monte Pindo a man esquerda sobe e sobe por riba do pobo, que queda ben fermoso aló embaixo. Un regato no medio e medio da praia, que deixa formas entre a area e as rochas como estas. Unha pequena furna na cara sur, e un chiringo na cara norte, que dá ao fermoso lugar de Caneliñas, fan deste espacio algo especial.

A zona está chea de restos de construción non moi antigas, que xa fican sumerxidas na maleza de xestas, silvas e toxos. Estas contrucións, a modo de valados, ou de galpóns, reflicten que ata non moitos anos, toda a zona era traballada polos veciños. A agra.

O lugar de Gures escada pola parte alta da agra, cara a estrada, con fermosos hórreos e edificacións tanto antigas como novas.

O lugar de Gures

Como chegar

Pola estrada que sae de Cee a Carnota, antes de chegar ao Ézaro, xusto antes de chegar ao cemiterio, hai un edificio terriblemente construido á beira da estrada. Aí se pode deixar o coche e dende aí hai que baixar un camiño que sae paralelo á estrada dirección Cee, e podes chegar andando uns 5 minutos, superando unha última zona rochosa.

Praia de GUres Aerea

MÁIS RECUNCHOS DA COSTA

Comentarios