Martes. 07.05.2024
El tiempo

2ª Autonómica: Aprétase o alto da táboa con 4 equipos en 2 puntos

2ª Autonómica: Aprétase o alto da táboa con 4 equipos en 2 puntos
Mal estado da Grixa para o Porteno-Montelouro-Foto-Porteno Estación de Servicio Bazarra patrocina a Liga da Costa - Coñécenos en www.bazarra.com

Queda fermosa a 2ª Autonómica - ES Bazarra tras xornada 24, que deixa a 4 equipos en só 2 puntos. Ademais chegan agora moitos enfrontamentos directos entre os San Lorenzo, Zas, Outes e Castriz.
Non pasaba do empate o líder ante un férreo Carnota, e o Outes perdía a ocasión de alcanzalo ao empatar tamén cun bo Ponteceso. Zas e Castriz non fallaron ante Cabana e Camelle deixando todo nun pano.
En todo caso, o grupo dos 4 terán que botar un ollo ao retrovisor, pois Mazaricos e Baíñas veñen como motos.

Por abaixo, clave a vitoria do Cee ante o Seaia para espantar pantasmas. E importantísima a do Porteño ante o Montelouro, deixando aos de Marcelo aínda a 3 puntos do Seaia, que marca a salvación. En todo, aínda non temos en conta os posibles arrastres de 1ª, e a día de hoxe cómpre sinalar Corme e Esteirana provocarían dous descensos máis, se ben as súas liñas son moi ascendentes.

Todo nunha xornada marcada pola Mikaela de Buño, que facía grandes barros por varios equipos de Bergantiños como o Seaia, pero sen embargo e curiosamente, non tanto no propio Buño.


Porteño - Montelouro (2-1)

Porteno-Montelouro-Foto-Porteno
  • PORTEÑO: Suso, Pejo (Maikol, min.46), Gabi, Caamaño, Manuel, Doyle, Roi, Cristian, Anxo (Rodri, min.75), Meu Lar e Josiño.
  • MONTELOURO: Fernando, Abel, César, Pablo, Teo, Geico, Riki (Pedro, min.70), Edu, Pesco (Pesi, min.80), Dani Corniños e Pepe (David, min.10).
  • Goles: 0-1, min.55: Roi de cabeza; 1-1, min.65: Geico de penalti cometido sobre Pesco; 2-1, min.84: Doyle tras un roubo na liña de tres cuartos de campo.
  • Lesión: o muradán Pepe cun posible cruzado roto.
  • Expulsións: o local Roi min.71 por simular un penalti que os da Ponte consideran que foi claro; e o tamén local Caamaño no min.86 por unha dura entrada.

Non estaba a Grixa para practicar moito fútbol. O terreo de xogo estaba tremendamente brando polo que o houbo que tirar de balón longos e a saltar. Un choque de toma e daca que se decidiu por un erro no treito final da defensa loureá que lle custou moi caro.

Da primeira metade hai pouco que contar, pouco máis que un tirou César un tiro ao longueiro, e un par de intervencións de Suso que xustifican a súa fichaxe. Na segunda, co gol de Roi para os de Roski, o Montelouro estirouse, pero tamén tivo aí para sentenciar unha moi clara o Porteño. Empataría pouco despois o Montelouro dende os 11 metros, e aí o partido puido caer de calquera lado. Meu Lar puido marcar o segundo para os locais pero era Doyle o que non desaproveitaba o erro da zaga local para asinar un 2-1 que desafoga, e moito, aos da Ponte, deixando aínda ao cadro loureán a 3 dos teóricos postos de descenso, aínda sen ter en conta os posibles arrastres.

O equipo loureán, e o de QPC, queren enviar un forte alento a Pepe, o loureán, un dos menos habituais, que saía de titular esta semana e que aos 10 minutos sufría unha forte lesión que o pode deixar moito tempo fóra dos campos.


Camelle - Castriz (0-1)

  • CAMELLE: Jimmy, Peseta, Valiña, Dido, Sikario del Amor, Macho (Gemelo), Mario, Tedín (Iván), Félix, David e Sergio (Tonsón).
  • CASTRIZ: Pablo, Velo, Dani Martínez, Álex, Alberto, Cili, Bruno, Adrián Prol, Adrián Beiroa, Luís (Martín, min.89) e Bolón.
  • Gol: 0-1, min.89: Adrián Beiroa de penalti.
Mal estado do Rodeiro para o Camelle-Castriz-Foto-Alberto

Adaptouse o Castriz ao mal estado do Rodeiro, pero non conseguíu facer dano durante moitos minutos e só no último suspiro conseguiu 3 puntos que achegan aos de Esteban Blanco ao liderato. Un Castriz que conta dende esta semana co asesoramento de Gelucho, un deses adestradores de outra categoría que trala súa marcha do Boiro, e dada a boa relación co propio Esteban, vai prestar apoio.

Foi un choque con poucas ocasións, que se decidíu por un penalti claro no desconto, que non fallou Adrián Beiroa. Aínda tivo o empate o cadro de Varu, pero Tonsón rematou demasiado alto. Escápaselle a categoría ao cadro camellán.


San Lorenzo - Carnota (1-1)

  • SAN LORENZO: Puyol, Anxo, Javi Puñal (Álex Taibo, min.65), Rudy, Pablo Novo, Álex Figueiras, Adrián Fraga, Parafita, Schuster, Carlitos e Joaquín (Fuentefría, min.60).
  • CARNOTA: Luís de la Peña, Ferreiro, Pedro Pichín, Manolo Chouza, Tono da Caixa; Raúl (Pablo PIchín), Cano, Pumuky (Nakata), Niko, Manuel Luís e David (Berni).
  • Goles: 1-0, min.42: Joaquín de penalti sobre Álex Figueiras; 1-1, min.66: Ferreiro atento a un erro do meta local na blocaxe dunha falta.

2 vitorias nos últimos 6 partidos leva o cadro do San Lorenzo, que segue sufrindo de cara gol nesta segunda volta, pero aínda mantén o liderato a pesar das numerosas baixas. Fixo un bo partido así e todo o cadro de Pedro Gómez, cun bo nivel do xogo sobre todo na primeira metade, sempre deixando sensación de perigo, ademais do control absoluto ante un Carnota que se soubo defender ben, cun Luís de la Peña destacado.

Como dicimos na primeira metade non houbo ocasións e o Carnota prantou cara. Foi Joaquín ao fío do descanso o que adiantaba aos locais dende os 11 metros.

Na segunda, o Carnota tivo que estirarse, abriuse o partido e Ferreiro aproveitaba un erro do meta local, que estaba facendo un bo partido, para poñer a igualada. Ao final, o San Lorenzo volcouse sobre a meta do sempre seguro Luís, e puideron decantar o partido para os locais con grandes ocasións para Alex Figueiras, Schuster, de tiros dende fóra da área, e Carlitos cun man a man, e Parafita.


Fisterra - Camariñas (2-1)

Paradon de Norberto a tiro de Saviola-Foto-Roco
  • FISTERRA: Norberto, Juan, Julito, Robertín, Dani, Guardiola, Eddy, Bebeto, Rodrigo, Pablo Lestón e Yeray. Tamén xogaron: Manuel Cartamil, Santi, Aitor e Mané.
  • CAMARIÑAS: Pablo, Nico, Martín, Ismael, Sergi (Brais, min.67), Moriño, Pereira, Javi (Martín, min.75), David (Saviola, min.65), Sule e Yuyo.
  • Goles: 0-1, min.10: Yuyo de penalti; 1-1, min.53: Mané; 2-1, min.88: Pablo Lestón.
  • Expulsión: o local Juan.

Cortou a xeira do Camariñas este Fisterra con grandes nomes (só hai que ver o banco desta semana). Foi un partido intenso e emocionante, moi igualado que puido acabar en empate, pero a calidade dos fisterráns deciciu o choque no treito final.

Adiantábase o Camariñas pronto cun penalti transformado por Yuyo. E nesa primeira metade tivo varias ocasións para ampliar a renda.

Cambiaron as tornas tralo descanso, co Fisterra moi enchufado, que pronto empataría por medio de Mané. Chegaban ocasións para os dous conxuntos, como un paradón de Norber a unha falta de Saviola. E cando parecía que o partido remataría en empate, Pablo Lestón decidía o partido co seu tanto, deixando a renda dos fisterráns sobre os camariñáns en 6 puntos.


Seaia - Cee (1-4)

  • SEAIA: Illote, Parga (Magovi, min.70), Eme, Dimaga (Moisés, min.46), Vistas, Adrián (Jesús, min.65), Felipe, Nando, Camilo, Javi Rañal e Richard.
  • CEE: Parroto, Fiuza, Senlle, Jacobo, Aitor, Paco, Piquero (Isma Leis, min.70), Josiño, Chiru (Leo, min.59), Bruno (Lamela, min.80) e Juan.
  • Goles: 0-1, min.24: Bruno anota un golazo; 0-2, min.35: Juan remata con xiro unha falta; 1-2, min.43: Adrián remata unha falta lateral ben executada; 1-3, min.60: Bruno a pase de Juan; 1-4, min.75: Bruno aproveita un rexeite a unha falta botada por Leo.

Pasou factura a Mikaela no Seaia, que chegou con 14 xogadores a este partido clave, no que ata o porteiro suplente Jesús tivo que saltar ao campo de xogador. Ademais, os suplentes estaban tocados e segundo ían producíndose os cambios, o dominio do Cee facíase máis e máis patente.

Un Cee que chegaba ao partido coma se fose unha final. Despois de varios choques nos que se coñecía ao cadro azul, necesitaba a vitoria se non quería verse implicado en reais problemas co descenso, algo impensable. E saíu o cadro de Rafa desde o primeiro minuto sendo moi conscientes da importancia do partido e xa ó 3' avisou Bruno tras gran pase de Juan pero Illote fixo un paradón no remate a bocaxarro. Intentaba iniciar combinado o Seaia pero o Cee estaba moi intensos e ordeados na presión dando sempre a sensación de que nun roubo íamos marcar, así chegou un tiro de Josiño que petou na escadra ao cuarto de hora.

Non tardou en poñerse por diante o Cee cun golazo de Bruno e dez minutos despois marcou Juan nunha falta na que lle chega o balón, controla, xírase e remata. Cando parecía que o partido se lle puña de cara ao Cee, o Seaia metíase de cheo co 1-2 antes do descanso nunha falta lateral.

Na segunda parte intentouno o Seaia, cun tiro ó pau ós 5 min. A partir de aí tomou o mando definitivamente o Cee e nunha contra de Chiru pola esquerda, pasa a Juan e este centra por riba do porteiro para que Bruno faga o terceiro. Baixou os brazos o Seaia cando ainda faltaban 20' e marcou Bruno o terceiro da súa conta ó aproveitar un rexeite dunha falta lanzada por Leo, que a piques estivo de marcalo quinto nun remate de tacón.


Volantes - Mazaricos (0-3)

O Volantes con Edu
  • VOLANTES: Rubén, Brea, Varo (Javi), Mayu, Miguel, Mingos (Fran), Picho, Ivi, Espi, Brais (Suso) e Piti.
  • MAZARICOS: Marcos, Chico, Ricardo, Esteban, Ramón, Miguel, Ferreiro, Chenel, Estéfano, Pereiro (Tuco) e David.
  • Goles: 0-1, min.40: Ramón á saída dun córner tras un remate de Chenel; 0-2, min.50: Chenel nunha contra; 0-3, min.91: Estéfano nunha contra.

Mala semana para o Volantes. O mércores Edu desgarrouse o músculo do peroné, lesión que pode que o deixe moito tempo fóra dos campos, e por iso os seus compañeiros quixeron renderlle homenaxe ao saír. Pero debían botar de menos a Edu os laranxas porque saíron durmidos e o amarelo invadiu o Eleuterio Balayo, colleitando os mazaricáns unha merecida vitoria.

Os de Néstor saíron conscientes de que era clave maniatar aos puntas locais, e a defensa estivo moi firme sobre os Espi e Piti. Ademais soubo ler o partido o equipo visitante, e tras unha primeira metade máis igualada, con algunha ocasión visitante, conseguían meterse por diante nun córner que remata Chenel, rexeita o porteiro e remacha Ramón a gol.

Arrincaba a segunda metade pero os laranxas seguían sen aparecer, se ben aí protestaron un gol anulado por dubidoso fóra de xogo. e pronto ampliaba a renda Chenel, que volve nas últimas xornadas afiar o seu olfato goleador, marcando precisamente ante os seus ex compañeiros,. Aguantaba mellor fisicamente o Mazaricos, e xa co Volantes achuchando, chegaría a sentenza no desconto.


Outes - Ponteceso (2-2)

  • OUTES: Gato, Jura, Rafa (Borja), Chúa, Simón, Martín, Chía (Saúl), Elías (Santi), Piki (Babu), Yago e Veleiro (Samu).
  • PONTECESO: Brais, Diego Collazo, Dani Cotelo, Moscoso, Kevin (Javi Peón, min.45), Mendieta, Alberto Recarey, Dieguito, Martín Puente (Pablo Márquez, min.89), Eloy (Dani Valle, min.76) e Christian Martínez (Youssef, min.62).
  • Goles: 1-0, min.15: Veleiro; 1-1, min.25: Christian Martínez nun córner; 2-1, min.40: Chúa tras unha cesión sacada rápido; 2-2, min.60: Alberto Recarey anota un discutido penalti sobre Mendieta.

Partidazo o xogado no Cunchido de poder a poder, no que o cadro de Manu Roque chegaba algo tocado polas baixas de Roberto Amoedo, Mario, Martín Iago, David, Barral, Oki, Poke e mesmo Piki, que se lesionaba nos primeiros minutos. Menos mal que Roque pode contar cunha canteira fantástica e os xuvenís sempre responden. Así e todo, o Outes non conseguíu os 3 puntos que lle permitirían alcanzar ao San Lorenzo no máis alto da táboa, quedando aínda a 2 do liderato.

O Ponteceso chegaba con forza, pelexándolle o dominio do balón ao equipo local. Empezou mellor o Outes, e era Veleiro o que os metía por diante ao cuarto de hora. Puido ampliar a renda pouco despois o Outes pero Elías non acabou de rematar en boa posición. Veuse vindo arriba o Ponteceso e conseguía empatar nun córner.

Aí dominou o equipo de Barca, que se puido meter por diante, ata que a 5 do descanso, unha cesión entre Moscoso e o gardamallas Brais era sinalada polo colexiado, e os xogadores do Outes foron mais listos e sacaron rápido e marcarían o segundo gol por mediod e Chúa-

Arrincaba a segunda cun Ponteceso moi máis enchufado, creando perigo á zaga local, ata que o colexiado sinala un polémico penalti no que Chúa dá o balón antes que a Mendieta. Mellorou o Outes co empate, e Santi e Samuel puideron deixar os puntos na casa pero o liderato terá que esperar.


Baíñas - Buño (2-1)

  • BAÍÑAS: David, Marcos, Braulio (Samuel, min.70), Luís, Héctor, Eloy Vilas, Eloy Cabeza (Rodri, min.89), Tasky, Esteban (Iván, min.74), Cristian (Jaime 60) e Pablo Muíño.
  • BUÑO: Toni, Uru, Eloy, Diego, Rubén; Neucha, Emilio (David Dourado, min.70), Jorge Calvete, Jorge Pombo; Dani Calvete e Santi.
  • Goles: 1-0, min.75: Tasky; 1-1, min.85: Neucha; 2-1, min.88: Pablo Muíño.

Partido moi igualado que se decidíu nos últimos minutos pero que puido caer de calquera lado, pero caeu do equipo que mellor liña trae. O equipo de Pablo Mallón suma 3 vitorias e un empate nos últimos 4 partidos, e queda agora a 7 do grupo cabeceiro, empatado co Mazaricos.

Non sufríu, curiosamente, o Buño a Mikaela, e a pesar das baixas por lesións e demais, conseguíu xuntar unha convocatoria de 15 xogadores. O partido estivo 75 minutos de tanteo, con ocasións para os dous bandos pero co 0-0 no marcador, ata que nos últimos 15 minutos desatouse a tolemia con 3 tantos.

Arrincou o choque con 20 bos minutos do Baíñas, que se puido meter por diante, cun balón de Pablo Muíño ao pau. O Buño creaba tamén perigo en balóns longos a Santi ou Neucha.

No descanso 0-0 e na segunda todo igualado. As dúas defensas perderon a partida cos ataques e calquera podía marcar. Ata que Tasky abriu a lata nunha xogada trenzada, pero de seguido Neucha empataba, pero a só 2 para o final Pablo Muíño facía boa a súa fichaxe (xa se sabía de antemán que a volta de Pablo á casa ía ser un salto de calidade). Aínda tivo o Buño o empate no desconto, pero os puntos quedaron en Baíñas.


Cabana - Zas (1-3)

  • CABANA: Añón, Raúl, Dani Mato, Iván de Treos, Charly, Diego (Manu Guillamet), Fernando (Berti), Manolo do Cruceiro, Miky, Moreno e Iván Mato (Adán).
  • ZAS: Rizos, Josito, Diego (Fabián, min.65), Isma, Vecino, Canedo, Peque, Abel (Dani, min.80), David Blanco, Rubio e Álex Flores (Manu, min.84).
  • Goles: 0-1, min.7: David Blanco tras unha fermosa xogada con Peque; 0-2, min.54: Álex Flores nun rexeite do porteiro a cabezazo de David Blanco; 1-2, min.75: Miky; 1-3, min.92: Dani pola escuadra.

Merecida vitoria do Zas nas Redondas, ante un Cabana que se puido meter no partido na primeira metade, pero Rizos parou un penalti que deixou que o gol de David Blanco aos 7 minutos mantivese en vantaxe aos zaenses no descanso. Foi un partido moi bregado, no que o Zas levou o control do balón ante un Cabana que buscou as contras e que tivo ao meta Añón no seu mellor home.

O Zas, que protestou “moi profundamente” a actuación arbitral, colocábase co 0-2 aos 10 minutos da segunda. Recurtaba Miki para os cabaneses, pero non tiveron grandes ocasións para empatar o partido e Dani marcaba a sentenza no desconto.


Crónicas da Liga da Costa

Crónicas da semana

Novas relacionadas

Máis información

Fonte

Comentarios