sábado. 07.12.2024
El tiempo
Abraham Trillo
09:33
11/11/24

Vai por tempadas

Vai por tempadas

O tema vai por tempadas; mais o certo é que un se sente canso de ir a estación de autobús, de traballar co ordenador, de saír á rúa, de quedar na casa, de ir ás tabernas, de estar na cidade, de ir ao pobo, de soportar tarados, de aguantar políticos, de aturar poetas, de asistir a concertos e presentacións de libros, de contestar wassaps e de falar co veciño. O tema, vai por tempadas; mais hai tempadas nas que un está farto de todo.

A lectura non é un mal remedio para isto. Máis ca lecutra, no meu caso, a relectura, o voltar aos primeiros escritores que se leron de forma consciente- que son aos que se lles quere coma se fosen compañeiros-, aqueles polos que pasamos uns meses aforrando para podelos mercar en boas edicións, aqueles cos que vivimos veráns, catarros e momentos de turbación adolescente.

Sentado no sofá, deitado na cama, sentado na cama, deitado no sofá, navegar de novo con Josep Pla pola costa catalana, comer unhas sardiñas alí con el, falar un pouco cos payeses para logo seguir a ruta ata a fronteira... en fin. Ou ir a Idaho a pescar con Hemingway, ou a matar leóns a algúnha rexión de África, ou a darlle de comer as pombas da Praza de San Marcos en Venecia. Pero chega un momento no que os ollos rematan por se cargar de letra impresa e hai que parar- non se trata de quedar cego tampouco-, fin da viaxe, toca regresar a terra, a vida real. Nese intre non queda outra que saír de novo a rúa, vestido de algo- de puta, de toureiro...-, ou mesmo sen vestir- tanto ten- para lidiar cos psicópatas- que habelos hailos-, rir cos amigos, e platicar coas mulleres guapas.

 

MÁIS ARTIGOS DE ABRAHAM TRILLO

 

Comentarios