Montevideo: o mellor do mellor para un neno emigrante
O paso do tempo fai que medre en min o agradecemento que merecen os cidadáns da República Oriental do Uruguai que en novembro de 1958 reciben a un neno emigrante que viaxa da man da súa nai para reunirse co seu pai nun lugar chamado Montevideo. Coido que con cinco anos non entendemos nadiña da emigración e por tanto tampouco nos afecta a morriña. Axiña, os recordos da aldea foron esvaecendo. O ingreso nunha nova realidade fai que centres a túa atención no que tes diante dos ollos para ir gardando no arquivo as imaxes e os sons que serán a túa compaña no escenario montevideano. Os recordos eran para os folladiños que me facía a avoa Concepción e tamén para o chocolate que mercaba na feira de Baio. O desembarco na capital uruguaia tivo lugar o xoves 27 pero a entrada sentimental foi na tarde do domingo 30, na casa de Ramón de Castromil. Aquel domingo é inesquecible.
Pasaban uns minutos das nove da mañá no pequeno apartamento alugado polo meu pai no barrio de Aires Puros e na cociña soaba unha música de gaitas. Estou na cama pero érgome axiña para ver onde están os gaiteiros e vou ata a cociña na que os meus pais están a almorzar. Os gaiteiros soan igualiño que os que estiveron no verán na festa da Ermida Vella en Tines. O meu pai explica que os da radio son emigrantes coma nós que están nunha audición chamada Sempre en Galicia. Conta que a leva escoitando desde que chegou pois tamén a escoitaba o dono da pensión (Paco Esperón) na que vivía na rúa Yaguarón, perto do Palacio Lexislativo. Un poco despois coñecín ao moi cordial pontevedrés Esperón e tamén a unha nena (Ester Cañás) que vivía con seus pais, que eran de Sada, nunha vivenda lindeira coa pensión. Vaia sorpresa! Os señores da radio falan coma min. Moitos anos despois, aqueles dous señores (Pedro Couceiro e Manuel Meilán) tiveron a xentileza de convidarme a colaborar na audición que desde 1950 sementaba identidade e sentimento na colectividade galega.
Pola tarde quedamos de ir a casa de Ramón de Castromil. O amigo do meu pai vivía na rúa Santa Ana, perto do noso apartamento. Coido que a distancia é dunhas seis cuadras en dirección ao Cemiteiro do Norte e despois de cruzar unha avenida chamada Propios (logo bulevar Xosé Batlle e Ordóñez) que ía desde o barrio de Sayago ata o barrio do Buceo. Chegados a Propios tivemos que deixar pasar varios camións antes de cruzar. Aquí foi onde preguntei que facían unha chea de homes e mulleres que abaneaban bandeiras e berraban desde os camións. O meu pai díxome que ían votar porque era día de eleccións e que os das bandeiras brancas eran do Partido Nacional e que os das bandeiras vermellas eran do Partido Colorado. Aquelas persoas eran as que escollían ao presidente. Había que meter nunha urna (nunca escoitara esta palabra) un papel impreso no que figuraba o nome do candidato e o número da lista pola que se presentaba. Os dous principais partidos eran os brancos e os colorados que eran elixidos para un mandato de catro anos. O meu pai falou da democracia uruguaia que era moi boa xa que o dictador Franco era un desgraciado. Eu nada entendía pero supoñía que o de votar sería boa cousa pois a xente dos camións amosaba moita alegría.
Lembro que ía moi nervioso de camiño a casa de Ramón. Os meus pais dixeron que o matrimonio Vázquez-Rama tiña unha filla chamada Mercediñas, moi simpática e que tamén viñera nun barco. Era maior ca min e contaba coa experiencia de ter cursado os dous primeiros anos de ensino primario. Lembro que Mercediñas foi moi amable e garimosa e sobre todo foi a mellor anfitrioa posible. O patio dianteiro da súa casa foi o lugar no que oín por vez primeira falar de Xosé Artigas e da bandeira uruguaia e dos ríos e os departamentos que ten o país. A moi boa Mercediñas amosoume os seus cadernos escolares e segundo ía pasando as páxinas aprendín que un paxaro chamado “hornero” fai o seu niño con barro e que cando vaia a escola terei que cantar o himno. Mentras admiraba os debuxos de Mercediñas, nun dos seus cadernos, ela foi buscar algo para merendar. Sentados do patio, puxo diante de min un prato con rodelas de pan que tiñan enriba unha especie de mermelada de cor ocre que disque é “dulce de leche”. Eu non me movín e Mercediñas animoume dicindo: Dale, comé, te va a gustar, es dulce de leche. Pois tiña razón, aquel doce era riquísimo e eu nunca comera nada tan saboroso. A bebida que acompañou ao doce de leite foi o mate con azucre que nunca probara. Alí, na casa de Mercediñas, decidín que despois do acontecido debía de ingresar, con convencemento, no Uruguai xa que non hai mellor sitio para que un neno emigrante sexa feliz. Sempre estarei agradecido e sempre manterei o meu namoramento coa beira riopratense que me acubillou en irmandade solidaria.
- Manuel Suárez Suárez, Dende Lonxe de Montevideo.
OUTROS ARTIGOS DENDE LONXE DE MONTEVIDEO
- Vou a Montevideo no Cabo de Hornos
- Sempre en Galicia, voz e pensamento galeguista na emigración.
- Pepe e Palestina
- Adiante con “Sempre en Galicia” de Montevideo!
- A loba que pasou por Santa Baia de Tines
- Parabéns, Patronato da Cultura Galega de Montevideo
- A esquina montevideana está de loito.
- O meu querido Uruguai volve ao rego da solidariedade
- En Montevideo desde 1950: Sempre en Galicia
- Imos a Montevideo para o cumpreanos de SEMPRE EN GALICIA
- Sempre en Montevideo desde 1950!
- O camiño de Montevideo
- Unha ducia de galeguismos na linguaxe popular riopratense
- “Nací en Galicia para ser un cantor del campo uruguayo”
- Viva Sempre en Galiza de Montevideo.
- Un día moi especial en Tines.
- A emigración galega no tango riopratense: Bos Aires e Montevideo
- Conversa con Carlos Penelas en Compostela
- Os galegos no tango riopratense
- O meu primeiro entroido montevideano.
- E que viva Montevideo!.
- Os galegos no berce do tango.
- Viva “Sempre en Galicia” de Montevideo!.
- Adiante coa CASA DE GALICIA de Montevideo!
- Carta do Apóstolo Santiago aos benqueridos irmáns da Casa de Galicia de Montevideo.
- Unha conversa no “Bar Facal” de Montevideo.
- A aterraxe dos voitres de Ribera Salud en Montevideo.
- Eu berro forte que a Casa de Galicia de Montevideo non se pecha!.
- O desexo de querer continuar existindo
- Eu defendo a Casa de Galicia de Montevideo!.
- Montevideo in Love.
- Quero estar en Ribadeo o 28 de xullo do 2024.
- Montevideo, 3 de setembro de 1950.
- Un moi xenial enxeñeiro: Eladio Dieste Saint Martin.
- Imos volver!.
- Pobre o meu Uruguai querido!.
- ¡Vos tenés que hacer siempre los deberes!.
- O entruido máis occidental de Europa.
- Montevideo, un lugar cheo de alegría.
- Bo camiño, Tabaré!.
- Vou a Montevideo.
- Moitas grazas, don Xosé.
- O polisón que casou coa miña curmá da Valiña.
- Aquel primeiro domingo en Montevideo.
- Imos volver!.
- Maracanaço.
- Un ferreiro de Tines en Montevideo.
- Aproveitemos o verán frenteamplista antes de que se nuble o sol!.
- Imos coa ola da esperanza.
- Un pequeno paseo por un recuncho do paraíso atlántico galego.
- O futuro da Casa de Galicia de Montevideo.
- As portas do Centro Galego de Bos Aires.
ESPECIAIS TANGO
- Un inmenso creador chamado Carlos Gardel
- A realidade riopratense nas letras do tango
- As primeiras letras do tango.
- A Linguaxe do tango.
- O tango no sainete crioulo de Bos Aires e Montevideo.
- Os primeiros lugares de baile do tango: O Boliche de Pérez Gundín
- O alborecer do tango riopratense
- Os primeiros tantos e milongas (A emigración galega no tango riopratense).
- Os negros (A emigración galega no tango riopratense)
- Os gauchos (A emigración galega no tango riopratense)
- Os galegos no tango riopratense: Os barrios dos emigrantes