mércores. 06.05.2026
El tiempo

Tres mil nomes galegos do Uruguai

Tres mil nomes galegos do Uruguai

A finais do ano pasado, en Montevideo, o meu vello amigo Xosé Monterroso Devesa publica (pagando do seu peto) Tres mil nomes galegos do Uruguai que sumado aos dous anteriores de 2009 e 2011(Mil e pico de nomes galegos do Uruguai)  son unha triloxía que merece a maior atención porque estamos diante dun rigoroso labor de investigación sobre a emigración galega na República Oriental do Uruguai. Despois de máis de medio século de ininterrompida actividade cultural defendendo a nosa identidade propia, mantén o seu compromiso de poñer en valor a achega dos que acougaron as friaxes na Banda Oriental. 

                                                  A MIÑA NAI, galega e uruguaia,

                                                  por cuxa decisión coñecín, vivín

                                                  e amei o URUGUAI, antes de despois

                                                  de me facer cidadán, antes e despois 

                                                  de descubrir GALICIA 

A devandita dedicatoria é moi emotiva e permite entender, se lemos con devagar, que a materia vital de Monterroso Devesa é a aliaxe sentimental entre o seu lugar de nacemento na Coruña e aqueles afastados pagos tacuaremboenses. O seu traballo de investigación ten dobre valor pois é de interese para os galegos e tamén para os uruguaios. O subtítulo do libro (Galicia para uruguayos / Uruguai para galegos) está informando que na patria de Artigas temos milleiros de galegos que apousaron as súas ilusións de futuro nun espazo onde os recibiron cunha aperta de irmandade. Os tres volumes dos “Nomes Galegos” son unha obra de consulta que axiña será de referencia obrigatoria para calquera futuro estudo sobre a emigración galega ao Uruguai.  

Na introducción desta edición, escribe Monterroso Devesa que “Sabendo que non existen as obras acabadas, podemos afirmar que neste enriquecido repertorio de figuras e feitos que cada novo achádego significounos fonda satisfacción, o que no facía senón confirmar a nosa constatación da enorme pegada de Galicia no Uruguai”. No primeiro volume explicaba o que quería dicir con Nomes Galegos: Nomes, en principio, refírese a Apelidos Galegos que xentes uruguaias, cidadáns orientales portan en primeiro ou segundo lugar... isto último cando fomos quen de detectar o materno, tarefa non sempre doada, como se comprenderá, dado que, como é sabido, o rioplatense, en xeral, se afixo a desprezar o seu segundo apelido: tal vez por comodidade, pode que por inercia dezaoitesca, acaso pola falsa idea de que máis dun apelativo era aristocratizante, pouco democrático.

Tamén na primeira edición di que Dado o carácter eminentemente divulgativo da obra, no extremo oposto dun dicionario de biografías, entenderase a brevidade, por veces raiana na descortesía, das entradas, que nin de lonxe poden considerarse reseñas mínimamente biográficas, o cal amosa a súa humildade pois sempre manifesta que non é historiador e que non posúe formación universitaria. A introducción desta edición remata coa seguinte mensaxe: Que a presente obra sexa unha proba dos vínculos destas dúas patrias e sirva de aguillón para que outros máis sapientes e non menos namorados do tema emprendan futuros estudos. Hai que suliñar que Monterroso Devesa fai unha achega de moita importancia xa que o seu repertorio enriquece a nosa cultura. Por exemplo, foron catro anos de investigación nos arquivos parroquiais da montevideana Igrexa do Cordón. O seu esforzo fixo posible a corrección de moitos erros, xa fose nas grafías dos apelidos ou tamén da determinación exacta das parroquias de orixe dos emigrantes.

Agora vou transcribir algunhas entradas, como adianto para motivar a que se faga o pedido do libro ao Patronato da Cultura Galega de Montevideo [pcgalega@gmail.com

· Abal Arosa, Juan.- (Poio, San Xoán, 1851-1939). En 1877 fundou, xunto cos seus irmáns Narciso (1855-1932) e Cándido (1867-1949), La Capital, un establecemento de de fabricación e venda de tabacos que, en 1929, se convertiu na grande tabacaleira Abal Hnos., vendida en 1979. (O apelido foi, antaño, Da Val).

· Abal Bidegaray, Enrique.- (1884-1974). Enxeñeiro e industrial, co-fundador (1918) do Automóvil Club del Uruguay. Fillo do anterior.

· Abal Salvo, Enrique.- (1918-2008). Fundador de Sondor, S.A., primeira fábrica de discos (1941) e cassettes (1975) do país. Fillo de Abal Bidegaray.

· Arana Sánchez, Mariano.- (1933-2023) Arquitecto urbanista e político que exerceu a Intendencia (alcaldía) de Montevideo en dous períodos consecutivos (o máximo legal: (1995-2005), sendo posteiormente Ministro de Vivienda y Medio Ambiente. En 2004 foi, a proposta do autor deste repertorio, nomeado fillo adoptivo de Arteixo, lugar de procedencia da súa nai, María Sánchez Maceiras.

· Ardao Jaureguito, Arturo.- (1912-2003).- Avogado, filósofo e historiador das ideas, docente en Montevideo e Caracas. Gran premio nacional ao labor intelectual (1987). Con Galicia (amén do apelido), ten relación a súa obra La filosofía polémica de Feijóo. Seu pai, Víctor Ardao, de Magalofes-Fene.

 

OUTROS ARTIGOS DENDE LONXE DE MONTEVIDEO

ESPECIAIS TANGO

Comentarios