luns. 22.06.2026
El tiempo
Domingo Guerra
08:36
22/06/26

Cinco anos sen Xaquín Álvarez Corbacho

Cinco anos sen Xaquín Álvarez Corbacho

Cando eu era pequeno, lembro que a fichaxe estrela do Barça foi Johan Cruyff. Naquel momento, alguén moi próximo a min —o meu amigo Pedro Chubasco— fixo un comentario que me quedou gravado: que sería dun xogador así se nacese en Muros. Seguramente, dicía, xogaría na Liga da Costa; talvez chegaría a Primeira División, pero dificilmente sería a figura internacional que foi.

Aquela reflexión, que naquel momento parecía só unha ocorrencia, volve unha e outra vez á memoria cando penso en Xaquín Álvarez Corbacho —Joaquín, como me gustaba chamarlle—. Porque algo parecido sucede co alcance das persoas. Non tanto polo que son, senón polo lugar desde o que exercen o seu talento.

O 23 de xuño de 2026 cúmprense cinco anos do seu pasamento. E quizais sexa agora, con certa distancia, cando mellor se comprende o que significou. Non só polo que fixo, senón polo que xa non temos. 

Porque foi un pensador de primeira liña. Pero tamén un servidor público que coñecía desde dentro o funcionamento das institucións: alcalde do Grove, catedrático de Economía Aplicada e membro do Consello de Contas de Galicia. Desde esa experiencia foi capaz de analizar con rigor o funcionamento das institucións e os problemas do municipalismo galego, propoñendo solucións claras, sen estridencias. Con todo, desenvolveu a súa traxectoria desde Galicia e o ámbito local, o que condicionou o seu recoñecemento. Estou convencido de que, noutro contexto máis visible, estaría entre as grandes referencias do pensamento económico público internacional.

Pero o máis relevante non é iso. O verdadeiramente importante é comprobar ata que punto as súas ideas seguen sendo necesarias. Porque cinco anos despois, moitas das cuestións que analizaba continúan sen resolverse: os concellos seguen a soportar unha carga crecente de responsabilidades, sen que iso vaia acompañado dun reforzo equivalente dos seus recursos e das súas capacidades. O debate público sobre a organización territorial continúa, en demasiadas ocasións, ancorado en simplificacións e inercia institucional. E a calidade da discusión económica non sempre está á altura dos desafíos que temos por diante.

Nestes contextos é onde máis se nota a falta de persoas como Joaquín. Non só pola súa capacidade analítica, senón pola súa forma de intervir no espazo público: con datos, con argumentos e cunha vontade clara de contribuír á mellora das institucións. Sen buscar protagonismo, pero sen evitar as cuestións incómodas.

Hai unha idea que resume ben o seu legado: a importancia de pensar o local con ambición. Entender que os concellos non son unha realidade menor, senón o espazo onde se materializa a convivencia democrática e onde as políticas públicas acadan a súa expresión máis directa.

Por iso, máis que lembrar a súa figura en termos biográficos, o que paga a pena neste quinto aniversario é recuperar o seu método. Esa combinación de rigor técnico, independencia intelectual e compromiso coa realidade que analizaba. Porque as institucións cambian, as normas modifícanse, pero a necesidade de pensar ben o público segue sendo a mesma.

Non saberemos que tería sido de Cruyff se nacese en Muros. Pero si sabemos o que tivemos en Galicia con Joaquín: un pensador de primeiro nivel que escolleu traballar desde aquí e polo de aquí. E iso, lonxe de diminuír a súa figura, dálle un valor engadido. Porque demostra que o talento non depende do lugar, senón da capacidade de ver máis alá do evidente.

Cinco anos despois, segue a facer falta esa mirada.

Porque hai persoas que non desaparecen cando marchan, senón cando deixamos de pensar como elas nos ensinaron.

OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA

Comentarios