venres. 15.11.2024
El tiempo

A Galería Mulleres dá voz á poesía mediática de Yolanda Castaño

A Galería Mulleres dá voz á poesía mediática de Yolanda Castaño
Yolanda Castano na Galeria Mulleres de Muxia

Non para Viki Rivadulla e a súa Galería Mulleres, ese percorrido pola historia da nosa cultura a través de nomes femininos. Hoxe quedamos en Galicia, para dar voz a unha das poetisas máis mediáticas dos últimos tempos, Yolanda Castaño:

Nada en Santiago de Compostela en 1977, na Coruña licenciouse en Filoloxía e realizou estudos audiovisuais. Activa dinamizadora cultural, dende 2009 dirixe varios proxectos con poetas galegos e internacionais: o ciclo de recitais mensuais POETAS DI(N)VERSOS na Coruña (Premio da Crítica – Galicia á mellor Iniciativa Cultural 2014), o Festival de Poesía PONTEPOÉTICA en Pontevedra e o Obradoiro Internacional de Tradución Poética “Con barqueira e remador” na illa de San Simón. Alén diso, ofrece obradoiros literarios, recitais, videopoesía e outras mostras do seu traballo dentro e fóra do país, por toda Europa e América, ademais de Tunisia, China ou Xapón. Durante anos traballou en televisión (Premio Mestre Mateo Mellor Comunicador/a de TV 2005) e publicou columnas en distintas cabeceiras galegas. Foi responsable de mostras poéticas colectivas, de traducións de poesía e de edicións literarias. Aparece representada en numerosas revistas especializadas, libros colectivos e antoloxías tanto galegas como estatais e estranxeiras, así coma en numerosos festivais internacionais de poesía, téndose traducido en parte a vinte linguas distintas.

Premio da Crítica Española 1999, Premio Espiral Maior 2007, Premio Ojo Crítico 2009 (ao mellor poemario publicado en España por un autor/a mozo/a, escollido tamén por El Cultural coma un dos 5 mellores libros de poesía editados ese ano en España), Premio Fundación Novacaixagalicia, “Autora do Ano” nos Premios Irmandade do Libro 2014 e Finalista do Premio Nacional de Poesía entre outros recoñecementos, Yolanda Castaño conta con seis poemarios individuais (entre os que salientan Vivimos no ciclo das Erofanías, O libro da Egoísta, Profundidade de Campo ou A segunda lingua), edicións bilingües dos mesmos para Visor libros, un par de escolmas persoais, algunhas plaquettes e cinco libros de poesía infantil, ademais de obras asinadas como editora e tradutora. Con máis de 20 anos de traxectoria na poesía galega, desenvolve multitude de experiencias que mesturan a poesía con outras linguaxes creativas, ben en solitario ou en colaboración con outros artistas. Foi distinguida con varias bolsas internacionais de creación en residencia: en 2011 no IWTCR de Rodas (Grecia) e mais na Villa Waldberta (Múnich), en 2014 no HIP-Beijing (China) e en 2016 no Castelo de Hawthornden (Escocia).

 

Na Biblioteca da Muller podes atopar:

  • Profundidade de campo.
  • Edénica.
  • O libro da egoísta.
  • Erofanía.
  • Elevar as pálpebras.
  • Pequenos encontros, as marcas deixadas.
 

Galería Mulleres de Muxía

Máis novas relacionadas

Fonte

  • Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

Comentarios