xoves. 23.01.2025
El tiempo
Abraham Trillo
08:49
30/12/24

Últimos días para Fin de Ano

Últimos días para Fin de Ano

Na baixa noite de decembro, atópome a M. A.

Hai noites e noites: estas non están a ser especialmente agradables. Nestas datas, a soidade - gran aliada en tantas ocasións - parece que fire con máis intensidade. A un gustáballe moito estar só cando estaba acompañado. Agora, xa non tanto. Bueno, depende. Non sei. Que máis da.

Paseo a noite e o seu paseo de pedra mentres asubío “ Hotel California”, canción que me achega a X, e por uns momentos logro imaxinala a miña veira – pero ese é outro tema -.

Paseo esta noite, despexada e sen lúa – afastado de dados e gavillas - por descansar un pouco a cabeza e o fígado de celebración e xente – celebración? -.

Camiño de regreso a casa pensando no que a literatura e o seu exercicio danme cada día. A literatura, a estas alturas, como relixión xa; como a disciplina que nos recorda ou nos esquece, praxis e exercicio – díxeno outras veces - que nos vai salvando da vida.

A noite, neste barrio - barrio de casas de verán - , cruiceiro varado e punteiro deste pobo antigo, tórnase pequena e como contida, máis oscura e fría, se é posible, nos cabelos de M. A., que sacou ao can para que correse un pouco detrás dos gatos. Mais non hai gatos na rúa a estas horas – seguro que sí, pero nin o can nin eu os vemos -.

- Hombre! Cuánto tiempo!
- Ya ves.

Coma unha flor pálida, coma un xeo cálido, M. A. alégrase de verme e, para sorpresa miña, elóxiame un artigo dos que escribín no mes de xulio – o máis polémico -. Polo que parece, adoita visitar esta columna.

 

MÁIS ARTIGOS DE ABRAHAM TRILLO

Comentarios