Venres. 26.04.2024
El tiempo

Denuncian que as sondaxes sen autorización da mina deixan sen auga a veciños de Coristanco

Denuncian que as sondaxes sen autorización da mina deixan sen auga a veciños de Coristanco
Zonas acuiferas entre Coristanco e Corcoesto-Foto-Carlos Zorro

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños vén de presentar unha nova denuncia na Demarcación Territorial de Galicia Norte de Augas de Galicia, en relación ás sondaxes, supostamente ilegais, que a empresa mineira está a realizar no ámbito das concesións Julia 2 e Julia 3, que afectan de cheo ao Concello de Coristanco.

Neste caso, os veciños detectaron unha forte diminución do caudal da fonte do Regueiro, que abastece de auga para consumo humano, animal e de rega de fincas a máis 70 vivendas da parroquia de Cereo (Coristanco). Ao achegarse ao manancial, os veciños descubriron dúas calicatas e dúas sondaxes realizadas pola empresa mineira a través da subcontrata Terratec Geotermia y Sondeos SL. Estas sondaxes foron realizadas a escasos metros do manancial, polo que "alteraron os acuíferos soterrados que o abastecían", denuncian.

Unha vez comprobada a situación das mesmas por medio de coordenadas, descubriuse que "estes traballos foron realizados no ámbito da concesión Julia 3, cuxo permiso de investigación está en trámite de aprobación por parte da Xunta de Galicia. Segundo ten recoñecido a empresa mineira, trátase de estudos xeotécnicos para verificar a estabilidade das balsas do proxecto mineiro de Corcoesto que albergarán máis de dezasete millóns de toneladas de residuos de lixiviación cianurados".

No entanto, para os veciños "estes traballos estanse realizando sen autorización de Augas de Galicia e en consecuencia solicitan que se proceda á sanción inmediata da empresa Mineira de Corcoesto e da empresa subcontratada por esta". Solicitan tamén "a paralización inmediata das sondaxes". E igualmente solicitan que "por parte da empresa mineira, se proceda a repoñer de xeito inmediato o manancial e a restablecer o subministro aos núcleos de poboación afectados".

Máis información

Artigos relacionados

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC ([email protected]).
  • Nota de prensa da Plataforma en Defensa de Corcoesto.

Comentarios