Venres. 19.04.2024
El tiempo

Diferentes reaccións ao anuncio da Xunta de paralizar a mina de Corcoesto

Diferentes reaccións ao anuncio da Xunta de paralizar a mina de Corcoesto
Imaxe da mina de ouro de Corcoesto

Conmoción trouxo o anuncio da Xunta de paralizar temporalmente o proxecto mineiro de Corcoesto, como comprobamos, por exemplo, ollando os máis de 6.000 "megustas" da nosa nova de onte (case a mellor marca). E o comprobamos tamén recollendo as diferentes reaccións que nos chegan de 6 entidades diferentes: ADEGA, a Plataforma en Defensa de Corcoesto, a Plataforma Contraminacción a Asociación Veciñal Corcoesto Si, Mina Si; o grupo do BNG que valora a nova como "un triunfo da rúa"; e mais unha aclaración da Xunta de Galicia.

As dúas primeiras, entidades contrarias ao proxecto, consideran a parálise un "paripe" da Xunta e esixen a "anulación da DIA e a paralización definitiva do proxecto". Pola súa banda, Corcoesto Si valora positivamente o comunicado celebrando que por fin a Xunta se manifestase. E mentres, a Xunta volve explicar o por que da parálise, incidindo en que "multiplican por 60 as esixencias de fondos propios da empresa", volvendo cos argumentos económicos e deixando de novo de lado os medioambientais e sociais.

Imos repasando as notas de cada entidade:

Explicacións da Xunta

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe que para garantir a viabilidade financeira da explotación mineira de Corcoesto a Xunta “está multiplicando por 60 as esixencias de fondos propios presentados pola empresa para levar a cabo o proxecto”, que deberán alcanzar o 25% do investimento previsto.

Recoñeceu Conde que “analizando polo miúdo todo o proxecto, identificamos claramente que tal e como está presentado agora mesmo non cumpre as garantías mínimas tanto desde o punto de vista da viabilidade financeira como desde o punto de vista da viabilidade técnica”.

Só ao final do comunicado a Xunta sinala que "a decisión de non autorizar o proxecto responde á posición do Goberno galego de garantir a máxima seguridade e as máximas condicións ambientais” nas actividades extractivas, apostando por “unha minería responsable e garantista”. Ao tempo que reitera que "o Goberno galego non mudou a súa posición con respecto á minería”.

ADEGA, Contraminacción e a Plataforma en Defensa de Corcoesto esixen a anulación da DIA

Tres dos colectivos máis activos na loita social contra este proxecto pola súa agresividade co medio ambiente coinciden en que esta é só a primeira batalla.

ADEGA, por exemplo, considera a parálise un "paripé da Xunta en Corcoesto" e critica que "pida garantías económicas e técnicas mais dos impactos nin chío", sinalando que "en realidade, só lle pedíu a Edgewater que puxera máis cartos e apresentara máis papeis". Piden así a anulación definitiva da polémica Declaración de Impacto Ambiental DIA.
Denuncia ademais que "o Plan Sectorial de Actividades Extractivas "PSAEG" segue en marcha, con máis "Corcoestos" dentro".

A Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños tamén esixe a nulidade dao DIA, pois considera que "o proxecto de Edgewater incumpre os requisitos ambientais e técnicos", como indica a Xunta na súa nota.
O que si valoran é que "esta declaración institucional vén dar a razón ás nosas denuncias de falta de rigor dos informes presentados dentro do proxecto" e esperan que "a nota non quede en papel mollado" anunciando que "Plataforma seguirá na súa loita contra este proxecto destrutivo en tanto non se produza a súa paralización definitiva e oficial".

A que tamén responde é a plataforma ContraMINAccion, que igualmente "esixe a nulidade da Declaración de Impacto Ambiental" solicutando "a retirada do proxecto mineiro" de Corcoesto.

"Corcoesto Si" amósase satisfeita coa nota da Xunta

Sorprende a reacción da Asociación vecinal Corcoesto Si, Mina Si", que apunta:

  • "Celebramos que a Xunta de Galicia por fin se manifestase respecto diso e poña en claro cales serán as esixencias técnicas e económicas que Mineira de Corcoesto deberá cumprir para que o proxecto poida ser aprobado definitivamente".
  • "Esta asociación sempre defendeu, e defende, que a mina deberá ser aberta coas máximas garantías e cumprindo o marco regulatorio óptimo".
  • "Baixo o noso punto de vista a Xunta de Galicia, co silencio que mantivo ata o momento, alentou e fomentado dúbidas técnicas e legais achega do proxecto, permitindo que se estendese unha crispación social e unha incerteza innecesaria por carecer de sustento científico".
  • "O comunicado emitido onte pola Xunta acaba por fin coa situación na que nos atopabamos ata agora, xa que, habendo definido as condicións que se esixirán para a aprobación do proxecto, poderase avanzar e a empresa estará en condicións de presentar cantos requerimientos fóronlle solicitados".
  • "Corcoesto Si, Mina Si espera que os trámites avancen agora con maior premura e pódese contar cunha aprobación definitiva canto antes, mentres esta asociación seguirá traballando para que así sexa."

O BNG: "Un triunfo da rúa"

Pola súa parte, p portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, considera que “o cambio de posición da Xunta sobre o proxecto da mina de Corcoesto, que agora decide frear, é un claro triunfo das movilizacións populares na rúa”.

Vence subliña que “o Goberno de Feijoó vese obrigado a recuar porque a sociedade galega, as organizacións políticas, ecoloxistas, viciñais e outras moitas entidades, sairon masivamente á rúa para paralizar un proxecto que supuña unha auténtica desfeita medioambiental, social e incluso sanitaria para o concello de Cabana e a comarca de Bergantiños. Foi un éxito da rúa, sen lugar a dúbidas”.


Máis información

Novas relacionadas

Artigos relacionados

Fonte

Comentarios