Xoves. 18.04.2024
El tiempo

A Xunta abre expediente á Mineira de Corcoesto por supostas sondaxes ilegais

A Xunta abre expediente á Mineira de Corcoesto por supostas sondaxes ilegais
Sondeos na mina de ouro de Corcoesto-Foto-Edgewater

A Xunta de Galicia vén de dar a razón á Plataforma pola Defensa de Corcoesto e ás asociacións de veciños de Corcoesto, Cereo e Valenza, que denunciaron que a empresa Mineira de Corcoesto estaba realizando de xeito ilegal sondaxes de exploración mineira e xeotécnicos nas cuadrículas mineiras que configuran o permiso de investigación Julia 2 e Julia 3, que se atopan en tramitación na actualidade e que afectan principalmente ao Concello de Coristanco.

Segundo a Plataforma, "a empresa mineira non dispoñía de autorización administrativa para a realización destes traballos, que se desenvolveron sen ningún tipo de control medioambiental na zona de dominio público hidráulico e de policía do río Lourido". Ademais do anterior, "a empresa tampouco dispoñía de autorización de Augas de Galicia para captar auga do citado río para o funcionamento da maquinaria usada nestes traballos".

Estes feitos vén de corroboralos agora a Xunta de Galicia, que a través de Augas de Galicia e da Consellería de Medio Ambiente, vén de comunicar aos veciños afectados o inicio dun expediente sancionador contra a empresa “Mineira de Corcoesto, S.L.”, motivado pola denuncia presentada por estes por realizar obras de sondaxes e calicatas na zona de policía do río Lourido, "carecendo de autorización", inciden.

Neste sentido, a Plataforma recorda que "non é a primeira vez que esta empresa incumpre as normas legais, xa que desde o ano 2001, e ata xaneiro de 2013, exerceu a súa actividade nunha nave agrícola de Corcoesto sen licenza municipal, contaminando as praderías situadas ao seu carón, con residuos derivados do procesado do material extraído nas exploracións realizadas nos montes da parroquia. Foi a raíz dunha denuncia, tamén presentada polos veciños, como a empresa tivo que pechar este centro de traballo" en decembro do ano pasado, recordan.

Novas relacionadas

Artigos relacionados

Máis información

Fonte

Comentarios